A cita por excelencia co folclore dos países celtas no verán europeo, o Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa, retornou este estío tras dous anos anulados pola pandemia e onte viviu un dos momentos máis emotivos da súa programación, o Gran Desfile das Nacións, onde agrupacións como a Asociación Cultural Donaire de A Coruña ou a Escola de Gaitas de Ortigueira percorreron sobre a alfombra vermella o paseo pola vila bretona coas súas maiores galas.

Nesta edición na que Asturias é o país convidado de honra, Galicia está representada ademais por outros grupos e solistas como Caamaño & Ameixeiras; Fiandola e o grupo de danza de Fran Sieira (un dos bailaríns que actuou coas Tanxugueiras no Benidorm Fest).

Esta compañía ofrecerá hoxe luns en Lorient o seu espectáculo “DeMente” co que foron finalistas á mellor coreografía nos Max deste ano.

Por outra parte, desta volta, participaron representando a Galicia no concurso de interpretación de gaita Trophée McCrimmon os músicos Manuel Ramón Seoane, Xesús Rodríguez, Diego Prieto e Jorge Castelo. Finalmente, foi o gaiteiro asturiano Fernando Vázquez Cárcaba quen se fixo co primeiro premio.

O intérprete asturiano levaba anos intentado conseguir o galardón e moi preto estivo no 2019 cando empatou coa galega María López quen finalmente se fixo co trofeo por ser máis nova e primar este apuntamento as bases do concurso.

Os sons musicais célticos seguirán a oírse ao longo dos vindeiros días no Intercéltico de Lorient ata que peche portas. Iso acontecerá o vindeiro domingo día 14.