O falecemento da palmeira máis vella do lugar e como afecta ao poeta e á comunidade marca o inicio do último poemario de Anxo Angueira, director da Fundación Rosalía de Castro, que levaba quince anos sen sacar do prelo novos poemas. Onte en Vigo presentou a obra, “Palmeiras, piueiros”, que xa vai pola segunda reedición con Chan da Pólvora.

Na presentación, Angueira declamou algúns dos poemas do libro, acompañado polo músico Secho, de Dodro.

Ademais, participaron no acto –que se desenvolveu en Río Lagares, na rúa Falperra da urbe olívica– Farruco Sesto, exministro de Cultura de Venezuela; e a viguesa Moncha Fuentes.

O libro ofrece tamén poemas sobre o galego que loitou e morreu xunto aos kurdos en Siria contra o Estado Islámico; sobre a loita obreira do metal; e a recuperación de embarcacións tradicionais de A Guarda, entre outros.