O xenetista Ángel Carracedo –catedrático de Medicina Legal na Universidade de Santiago– foi elixido polo xurado do Premio Otero Pedrayo para ser o beneficiario deste galardón no 2022.

É a primeira vez que esta distinción –unha das máis destacas da cultura no país galego, promovida polo Goberno galego e as catro deputacións– recae nun científico.

Carracedo, nado no ano 1955 en Santa Comba (A Coruña), convertiuse nun dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional.

Desde o ano 1994, dirixe o Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén foi presidente de diferentes sociedades españolas científicas nos últimos anos.