Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novo chimpo da poesía galega ao alemán cun libro que traduce a seis poetas da terra

As elixidas son Luz Pozo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Olga Novo, María do Cebreiro e Dores Tembrás | A obra preséntase esta fin de semana nun encontro impulsado pola Universidade de Kiel

Pilar Pallarés. Víctor Echave

Titúlase “Sechs Dichterinnen aus Galicien. Stimmen der Erde”, é dicir, “Seis poetas galegas. Voces da terra” e é o novo libro de poesía galega que sairá do prelo este días e que levará por toda Alemania unha porción do espírito poético deste noroeste nas escritas de Luz Pozo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Olga Novo, María do Cebreiro e Dores Tembrás.

Chus Pato. | // RAG mar mato

A presentación en Galicia terá lugar mañá sábado no Pazo de Mariñán en A Coruña nun acto que contará coa participación de parte das poetas homenaxeadas, dos seus tradutores e do artífice deste proxecto, o profesor Javier Gómez Montero, da Universidade de Kiel, do Centro de Estudos Galegos na devandita institución.

A presentación da obra encádrase no encontro “Escritoras e escritores galegos en tradución” que comezou onte en Mariñán e se prolongará ata mañá. “Facémolo desde a Universidade de Kiel con estudantes nosos en colaboración coas profesoras Olivia Rodríguez e Cristina Patiño da Universidade de A Coruña e de Santiago de Compostela”, respectivamente, detalla Gómez Montero.

Estas profesoras colaboraron no só no libro das seis poetas galegas senón tamén na “Antoloxía de contos de Pardo Bazán”, traducidos ao alemán, do que se dará conta tamén nesta xornada. Nesa obra, tanto Rodríguez como Patiño axudaron na selección dos relatos. A primeira fixouse no relacionado coa violencia de xénero e a contextualización da muller na sociedade do tempo de Arenal; mentres Patiño fixo unha aportación de contos prestando atención á topografía coruñesa (cidade e mariña) e o contraste entre o rural e a urbe.

En canto a “Seis poetas galegas”, Montero lembra que é un proxecto de longo percorrido. Foi no 2010, coa presentación de “Catro poetas galegos” cando este profesor e estudoso prometeu ofrecer unha antoloxía con creadoras de poemas en feminino de Galicia.

“Son 400 páxinas en galego e alemán nunha obra na que colaboraron Olivia Rodríguez e María Xesús Lama López (esta última da Universidade de Barcelona). Con elas e coas autoras fixemos unha selección de poemas que os tradutores perfilaron e pecharon”, sinala o experto.

As temáticas que serven de alicerce para presentar os poemas son “a identidade feminina, natureza, a nación e as raíces maila recuperación da cultura material perdida no concepto de comunidade vencellado á muller”, detalla Montero.

Unha presentación adiantada da obra en Alemania realizouse en Hamburgo días atrás con Dores Tembrás e Yolanda Castaño xunto a dous tradutores. “Foi –sinalou Montero– unha mesa redonda sobre literatura e muller en Galicia porque Castaño está noutra antoloxía, ‘Seis escritoras de España” –en proceso de elaboración editorial– como única representantes en galego.

Compartir el artículo

stats