Entrevista | Carmela Silva Presidenta da Deputación de Pontevedra
“O feminismo de Pardo Bazán ten que seguir impulsándonos a todas”
“Os I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías vinculan a pegada indeleble dunha autora única co liderado das mulleres da provincia na actualidade”
M.Bueno
“Única” e “exemplar” son os adxectivos que máis repite a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cando se trata de Emilia Pardo Bazán. Analiza a súa figura con motivo do lanzamento dos I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías, organizados por FARO en colaboración coa institución que preside para pór en valor a figura dunha das nosas autoras máis salientables e recoñecer ás mulleres da provincia que seguen a súa estela nos eidos do feminismo, a cultura e o turismo.
– Que momento vive o feminismo?
– O feminismo ten hoxe un enorme poderío; un movemento planetario, cunha longa traxectoria e unha filosofía moi potente detrás, que é a igualdade na humanidade. É certo que aparece unha corrente negacionista, seguimos facendo fronte a novas dificultades, pero somos imparables, porque: quen pode parar á metade do mundo?
– Fala de “novas dificultades”, segue sendo preciso reivindicar referentes entre as nenas?
– É fundamental. Sen referentes, sería imposible que as mulleres optásemos por profesións tradicionalmente masculinizadas, por matricularnos en carreiras STEM, por ter poder para decidir… Que vexamos mulleres ocupando todos eses espazos ten un valor innegable.
“Adiantada ao seu tempo, forte, empoderada, cultísima; sempre estivo moi comprometida coa provincia e con Vigo, tiña unha idea moi clara do noso valor e do noso futuro”
– Que papel xoga neste senso a figura de Emilia Pardo Bazán?
–Emilia Pardo Bazán foi sen ningunha dúbida unha muller adiantada ao seu tempo; forte, empoderada, cultísima, única; moi comprometida co territorio, con Galicia, e particularmente coa provincia e con Vigo. Persoalmente, encántame un dos textos que escribiu, no que dicía claramente: “Eu son unha radical feminista; creo que todos os dereitos que ten o home, debe telos a muller”. O que hoxe aínda nos critican algúns, ela dicíao xa fai máis de cen anos en público. Non se rendeu nunca. Poñela en valor é fundamental para que nenas, mozas e mulleres saibamos que sempre houbo outras que abriron camiño e sigamos o seu exemplo.
“Estou desexando que chegue a gala do vindeiro día 29, vai ser un acto fermosísimo e moi poderoso. Temos moito do que sentirnos orgullosas”
– Menciona o compromiso de Emilia Pardo Bazán co territorio. Precisamente o ano pasado FARO e a institución que vostede preside xa colaboraron nun intenso proxecto para mostrar a súa relación co “País das Rías”, como ela chamaba á provincia de Pontevedra, sorprendeu esta vertente “segreda” da escritora entre o público?
–Temos que estar moi agradecidas a Ceferino de Blas pola súa labor investigadora no libro “Emilia Pardo Bazán no País das Rías”, que serviu para visibilizar a esta gran muller e dar a coñecer a súa extraordinaria relación coa provincia de Pontevedra. Tanto a publicación como a exposición que recorreu despois toda a provincia foron un acerto absoluto e eu persoalmente agradézoo moitísimo.
– Foi unha gran embaixadora das Rías Baixas xa daquela?
– Non só iso, senón que outorgou a todas as cousas que nos identificaban un inmenso valor: o termalismo, a nosa paisaxe, a nosa cultura. Escribiu algo tan bonito como que, en ningún lugar do mundo, hai atardeceres como os das Rías Baixas, como os de Vigo.
–Estes I Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías nacen con vocación de dar continuidade a todas estas iniciativas do centenario…
– É que as grandes ideas non poder nacer e desaparecer, hai que seguir facendo da súa figura un pulo para outras mulleres. Emilia non foi só unha muller feminista, ou só unha muller da cultura; senón que tamén tivo unha idea moi clara de como tiña que ser o desenvolvemento económico de Galicia e da nosa provincia. Por exemplo, ela resaltaba moitísimo o poderío industrial e económico de Vigo, sorprendíalle e púñao como exemplo de cidade emprendedora. Por iso, estes premios son unha idea extraordinaria porque tocan todas aquelas ideas que ela xa defendía e vinculan a unha figura que deixou unha pegada indeleble coa actualidade, pondo en valor ás mulleres de hoxe, que lideran nos ámbitos do feminismo, a cultura e o turismo.
– O vindeiro día 29 de novembro, a Sede de Fundación en Vigo acollerá a gala dos galardóns, e promete converterse nun gran día para celebrar, ten moito do que sentirse orgullosa a provincia de Pontevedra?
– Si. De verdade que sen ánimo de ser petulante, nin localista, eu creo que a provincia de Pontevedra e a cidade de Vigo son as máis avanzadas, as máis dinámicas, as que teñen maior poderío innovador e emprendedor. Temos que sentirnos moi orgullosas e orgullosos, non soamente a nivel empresarial e industrial, que por suposto, senón tamén cultural. Dende logo a entrega de premios vai ser un acto fermosísimo e moi poderoso, estou desexando que chegue xa e quero felicitar ao FARO por esta iniciativa porque é fundamental que os medios de comunicación tamén se impliquen.
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- Vuelve a cambiar el precio de la bombona: esto es lo que costará a partir del martes
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Una mujer divorciada recurre al Constitucional para evitar que ella y su hijo sean desahuciados
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase
- Iago Aspas incendia las redes con el penalti no pitado al Celta