Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A saga supervendas da literatura xuvenil galega “Os Megatoxos” cumpre 15 anos

A piques estivo de ser publicada en castelán pero esixían eliminar os nomes en galego e o autor, Anxo Fariña, negouse

Anxo Fariña coa nova aventura dos Megatoxos, no balcón da súa casa. ALBA VILLAR

“Os Megatoxos” é un dos éxitos máis destacados da literatura infantil e xuvenil con selo galego deste século. Neste 2022, cumpre aniversario redondo: 15 anos dende que o seu autor, o vigués Anxo Fariña, decidiu comezar coas aventuras de catro mozos galegos especiais. Faísca Malvar, Lúa Serea, Ninfa Carballa e Ruxe Ferreiro –acompañados doutros personaxes– levan cruzando xeografía e historia nunha dobre vida pola mutación xenética causada polo toxo.

Para celebrar este 15 aniversario, da man de Xerais, Anxo Fariña vén de sacar do prelo a sétima entrega: “Os Megatoxos e o reto de Internet”, un libro moi agardado polos seus fans tras anos de espera.

Pero antes de falar con Fariña por esa paréntese, ofrecemos os datos de venda dunha colección que comezou no ano 2007 coa extinta A Nosa Terra para enlazar con Xerais posteriormente.

Precisamente, dende esta segunda editorial informan de que a colección “leva vendidos preto dos 24.000 exemplares dende hai pouco máis de dez anos”.

Anxo Fariña. Alba Villar

De todas, a entrega máis exitosa en vendas foi “Os Megatoxos e o aprendiz de druída”. Un total de dez edicións leva con case 10.000 exemplares vendidos, todo un éxito para un libro en galego e para lectores cativos.

“Ese título destaca sobre os demais, sinalan dende Xerais, pero todos teñen uns datos de vendas moi bos que os sitúa entre as sagas en galego que máis interese teñen xerado entre as xeracións máis novas”.

“Agora hai moitas coleccións deste tipo –reflexiona Fariña– pero naquel momento non había moitas para a rapazada que trataran temas de ciencia ficción e de viaxes no tempo. Como sempre foi un tema que me gustou desde pequeno, ocorréuseme facer unha historia así pero divertida”.

En canto a botar man do toxo como planta mutante, Anxo Fariña recoñece que a idea a herdou das historietas de superheroes da súa infancia. “Pensei en que os rapaces protagonistas se picaran cun toxo, algo moi noso. Quixen coller esta planta á que moita xente non lle dá valor para convertila nalgo de orgullo, nunha planta que é resistente e fermosa”.

Así, en cada libro foi choutando de época histórica para levar aos Megatoxos a diversos lugares mesmo Xapón. “No xaponés hai palabras inspiradas no portugués e hai zonas de Xapón na que o falan porque uns dos primeiros occidentais en chegar alá –con expedicións nas que tamén ían galegos– foron os portugueses. Isto sorprende nos institutos cando o explico”.

Na última aventura, os Megatoxos non viaxan no tempo senón “a unha realidade paralela que é a realidade de Internet. Eu falo das luces e das sombras do mundo dixital, tamén hai virus, redes sociais... Nun primeiro momento a historia ía ter un ton máis serio pero despois preferín que non, que fose moi divertido”.

A historia arranca conectando co libro anterior e o acontecido a Larafuzas; pero tamén co presente que nos tocou vivir de pandemia xa que nesta entrega se nos presenta o que acontece nun laboratorio de vacinas.

“É curioso porque eu estaba facendo o libro, case o tiña rematado, cando chegou a pandemia. Ía saír no 2020 pero foise retrasando mentres ía cambiando cousas para que non fose unha historia tan seria como a que tiña pensada nun principio”, revela o autor e ilustrador.

Anxo Fariña, no seu estudio. Alba Villar.

Fariña amósase encantado de recibir o feedback dos seus lectores: “Gústame falar con eles porque dinme que os meus libros lles fan pensar, aprender cousas da Historia, trato de que se divirtan lendo pero que aprendan e que lles produza curiosidade para que busquen máis sobre algunhas cousas”.

Outro tema actual que se trata na última aventura é a acumulación de datos sobre a nosa vida na Rede e que lle afectará a un dos personaxes. “É unha forma de dicirlles indirectamente que teñan coidado co que fan cos teléfonos móbiles como vídeos seus ou a compañeiros que quedan aí e borralo vai ser un pesadelo”, explica Fariña.

Ata me pedían quitar a referencia ao toxo

decoration

Ante todas estas historias unha pregúntase como é que os Megatoxos non teñen saltado a outros mercados literarios. “Dúas editoriais no seu momento me propuxeron poñelo en castelán. Todo estaba moi ben pero dixéronme que había un problema con que foran en galego os personaxes. Eu isto non o dicía antes, pero agora non mo importa. Dixéronme que os cambiara pero dixen que non. Non entendía eu por que tiñamos que ler sobre rapaces de Inglatererra ou Alemania e non de Galicia, como non o quixen cambiar, non se traduciu. Ata me pedían quitar a referencia ao toxo”.

Compartir el artículo

stats