13 propostas para o Culturgal, que cumpre década e media
Cemma e o colectivo Rampla presentan na cita o novo xogo de cartas de mamíferos mariños mentres Semente fará o mesmo coas comarcas de Galicia | Gran concerto en clave galega, o sábado

Cemma presenta unha baralla de cetáceos no Culturgal. / CEMMA

O Culturgal cumpre 15 anos e retorna esta semana ao Pazo de Congresos de Pontevedra para ofrecer ata o domingo (hoxe, para os profesionais, e dende mañá para o público xeral) diversas actividades e propostas –un total de 130 repartidas nos escenarios Libro, Música, Teatro, Profesional, Arte, Cinema e Infantil/Familiar– para alumear a cultura de Galicia.
Velaquí 13 exemplos da amplia programación. Máis información, en culturgal.com.
Mañá venres, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) e o colectivo de Cedeira Rampla presentan ás 17.00 horas o xogo de cartas dos mamíferos mariños. Trátase dunha baralla na que se busca facer parellas de animais acuáticos ao tempo que se aprende a identificalos visualmente e polo nome. Para isto, aparece este no nome científico, en galego, castelán, euskera e inglés, segundo adianta Alfredo López, de Cemma. Este lembrou que Rampla, hai un tempo atrás, editara unha baralla de cartas con aves.
A raíz de que un dos seus responsables localizara varado pero vivo un lobo mariño en Baiona e se puxese en contacto coa Coordinadora, comezaron a pensar na posibilidade de facer o mesmo que fixeran cos paxaros pero na nova volta con cetáceos. López, que é biólogo e ilustrador (coñecido como Tokio), forneceunos de material. O resultado pode comprobarse na feira cultural onde se pode adquirir. Quen non poida achegarse pode consultar o Facebook de Rampla. Sinala López que “o obxectivo é divulgar estas especies” para que estas non se extingan pero tampouco os seus nomes.
Se están a procurar un agasallo para o Nadal ou Reis, este pode ser un para a cativada. Semente presenta “Baralho as comarcas galegas” para aprender as unidades administrativas do país. Se anos atrás con “Árvores na Galiza” ofreceran un xogo de cartas para aprender as árbores, agora a aposta é recoñecer as comarcas que agrupan os municipios.
Outra iniciativa é LoGaliza, un xogo online para aprender a xeografía do país. Ademais, o Culturgal tamén presenta unha xornada de xogos de mesa en galego con Brazolinda. Ambas as dúas iniciativas, mañá venres tamén en distintos puntos do Pazo de Congresos.
A directora Ángeles Huerta presenta ás 19.00 horas de mañá o seu novo filme, que pronto chegará ás salas comerciais, con Tamar Novas, Victórica Guerra, María Vázquez ou Federico Pérez, entre outros. Trátase dunha historia que adapta un relato do escritor galego Méndez Ferrín.

Nova Galega Danza presenta novo espectáculo. / mar mato
A danza tamén ten o seu espazo no Culturgal. O venres Nova Galega de Danza presenta o seu último espectáculo, “Credo”, onde a poesía do poeta Celso Emilio Ferreiro está presente para axudarnos á nosa viaxe interior. Ademais, o porriñés Daniel Rodríguez aproveita tamén para presentar “A raíz”, un proxecto premiado en Danza Ourense este ano. Nel traballa a partir da danza tradicional galega para “construír un eu contemporáneo”, sinala a organización que engade que chegará coa súa xira ata América.
Falta moito para o verán pero non está de máis gardar na casa un libro que nos guíe nas horas previas á noite máis máxica do ano para conformar o ramo que marcará o ano. Silvia Domínguez, con Patasdepeixe Editora, presenta este libro que contará rituais e aspectos antropolóxicos do San Xoán galego.
O arquipremiado Alberto Vázquez e o seu equipo presentan unha das mellores longametraxes de animación do ano en España. Con selo galego, “Unicorn wars” amosa a contenda entre osiños (nada amorosos, por certo) e os unicornios (que loitan pola súa supervivencia, obxecto dunha persecución atroz). O filme, para público adulto, ten a súa proxección ás 17.30 horas do sábado. Para os máis noviños, “Valentina” mostrará o universo dunha nena especial.
A compañía galega de teatro en galego con máis peso alén das fronteiras, Chévere, cumpre 35 anos e acode á feira cultural de Pontevedra co libro “Chévere 1987-2022, trinta e cinco anos de axitación cultural”, editado por Kalandraka.
É unha das autoras de referencia na poesía galega e cumpre 50 anos neste compromiso. Falamos de Helena Villar Janeiro. O director xeral de Galaxia, Francisco Castro, conversa coa autora, tamén o sábado.
De vernes a domingo, o programa ofrece diversos obradoiros para a cativada: dende encuadernación, aprendizaxe e gamificación co polygon-e software ou a recollida de dentes de leite entre nenos como vén facendo ano tras ano o CSIC. Outra iniciativa é a de María Meijide para crear autorretratos para relacionar os nenos co mundo da arte.

Antía Muíño actúa o sábado. / mar mato
Catro nomes enormes da música galega e en galego contemporánea actúan este sábado no Culturgal para ofrecer dende tradi a pop ou electrónica.
Sabela Hermida e Isabel Blanco presentan este documental sobre a grande actriz galega de influencia internacional. Poderá verse o domingo.
A compañía galega Elefante elegante presenta “Cubo”, para un público a partir dos cinco anos. Nun misterioso cubo, dúas persoas moi diferentes logran vivir en harmonía.
Quintas ofrece o domingo o espectáculo de danza contemporánea Multiperspectivas#2 que explora cos límites das artes escénicas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- El desfile aéreo de las Fuerzas Armadas: «Una exhibición con la precisión de una operación quirúrgica»
- El padre César Mañueco, el joven monje que guía el Monasterio de Oseira: «Los que estamos aquí no venimos de Marte»
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- Una jueza de Vigo condena a una empresa de fotografía por dejar a los novios sin el álbum de su boda
- Un nuevo proyecto en Pinténs amplía la oferta turística de Cangas con un campamento denominado Cova das Minas
- Stellantis 'entrega' al grupo chino Dongfeng la «joya» de Citroën en Francia
- Las mejores despedidas
