Os eurofans volveron falar e de novo votaron por unha artista galega para acudir a Benidorm Fest e, por que non?, chegar a Eurovisión. Se o ano pasado foran as Tanxugueiras -que estarán en Vigo, na FNAC, o día 20, para asinar discos- a proposta preferida para o festival do Mediterráneo, desta vez foi Hydn, co seu proxecto en galego e inglés, que se colou nunha lista dos doce músicos máis votados o pasado verán.

De momento, no seu YouTube ten colgados tres temas con gran peso dos sons electrónicos e cunha mensaxe forte en cada un deles. En “Midnight hunt”, que comeza con ‘doce da noite, vou lista a matar’, detalla que “está inspirada en varias películas. Fala dun personaxe que vai cazar violadores. Misturo mundos para crear esta canción”, explica unha rapaza que confesa que Hydn, ante todo, é un personaxe musical. “É un pouco vampírico pero non se sabe se bo ou malo”, recalca.

A súa canción máis visionada ata agora e que rachou aos eurofans é “Drowning fire” –que xa presentou no Luar–, producida por David Vázquez. Nela, fala de que sente que afoga, que loita contra a súa escuridade. “Naceu da necesidade de facer música eu soa. No propio videoclip mátome a min mesma [de aí que na letra nun momento sinale en inglés, ‘por suposto, ela está morta’]. Fago referencia ao último video clip con Inland Valley, o meu anterior grupo. É o medo de afogar no meu propio lume e non ser capaz de facer a música que eu quería, de explorar un novo son. Tamén ao falar da escuridade,realmente quero expresar que a abrazo porque é algo que me empodera”, detalla.

O terceiro single é “FIRETOUCHED”, un tema moi bailable, producido por Berto (o 50% de Verto). “Fíxeno pensando na atracción que podes sentir por alguén”, explica.

A coruñesa, de nome profesional Sandra Guedev, recibiu a nova de figurar entre as 12 cancións máis votadas polos eurofans para acudir ao Benidorm Fest como un impulso para optar ao certame que xusto onte pechou a recepción de candidaturas.

“Pensei ao principio que era un erro. Parecía irreal, como se vivira unha simulación. Lembro o sentimento de verme no top 12 e esa sensación tan bonita non ma vai quitar nunca ninguén”, recorda.

“O punto decisivo polo que dixen que si me quería presentar –explica– foi cando o ano pasado vin as Tanxugueiras no Benidorm Fest. Nunca tivera esas expectativas para a música en galego. Pensei ‘para o ano vou eu. Quen sabe?’. Empecei a lanzar en febreiro deste ano música con Hydn, porque antes tiña outro grupo. Só levo oito meses e as expectativas de que me seleccionaran eran baixísimas pero unha vez pasou o da enquisa e o resultado de estar entre as doce favoritas, pensei que igual si tiña posibilidades”, explica a artista.

Hydn naceu como a necesidade que teño de expresar ese lume que levo dentro

Respecto a se non teme entrar na roda dun certame que non foi transparente nin xusto na edición deste ano (lembremos que parte do xurado tiña certa amizade con Chanel), Hydn responde que “son moi consciente do que hai e de onde me meto. Que pase o que teña que pasar, vou intentar ir co meu ata onde poida”.

Sandra recoñece que tivo que preparar a canción “a contrarreloxo” con enorme traballo descartando cancións e sons, “no medio dunha crise creativa”, confesa, ante as dúbidas de acertar co tema idóneo. “Unha semana tiña clara a canción que ía levar e días despois tiraba todo e empezaba outra de novo”, engade con voz divertida unha moza que se criou en Cee para despois trasladarse coa familia a A Coruña.

Respecto ao nome do proxecto, Hydn, detalla que é unha iniciativa en solitario que racha co seu anterior grupo, Inland Valley, “co que facía música para chorar”.A definición facilitada mesmo abraia. “Si, así era como o vendiamos. Pilloume nunha etapa da miña vida que para mí era a miña forma de desfogar. Pero chegou un momento no que non me enchía. Quería probar máis sons, instrumentos, temáticas... construír outro personaxe”, completa.

Hydn, nunha foto promocional Nuria Rey @moekko x

Así, naceu Hydn, “como a necesidade de expresar ese lume que teño eu dentro. Estiven meses e meses a buscar un nome ata que lembrei que había un documento de nomes descartados para o anterior grupo e Hydn era o último. Fora un nome que se me ocurrira a min e pensei que era perfecto. Para min, se as cousas non teñen dous ou tres significados, non me gustan”.

Hydn por unha parte tamén revela unha defensa da lingua: “Eu quero darlle visibilidade, que o escoite xente que non sabe que existe. Por outra parte, gústame profundizar en min, en sentimentos e pensamentos; por exemplo, como sería eu se nun punto da miña vida non tivera ido a terapia”.

O nome do proxecto, con só catro letras, ademais agocha outras como o significado da transcripción fonética de escondida en inglés.

En Hydn, a posta en escena queima cos deseños de Madame Caolín reforzados pola maquillaxe e peiteados que a propia Sandra se fai a si mesma, así como por unha coreografía moi coidada e milimetrada.

Hydn Nuria Rey

Os coñecementos musicais de Sandra véñenlle da autoformación e de recibir nos últimos tempos instrución dunha vocal coach (adestradora de voz). “Compoño moitísimo por oído. Teño nocións básicas pero no que máis fago fincapé agora é na formación vocal. Cando poida vivir da música metereime a tope en clases, a estudar, e no futuro quero aprender a producir”, conclúe a artista.