Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Reboiras | Escritor, gañador do Premio Galicia Rural

“Faltan programas que fixen emprego no rural”

“Escribo para ilusionarme”, asegura o autor que vén de publicar ‘A agonía das folerpas’, un thriller ambientado no Xurés con sociedade secreta, asasinatos e abuso de poder nas súas páxinas

Óscar Reboiras. | // O.R.

“Listo sempre para loitar contra todas as tiranías” era o lema da sociedade secreta a Carbonaria, de Portugal. O rianxeiro e experto en márketing dixital Óscar Reboiras rescátaa no seu libro A agonía das folerpas, novela negra coa que gañou o Premio de Novela Galicia Curta 2022. Editada por Galaxia lévanos á aldea de Salgueiro, no Xurés, onde unha xornalista noviña buscará descubrir a verdade tras a aparición de varios corpos.

–Por que optou por un thriller?

–Apetecíame escribir unha novela negra porque son lector habitual dela. Fun a un obradoiro de escrita, coordinado por Javier Peña, e que foi impartido na Cidade da Cultura. O exercicio foi facer as primeiras 50 páxinas dunha novela. Ao facer unha ruta de sendeirismo atopei un lugar marabilloso, a aldea de Salgueiro, no Xurés. Namoreime. É un sitio perdido a mil metros de altitude, en silencio. Pensei que se me pasaba algo, se viñera un asasino, non darían atopado o meu corpo. Foi aí onde xurdiu a idea. O lugar é espectacular.

–Vostede xoga no inicio coa realidade e a ficción.

–Vós, no Faro de Vigo, fixestes unha reportaxe este verán. No titular falabades da aldea dos tres millóns de euros que estaba olvidada. É certo que é propiedade da Xunta de Galicia e que investiron cartos porque a querían convertir nunha aldea medioambiental. Co tema da crise económica parouse. Eu, na novela, parto desa premisa no momento no que acaba a crise económica e xa hai cartos. Retómase o proxecto da ecoaldea pero aparecen varios cadáveres.

–A Carbonaria portuguesa ten especial importancia. Atopou a pista nesa visita ou xa a tiña de antes?

–Eu coñecina a través dunha visita turística. Salgueiro non é unha aldea abandoada de tres casiñas, senón que ten 45 vivendas espectaculares de pedra. Acabei descubrindo que tiñan tantos cartos que se acabou convertindo no banco do Xurés. En canto á referencia á Carbonaria portuguesa, estiven buscando referencias sobre sociedades secretas galegas pero non atopei nada. Así que iso entra dentro da ficción aínda que si hai referencias a este tema de Ferrín e na internet.

–A protagonista é unha nova xornalista, recén licenciada. Garda algunha similitude con vostede que tamén estudou xornalismo?

–Nalgúns puntos si e noutros non. Estudei xornalismo e tiven determinados soños e ambicións pero a realidade é a que hai: máis frustracións que outra cousa. Pasábame un pouco como a Fina que son un pouco parado, que ata me dá vergonza falar ou preguntar en determinadas circunstancias. E que clase de xornalista es se non preguntas? Por outro lado, Fina é máis organizada ca min, toma máis notas, é máis analítica. Eu son máis anárquico nese sentido.Si que me interesaba un personaxe que tivera un punto de inocencia, que fora ilusa como Fina, con ganas de descubrir. Tamén quería mostrar o dilema entre o que sinto, os soños que teño, ou os meus valores e ser fiel aos meus principios.

–Outro personaxe importante é o de Padín, un traballador nunha obra que coa pá descobre os restos dun corpo humano nun terreno.

–Quería xogar cos elementos antagónicos. Quería ter o silencio, a calma, do Xurés; pero tamén xogar co ruído. A música heavy enténdese moitas veces como ruído.Tamén quería xogar co tema dos prexuízos, como ás veces temos unha imaxe definida dalgo e iso é errado. A paisaxe do Xurés, en principio algo bo, esconde algo macabro; mentres que Padín é un personaxe cándido aínda que escoita metal. Ser bo ou malo non nos desfine pola música que escoitamos.

–Pensa que se fai abondo para conservar o rural?

–A partir da pandemia, fálase de que a xente volve ao rural. A fibra está chegando a concellos moi pequenos onde antes era impensable que tiveran internet pero parece que as oportunidades seguen a estar nas grandes cidades. Eu son un rapaz de aldea e tiven que ir á unha cidade traballar. Para min, faltan programas que traten de crear empresas que fixen emprego no rural e que sexan compañías de todo tipo, non só vencelladas á agricultura ou gandeiría. Por iso, aplaudo a iniciativa do Concello de San Xoán do Río, o municipio con menos habitantes de Galicia, que organizou o certame literario que gañei e polo que se publicou esta novela.

–Que sente cando escribe?

–Intentei escribir para ilusionarme e para que alguén me lea.

Compartir el artículo

stats