Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As películas galegas que veñen

A exitosa comedia de Touriñán e De Lira “Cuñados” terá segunda entrega | A Xunta apoia este e outros dez filmes de realizadores como Anxos Fazáns, Andrés Goteira ou Ángel Santoscon subvención

Cuñados 2, ao ataque! Os detalles que trascenden desta segunda entrega de “Cuñados” son mímimos: a rodaxe será principalmente en Ourense; e vai repetir parte do elenco. | PORTOCABO

“Cuñados”, a comedia con Touriñán, María Vázquez e Miguel de Lira rodada en Ourense e estreada o pasado 2021, convertiuse nunha das películas españolas máis vistas do ano, no número 22 dun total de 467. Tan bos foron os resultados que a produtora xa pensa na segunda entrega, que vén de lograr unha axuda de Cultura para impulsar o cinema galego.

Outro filme que contará con subvención á producción da Xunta é “Xusticia Artificial”. “É o título provisional que arrancará co anuncio da presidenta do goberno apuntando un referendum para actualizar a Constitución Española para que a cidadanía decida se quere implementar a Intelixencia Artificial nos xulgados de España e substituír a todas as xuízas e xuíces do país”, explica o seu director, Simón Casal.

O thriller político, sen embargo, dá unha reviravolta “cando o creador do sistema xudicial de Intelixencia Artificial morre nun accidente de tráfico tras visitar unha xuíza para traballar con ela”.

Xustiza Artificial. A rodaxe do filme será en A Coruña, Lisboa, Madrid e algúns enclaves da provincia de Pontevedra e está prevista para finais de outubro. O director ten un documental homónimo. | “XUSTIZA ARTIFICIAL”, RTVE

Outro filme que contará con subvención á producción da Xunta é “Xusticia Artificial”. “É o título provisional (herdado dun documental homónimo do mesmo director) que arrancará co anuncio da presidenta do goberno apuntando un referendum para actualizar a Constitución Española para que a cidadanía decida se quere implementar a Intelixencia Artificial nos xulgados de España e substituír a todas as xuízas e xuíces do país”, explica o seu director, Simón Casal, realizador de filmes como "Lobos sucios" ou de documentais como "O reino suevo de Galicia".

O thriller político, sen embargo, dá unha reviravolta “cando o creador do sistema xudicial de Intelixencia Artificial morre nun accidente de tráfico tras visitar unha xuíza para traballar con ela”.

Outro proxecto en marcha –aínda que estivo paralizado por mor da pandemia– é “San Simón”, da mesma produtora de “O que arde”, Miramemira. A viguesa Andrea Vázquez adianta que a rodaxe está prevista para febreiro do vindeiro ano. Tras un casting en Redondela e Vigo con actores non profesionais, a firma prevé realizar algún casting máis no outono na área da Ría de Vigo. Cultura confirmaba onte o aporte de 255.577 euros.

“É a historia de San Simón cando foi campo de concentración da Guerra Civil. Está ubicada neses anos pero non é propiamente de recreación histórica”, sinala Vázquez quen confirma que o director de fotografía será Mauro Herce (“O que arde”) mentres lembra que a dirección é de Miguel Ángel Delgado.

Pola súa parte, Anxos Fazáns – “A estación violenta”– volve dirixir unha langometraxe. Será “As liñas discontinuas” na que se nos presenta “o encontro entre unha muller de 50 anos e un rapaz de 25 que se coñecen cando el entra a roubar na casa dela. Pasan unha fin de semana xuntos”, explica a realizadora que espera a confirmación de máis financiamento. Neste caso, a rodaxe será en Vigo e na primavera de 2024 e a película será intimista, “con só dous personaxes protagonistas. Este filme vai profundizar máis no mundo interior dos personaxes, traballarei máis a dirección dos intérpretes”, sinala Fazáns que, aínda que a idea orixinal é dela, escribe o guión con Ian de la Rosa.

A cabalo da ficción e do documental, desenvolve xa Xacio Baño “Recordos. Saúdos. Apertas” co epicentro en Compostela. Nos últimos anos leva recompilando cartas e postais con punto de partida en Santiago para buscar peripecias, amores, desamores, a evolución da cidade. “Paréceme que era un bo motivo para facer unha longametraxe para entender a miña relación coa cidade na que vivín dez anos e para comprender a relación coa necesidade de viaxar e coñecer lugares”.

Ao respecto, reflexiona sobre o que supón agora viaxar: “Grazas a Internet, as viaxes prográmanse e xa viaxaches antes de ir ao sitio. Antes, o fin era transformarse, buscar sitios, perderse, atopar lugares. Pero coa Rede, a viaxe é a confirmación do que sabiamos antes. Por iso, inclúo unha visión sobre os conflitos vitais cunha ficción-documental sobre unha persoa que fai guías turísticas da cidade”, explica Baño ("Trote") que plantexa unha rodaxe, xa iniciada, realizada moi a modo.

Ficción total será “Monstro”, o novo filme de Andrés Goteira (“Dhogs”, “Welcome to ma maison”). “Levamos dende 2019 intentado financialo, buscaremos un pouquiño máis de diñeiro para intentar rodar a finais de 2023 pola zona de Lugo e unha zona urbana de Vigo con Morris como protagonista”, adiante o director galego. Desta vez, “ofrecemos unha viaxe ao interior do ser humano, do personaxe, nun mundo entre o salvaxe e o fantástico, e a viaxe de volta a unha cidade decadente cunha sociedade apagada”, engade.

Pola súa parte, Ángel Santos (“Las altas presiones”) tamén ten confirmada a axuda de Cultura para “Así chegou a noite”. “É, explica, unha historia sobre a comunicación e o desexo de desconexión. A historia segue a un ceramista e escultor na zona de O Grove e Meaño onde están as telleiras abandonadas. Instala o seu obradoiro aí pero aíllase da súa contorna”. Para el, o ideal sería rodalo filme o vindeiro ano.

A produtora Filmika Galaika pola súa parte logrou subvención para a súa coprodución “Onte á noite conquistei Tebas”, de Gabriel Azorín, que nos leva ás termas de Bande (Ourense). A gravación será para o ano que vén, pendentes de facer o casting en breve. “A historia reflexiona como a amizade na adolescencia non cambia inda que sexan épocas diferentes. Os protagonistas falarán sobre os seus sentimentos”, sinala Beli Martínez, a produtora que tamén logrou axuda para “As estacións”,documental no Alentejo con coprodución con Portugal, gravado ao longo das diferentes estacións para falar da paisaxe e dunha parella de arqueólogos que investigaron as mámoas e dólmenes na rexión.

Por último, os restantes proxectos subvencionados nesta tanda por Cultura son as longametraxes “Tralo vento”, de Eloy Domínguez e “Para ver o mar”; a serie documental de Ficción “Una historia de crímenes” e as novas curtas dos vigueses Noemí Chantada e Fon Cortizo.

Compartir el artículo

stats