Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Non hai que sentirse culpable por nada”

Tanxugueiras lanza novo disco: “Chamámoslle ‘Diluvio’ para que arrase cos estereotipos e poder construír algo de novo” | O trío actúa mañana sábado en Castrelos

Imaxe promocional do disco "Diluvio" de Tanxugueiras.

Dende hai un tempo viven nunha continua treboada. Eurovisión supuxo un punto de inflexión e a axenda de concertos deste verán é de vertixe. “Tranquilizámonos entre nós”, apuntan as Tanxugueiras. Acaban de lanzar novo disco: “Diluvio”. E mañá: concerto en Castrelos. Non paran.

–Debe ser dos discos máis agardados da historia...

–Para nós tamén. Todo se foi retrasando. É como cando alguén sae de contas e non dá chegado o momento...

–Dous anos intensos con Eurovisión polo medio, non había tempo material?

–Era imposible a nivel humano facer o disco antes. O bo é que leva os seus anos cocéndose, dándolle a cada canción o tempo que merece. Estamos moi contentas.

–Por que é un diluvio?

–Cremos que estamos nunha sociedade envelenada. Todo o mundo opina sobre a vida dos demais, moitos cren que as súas vidas son perfectas e métense na vida de todos. Ademais, como nos educaron nos pecados capitais, queréndonos meter medo do que está mal cando realmente hai que darlle unha mirada máis alá ao que acontece. Quixemos chamarlle o diluvio para que poida arrasar con todos os estereotipos que hai hoxe na sociedade e poidamos empezar a construír pouco a pouco algo de novo.

–En cada canción propoñen cambiar conceptos: en vez de hostilidade, empoderamento; mellor que preguiza, autocoidado...

–Si. Quixemos cambiar o tempo de pecados con aprendizaxes. Un vai cambiando e curando a súa forma de ser coas aprendizaxes que vai tendo na vida. A idade non che fai aprender, máis ben as experiencias. Cando pasas por eses pecados tes unha aprendizaxe. É necesario poder desconfigurar a mente para pasar dunha cousa a outra. Eu creo que nos criaron un pouco na lapidación dun mesmo, cando non ten que ser así.

–Que aprenderon en todo este tempo de éxito tras éxito?

–Moitas cousas pero eu creo que as tres quedaríamos con non xulgar. Creo que todos o fixemos nalgún momento: ata a persoa máis boa, máis consciente, xulga, sen pensar en que vida pode ter a outra persoa. E cada persoa ten as súas vivencias, que non é algo contra ti.Moitas veces a xente plasma sobre o que ten diante unha dor interna. Xente que toma moi en serio todo o que ti fas e pensas.

–A presenza de Tanxugueiras (’veñen pra quedar’), coa exposición que supuxo o tema Eurovisión, é como unha especie de revolución no musical, no cultural, no tema da lingua, dos valores, da diversidade... Por que?

–Porque se fala coa verdade e sen complexos. Cando un fala coa verdade e co amor a algo, á terra... porque cremos firmemente que o que temos é súper valioso. Tres rapazas novas que din: isto é o que somos e temos que conservalo. Que non se vexa como algo vello. Quizais a xente nova non era capaz de conectar antes, a non ser que estivera metida no ámbito da música tradicional. E moita xente nova non sabía o que era o tradicional, as recollidas, todo o que se traballou para conservar o que temos, o ben conservado que está... Transmitir todo isto é importante.

– “Diluvio” mostra esa integración da base tradicional coas novas sonoridades, máis urbanas. Como se chega a esta atmosfera sonora?

–A verdade é que é moi difícil. Nós estes sons tiñámolos na cabeza dende hai anos. Pero realmente somos tres pandeireteiras que saímos dunha asociación. Tivemos que aprender, evolucionar en moi pouco tempo, en moi poucos anos. Nós sabemos dun campo, o tradicional, e cando coñecimos a Iago Pico, que é o que sabe doutros estilos, traballamos xuntos dende o que cada parte controla. E hai que dar coa tecla de que á xente lle guste, claro. Baiuca, deu coa tecla, cremos. Rodrigo Cuevas, tamén. A xente fala moito de nós, que se ve a cultura galega. Pero non queremos esquecernos de toda a xente que veu antes, que traballou por isto, e que grazas a elas estamos aquí: Mercedes Peón, Leilía, etc...

–Que preparan para o concerto de mañá en Vigo?

–Será un concerto con moito poderío e tradición. Esperamos que veña moita xente. Encántanos Vigo e a xente do sur. Sempre que imos vimos cheíñas de amor.

–Que pretenden co disco?

–Queremos que a xente que escoite o disco reflexione e que non se sinta culpable por nada.

“O último que queremos é que a nosa cultura, a nosa lingua, sexa unha peza de museo”

–A conexión con distintos tipos de público facilita a transmisión da lingua e da cultura dun xeito moi natural e interxeracional...

–Cremos que hai sitio para todo o mundo. Xente que é máis purista e quere gardar a tradición tal e como está e tamén para xente que quere evolucionar. O último que queremos é que a nosa cultura, a nosa lingua, sexa unha peza de museo para colgar. Para que iso non pase hai que evolucionar, segundo nós o vemos. Ademais, sempre se evolucionou. Ata as señoras hai sesenta anos, cando escoitaban a radio, tiñan outras influencias e cantaban de forma distinta. E isto vai seguir pasando. Hai que entrar na xente nova doutra forma, a través da fusión, creo que é unha boa fórmula. Unha vez que entren a través da fusión xa encontrarán eles mesmos a música tradicional pura, se lles gusta, e aí é cando namorarán por completo.

–Levan moitos concertos este verán,tamén noutras comunidades. Cal é a sensación?

–Calquera persoa que vén aos concertos ve os sentimentos que temos cantando cada canción. O público pon interese. Se non entenden algo, moléstanse e preocúpanse por entendernos.

–Ademais a música non se reduce a unha letra, ou a un idioma... é unha sensación, unha experiencia. –Depois de todo o que levamos vivido creo que as tres quedamos cunha cousa: o que quere entender sempre entende e o que non quere entender nunca entende, por moito que llo expliques, que llo cantes e que o fales no seu idioma...

Times Square.

“Non nos poñemos metas nin barreiras”

Se existe un lugar emblemático para a publicidade, de gran impacto e alcance global, ese lugar podería ser Times Square. No corazón de Nova York. Por alí pasan, en enormes carteis de luces e cores, os artistas do momento, as series, as marcas... E nesta ocasión, ese demandado espazo é para Tanxugueiras, coa imaxe promocional do seu novo disco. Por que?

“Elas son este mes as embaixadoras de Spotify España. A iniciativa #SpotifyEqual promove a presenza de mulleres na música. Equal é un programa que ten listas de reprodución con mulleres artistas. E este mes foron seleccionadas elas”, contan dende o equipo de comunicación. Elas expresan no tema “Terra”, levado a Eurovisión: “Non hai fronteiras”. E elas aseguran: “Non nos poñemos metas, nin barreiras”.

Diluvio disco.

Unha viaxe: da treboada ata o acougo

“A treboada e o acougo e, entre medias, o diluvio”. Así pode lerse no novo traballo de Tanxugueiras. É o seu terceiro disco, que titulan “Diluvio”. Está dispoñible dende este venres en plataformas dixitais, tendas físicas e en www.tanxugueiras.gal. Este traballo inclúe os últimos éxitos do grupo, como "Terra", "Midas", "Figa" ou "Averno" e incorpora outros como "Seghadoras", "Desidia" e "Pano Corado". Tamén hai sorpresas como "Treboada", "Arica", "Sorora", "Fame de odio" e "Acougo".

Compartir el artículo

stats