María Romero é unha filla de emigrantes galegos que dende New York impulsa a súa marca propia de roupa na que o punto forte son as cores das prendas, logradas dun xeito artesanal como o que tiñan as nosas tataravoas galegas para tinguir as telas nos ríos.

Un día, o codirector do Festival Kerouac Marcos de la Fuente topouse con ela no Hudson facendo este traballo que acabou inspirando unha nova peza poética que estreará mañá mércores en Vigo. Será no local Cañaveral, na Porta do Sol, a partir das nove da noite.

“Vai ser algo emocionante”, explica o poeta Marcos de la Fuente. “Será a primeira vez que a presentemos”, engade. A obra – “A tintueira do Hudson”– aúna os versos do autor que os recitará mentres sona unha cantiga de río tradicional deconstruída e cantada en directo por Iria Medraño sobre bases electrónicas –incluídas as guitarras e baixos de Pierre Chauvency– cons sons dun río así como de paxaros.

Pano de María Romero. M.R.

Ademais, os versos cobran vida nas propias prendas de María Romero que deseñou uns panos nos que quedou impresa a creación de De la Fuente e que están á venda na web tintoreriamariaromero.com.

Así, a creación de ambas as dúas beiras do Atlántico quedará enlazada co fío condutor da arte tradicional así como da poesía. Tamén compartirán a súa arte versal no micro do Cañaveral poetas como Malvares de Moscoso, Lupita Hard e Graciela Baquero. Confesa De la Fuente que o ideal sería que se instalase o exemplo e que os mércores houbera sesión de micros abertos para a poesía na cidade.

Os proxectos poéticos deste creador non paran aí. Este venres, no Museo Etnográfico de Ribadavia, Ourense, a partir das nove e media da noite e dentro do II Poesía en Riba, ofrecerá un show de poesía preformática.

Baixo o título de “El poeta versus la máquina” ofrecerá os seus últimos poemas nos que fala das novas tecnoloxías cunha reflexión “sobre o papel da poesía nas sociedades futuras e se as máquinas poderán emocionarnos a nós (...) o que suporía borrar as fronteiras entre elas e os humanos”, sinala o creador vigués afincado en New York.

Hai que lembrar que De la Fuente traballa na simbiose de poesía e novas tecnoloxías. Agora mesmo está a desenvolver cun enxeñeiro un algoritmo entrenado para que escriba como el. En artpoet.io ofrécenos a posibilidade de entrar no metaverso e escribir versos a partir dos cales o algoritmo prepara composicións coas instrucións facilitadas ao programa.

O seguinte paso está sendo preparar un algoritmo autónomo que recite poesía por si mesmo e que sexa o seu alter ego dixital, o seu avatar en internet.