Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra son algunhas das figuras que protagonizan Sophias, o último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende reivindicar a importancia das filósofas e a vixencia do seu pensamento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou onte no IES Politécnico de Vigo o proxecto que “inclúe dunha maneira moi especial a visión que as mulleres tiveron dentro da historia”. Euloxio Santos Leites, director do centro, agradeceu a elección deste. “No Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas,” apuntou Carme Adán, responsable deste proxecto elaborado por Cristina de la Torre e interpretado por María Roja e Marta Pérez. As actrices estiveron tamén presentes nun acto no que a filósofa María Xosé Agra ofreceu un relatorio sobre a importancia das mulleres na filosofía.