O Festival Primavera do Cine de Vigo prosegue coa súa programación. Hoxe venres, cun bloque de curtametraxes co mar como protagonista. Veremos os traballos de tres recoñecidos realizadores. Por unha parte, “Tatuado nos ollos levamos o pouso”, de Diana Toucedo e premiado en Cans, coas mariscadoras de Cesantes como protagonistas. Por outro, “Atalaia/Piueiro”, de Xisela Franco onde se adentra no traballo das redeiras de A Guarda e na recuperación dunha antiga embarcación tradicional da zona. Como culmen do triunvirato, Eloy Domínguez Serén con “Rompente”, obra premiada no Festival de Málaga e no de Cans pola súa historia de ficción dunha nova parella cun fillo que afronta as adversidades nun pobo de costa.

O traballo do mar. “Atalaia/Piueiro” é un traballo (do proxecto Atlantic Cultura Scape de A Guarda) no que unha redeira relata que supón para ela o seu traballo, que tanto quere.

As tres curtas poderán verse mañá venres a partir das 18.00 da tarde no Auditorio Municipal de Vigo.

Os tesouros da ría de Vigo. As mariscadoras de Cesantes peneiran tesouros da area. “Tatuado nos ollos levamos o pouso” ségueas no quefacer mentres versos de Dores Tembrás nos acompañan.

Na xornada de onte puideron verse outras tres obras de pequeno formato pero de corte artístico asinadas por Lucía Estévez, Carla Andrade e Xisela Franco.

No caso desta última, foi “Parolar cun eu”, un traballo documental que presenta a cineasta Margarita Ledo a pasear polas ruínas da fábrica de Álvarez en Cabral, Vigo, mentras contrapón o abandono actual das instalacións coa época de maior produción.

Andrade, pola súa parte, presentou “Ningún río me protexe de min”, premiada no Play Doc. Este traballo autobiográfico reflexiona sobre o que supuxo á súa nai sacar adiante a unha familia renunciando a unha carreira ao tempo que amosa reflexións vitais da realizadora sobre a súa vida: a finalidade das viaxes na súa vida, a herdanza do legado histórico e social dos devanceiros nas actuais xeracións dunha familia e como fuxir do que fixeron os antergos, así como a procura dunha identidade.

Lucía Estévez proxectou “Neuronas a ceo aberto”. Esta peza de corte experimental ofrece un videopoema que realizou para a exposición Galicia Futura e no que enfía un texto da poeta Estíbaliz Espinosa, coa arte de Maruja Mallo, a exploración do espazo e a física.

Estévez tamén participa no Festival Primavera de Cine con outra curtametraxe, que se puido ver días atrás e que ao igual que todas as anteriores forma parte da sección oficial a concurso. Trátase de “O niño dos paxaros”, na que lembra a xuventude de seu pai cando moi novo comezou a traballar no taller de coches no que segue hoxe en día. Ao longo da metraxe, vai debullando as ideas naquela altura, os soños que tiña e as reflexións dende o presente.