Marica Campo, María Victoria Carballo-Calero, Melania Cruz, os cursos Música en Compostela, Xosé Manuel Gayoso, Manuel González, Xacarandaina e o programa “ConCiencia” son os galardoados cos Premios da Cultura Galega 2022 cos que a Xunta de Galicia distingue cada ano a “excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.

Mª Victoria Carballo-Calero. | // I.O.

O xurado, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reuniuse onte para distinguir aos galardoados nas categorías de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Culural e Proxección Exterior, respectivamente. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira; o reitor da USC, Antonio López; a coordinadora de Patrimonio e Bens Culturais presidenta do Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea; o académico da Real Academia Galega de Belas Artes Xurxo Lobato, e profesionais da cultura como Zaza Ceballos, produtora audiovisual e galardoada en 2021; Elena Pardo, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso; e Xosé Eduardo López-Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo formaron o xurado.

Melania Cruz. | // LCO

María Pilar Campo Domínguez (O Incio, 1948), coñecida como Marica Campo, é unha das escritoras máis recoñecidas da literatura galega. Até a súa xubilación, exerceu como mestra, o que marcou a súa obra. En 1992 publicou o seu primeiro libro “Após as portas do rostro”. Ten distintos premios, como o Fiz Vergara Vilariño.

Manuel González González. | // C.P.

María Victoria Carballo-Calero (Ferrol, 1942) é historiadora da arte galega especializada en contemporánea, arquitectura e cidade. É catedrática emérita de Historia da Arte na Universidade de Vigo e académica da Real Academia Galega de Belas Artes. Filla de Ricardo Carballo Calero, participa en varios padroados culturais. Ten o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.

Xosé Manuel Gayoso. | // TVG

Melania Cruz (Lugo, 1983), actriz diplomada en Maxisterio pola USC e titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia (2016), comezou na interpretación no teatro en 2004 e en 2012 foi unha das creadoras da compañía ilMaquinario Teatro. En 2016 recibiu o Premio María Casares polo seu papel en “Xardín suspenso”, do Centro Dramático Galego. Debutou no audiovisual en 2014, en “A esmorga”. Ten un Mestre Mateo á mellor actriz protagonista por “DHOGS”.

O presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso (A Coruña, 1956) é un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia da man do programa “Luar”. Licenciado en Dereito na USC, comezou a traballar na TVG desde a súa inauguración en 1985. Presentou programas como “Entre nós”, “Boa Noite” e “Pensando en ti”. En 2017, recibiu a Medalla Castelao.

Os Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela naceron en 1958 e levan a cabo un labor de preservación, coñecemento, formación e difusión do patrimonio musical, ademais do coñecemento dos autores e da música española no exterior. A súa creación foi iniciativa do mestre Andrés Segovia, apoiado polo diplomático José Míguez Morais, director xeral de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores.

O filólogo Manuel González González (Mazaricos, 1951) é un dos intelectuais galegos máis relevantes do último século. A súa dedicación ao estudo e defensa e promoción da lingua galega fan del un alicerce fundamental na normalización do galego. É membro numerario da Real Academia Galega de coodinador científico do Centro Ramón Piñeiro.

O programa de divulgación científica “ConCiencia”, creado en 2005 e que coordina o físico e divulgador Jorge Mira, é unha iniciativa articulada sobre a base de visitas de Premios Nobel a Galicia, co obxectivo de situar a capacidade creativa galega nos escenarios intelectuais máis exclusivos do mundo. Impulsado pola USC e con apoio do Consorcio de Santiago, após 17 anos de existencia ininterrompida, máis de 40 personalidades visitaron esta cita anual.

Así mesmo, a Asociación Cultural Xacarandaina, fundada en 1978, sigue a ser un referente da recuperación e catalogación dunha base importante do legado artístico tradicional galego, con traballos de campo progresivos ao longo do catro décadas.