“As que limpan”, a obra teatral da compañía viguesa A Panadaría premiada este verán na Mostra de Cariño e na Feira de Ciudad Rodrigo– poderá verse esta fin de semana na Sala Ártika de Vigo ás oito da tarde.

A peza, unha coprodución co Centro Dramático Nacional que funcionou moi ben en Madrid, leva meses a rodar pola xeografía galega es española ao presentar a súa visión do mundo das limpadoras de hoteis.

Areta Bolado –actriz e dramaturga de O Porriño que ten gañados varios premios María Casares con A Panadaría– lembra que “foi unha sorpresa” que o CDN as chamara para colaborar. “Sabemos que parte do equipo directivo asistira a unha función do noso espectáculo anterior, ‘Elisa e Marcela’. Despois falaron connosco e propuxéronnos non só actuar alí senón participar economicamente na produción. Foi moi importante ese apoio e aval”.

En total, foron 23 funcións no Teatro María Guerrero con “liberdade total” para traballar o tema e a metodoloxía, engade a intérprete galega.

Quen se achegue a velas, verá un escenario sen artificios materiais, sobrio, para reforzar a interpretación, música e forza da palabra.

Neste caso, a dramaturxia desenvolveuse tras realizar diversas entrevistas “a limpadoras domésticas e camareiras de piso dos hoteis. Accedemos a moita documentación e estudos e tamén fixemos formación en economía feminista”.

Escena de "As que limpan" Pilar Abades

Despois chegaron os ensaios, con moita improvisación, todo recollido en vídeos que serviron para reescribir “unha e outra vez o texto hasta a versión final”, detalla Bolado.

“Enchoupámonos moito da temática e das vivencias destas mulleres. No noso caso, estamos moi implicadas co que falamos como creadoras”, engade.

“As que limpan” vai amosarnos o mundo das mulleres que limpan nos hoteis “que nesta historia van organizar unha revolta contra o dono do hotel e tamén contra o presidente, non sabemos se o da Xunta ou do Goberno, pero é un político que ten certos tratos co propietario do establecemento”, aclara.

Os personaxes levan os nomes reais de camareiras de piso coas que falaron como Isabel que traballou no Grove ou Carme que estivo en hoteis de Madrid. Estes personaxes son intercalados ao longo da función con outros máis caricaturescos de homes, empresarios, de xeito que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailé Kendelman dan vida a varios papeis na peza.

Recoñece Areta Bolado que sabían dende o inicio que o traballo das limpadoras era duro e con pouco recoñecemento social “pero non coñeciamos a fondo a cuestión das camareiras de piso e fíxonos replantexarnos moitas cousas como clientas de hoteis”.

A Panadería en "As que limpan". Leticia T Blanco

Sobre isto último, nun monólogo falan dos carteis que vemos nos hoteis convidando a deixar as toallas lixadas no chan. “Elas dicíannos que unha toalla mollada pesa o triple ca unha seca, collelas do chan supón moito esforzo e recarga as costas, polo que propoñen deixalas mellor no lavabo para non ter que agocharse”, sinala Bolado.

Ante todo, propoñen concienciación ante a sobrecarga de traballo, presión, medicación, doenzas laborais por repetición de movementos... que compoñen a carta de presentación deste colectivo.

Como sinal de identidade, haberá pezas musicais pero avisan que son a antítese de Broadway. Iso si, hai moito traballo vocal, temas a capella e só un pouco de percusión coas vasoiriñas e cubos en ritmos variados de bachata, xota e música dos anos 60.

Se poden, non se perdan esta obra desta nova compañía galega que ten demostrado de sobra a súa valía sobre as táboas.