A presentadora e escritora María Solar está a presentar o seu último libro ata o de agora, “A culpa”, Premio Xerais de Novela, por toda Galicia e onte recalou no Club FARO en Vigo. Alí falou principalmente das dúas protagonistas do libro, dúas mulleres “fortes”, destacou, que deixan Galicia coa súa adolescencia para emigrar a América unidas sempre ambas as dúas por un segredo e tamén pola culpa. Sobre a historia destes dous personaxes pero tamén tendo en conta a realidade, Solar sinalou: “Ás veces, non estamos preparados para o que pasa no mundo”.

Presentada polos tamén escritores Fran Alonso (este, ademais, editor de Xerais ) e Eva Mejuto, a autora compostelá explicou que as dúas protagonistas, Mira e Marcela, “buscan construír unha vida” que dá un xiro cun acto “moi grave” aínda que con elas tamén hai “gravidade” en como o sistema as trata.

Porén o arranque da novela sitúanos nunha vila galega, na vida dunha muller nova, Amanda, que traballa nun banco e que un día descobre que a vella descoidada pero millonaria que os visitaba cada seis meses para ter á raia as súas contas fina para declarala a ela herdeira universal.

A partir de aí, xorden interrogantes na cabeza da rapaza: por que lle deixara a ela o diñeiro se a muller tiña familia (unhas sobriñas), quen era e quen fora esa vella, como realmente amasara unha cantidade desorbitada de cartos...

Recoñeceu Solar que consultou cunha avogada de Vigo para dar verosimilitude ao relato cando sinala que en España podes herdar “e non sabelo”.

Ao coñecer a rapaza que é herdeira, o libro dá un chimpo cara atrás cara o ano 2004 e Bos Aires para seguir o seu percorrido no que se presenta un thriller psicolóxico. A propia María Solar advertía onte que esta é unha “novela que ten varios xéneros dentro” , incluído o de Diario, para Eva Mejuto destapar que inclúe anacos dun diario cuxos parágrafos son chave para coñecer e comprender os detalles da historia que a presentadora do programa “Zig Zag” da TVG tardou cinco anos en escribir e en lograr a documentación necesaria.

Así pouco a pouco imos coñecendo que unha das dúas amigas da mocidade sobre as que xira o libro, Mira, se converteu na Arxentina nunha diva que María Solar colocou ao nivel de figuras como Sara Montiel, Norma Duval ou Mari Trini.

A outra, Marcela, acompáñaa ao longo dos anos. “As dúas son millonarias pero están rotas por dentro”, engadiu Solar quen admitiu: “Non sei por que escribo; son moi moi fantasiosa”, para engadir “escribo pola necesidade de contar cousas”.

Contou tamén Solar que “levaba cinco anos coa historia na cabeza e necesitaba vomitar a novela”, un tempo longo pero menor do que empregou para reunir a documentación e perfilar a narración de “Os nenos da varíola”.

Ademais, da culpa recoñeceu que o amor tamén traspasa as páxinas da novela, o amor en diferentes dimensións no que en determinados momentos “imponse a razón sobre o corazón. As protagonistas teñen unha vida moi rica, son felices” nalgúns momentos para, noutros destapar unha dor enorme. “Se che fan un favor moi grande, cando acabas de pagalo?”, preguntouse a narradora. “Son dúas rapazas das que unha sente que a outra lle debe máis e máis” a raíz dun segredo, “dun acto delituoso”.

“É a evolución dunha persoa que termina sendo unha psicópata” e “o libro remata co seu plan”, sentenciou a escritora quen tamén destacou que “o libro ten unha perspectiva de xénero clara”, para louvar a traxectoria dos Premios Xerais nestes 39 anos de vida e para os que dende adolescente reservaba parte do diñeiro que tiña para mercar o libro gañador.

Fran Alonso resalta que os Premios Xerais cumpren os seus 40 anos o vindeiro 2023

Salientou onte o director de Xerais, Fran Alonso, que a característica principal dos Premios Xerais é que son uns galardóns que se conceden a través dun xurado conformado por xente lectora. “Esa é unha das súas principais peculiaridades”, resaltou para, a continuación, engadir que no vindeiro exercicio de 2023 cumprirán 40 anos. Ese camiño iniciouse no 1984 con “Crime en Compostela”, de Carlos Reigosa, –que será reeditada para o ano no formato de libro de peto– “que inaugurou a novela negra” en Galicia para seguir despois no galardón á mellor novela obras históricas, poéticas, experimentais ou doutra índole. Fran Alonso mostrou a súa convicción de que a gañadora este ano do galardón “deixará pegada. É magnífica e ten grandes posibilidades de ser lida por público amplo”. Ademais, na próxima primavera, o libro será editado en castelán e catalán, adiantou tamén Alonso. Pola súa parte, Eva Mejuto resaltou que María Solar leva 25 anos no mundo editorial dende que vira a luz o seu primeiro libro, “As meigas de Lupa”. En canto a “A culpa”, Solar recoñeceu que hai moitas dimensións para esta verba. “Cando non tes tempo, sénteste culpable”, sinalou. Preguntada pola escritora Ledicia Costas, que acudiu onte á presentación como público, sobre cal era o tema que se remite na súa literatura, María Solar recoñeceu non telo claro. Non obstante, tras unha rápida reflexión de segundos, indicou que se hai un fío condutor nos seus distintos libros este pode ser “a persoa que é diferente, á que fan sentir diferente”.