Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seoane, frechazo Galicia-Arxentina

Bos Aires coñecerá este xoves por primeira vez parte da obra dun artista que sempre creou entre dous mundos

Luís Seoane (primeiro pola esquerda), con amigos como García-Sabell (segundo á dereita).

Galego ou arxentino? Luís Seoane era todo iso e moito máis: antifascista, artista multidisciplinar, facho dos exiliados ao outro lado do Atlántico. Home de todas partes... e de ningures. Nado en Bos Aires en 1910, formado en Galicia ata que escapou dos golpistas coa Guerra Civil cando tiña 26 anos, a súa creación galopou entre dous mundos.

E Arxentina coñecerá este xoves parte da súa obra, con pezas que aínda permanecían inéditas nese país cunha exposición organizada entre o Consello da Cultura Galega e o Museo Enrique Larreta. O contido da mostra permanece en segredo ata a inauguración, baixo o nome Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina. Pero un dos seus principais especialistas, Pablo García Martínez, axuda a este diario a camiñar por ese frechazo entre Galicia e Arxentina a través de Seoane.

Litografía sobre o Estatuto da Autonomía de 1936.

Litografía sobre o Estatuto da Autonomía de 1936. Marta G. Brea

“Tan importante foi Seoane para Arxentina que en 1962 recibiu o Premio Palanza (o máis importante da Academia Nacional de Bellas Artes dese país), e en 1968 entrou como académico”, explica o tamén comisario da mostra xunto a Silvia Dolinko. En América tiñan a Seoane como un dos seus: “Ao regresar a Arxentina coa Guerra Civil permeneceu uns días retido porque incumprira alí a obriga de facer o servizo militar”. Pero impera a súa “cidadanía múltiple, a súa porosidade”.

Segundo explica Pablo García Martínez, “participou coa colectividade galega, cos exiliados republicanos de toda españa, e os antifascistas europeos”. Un presidente arxentino, Arturo Frondizi, mesmo o incluiu nunha publicación sobre artistas contemporáneos.

Luís Seoane e o seu irmán Rafael chegan a Bos Aires.

Representaba Seoane “a realidade moderna da emigración despois do século XIX, pero cunha Galicia moi presente na súa obra”. Muralista, ilustrador, pintor, e con gran éxito en Arxentina polos seus traballos en gravado, ou polas xilografías con collages. En Galicia iniciarase como artista a través de “ilustracións en revistas e carteis, como o do primeiro Estatuto de Autonomía de 1936”. Xa de volta ao modernísimo Bos Aires mentres Europa ardía en guerras, “experimentaría cos diferentes niveis técnicos”.

Regreso a Caión en 1969 coa súa muller Maruja Seoane.

Esa dualidade continúa ao volver a Galicia nos 60 e colaborar co Laboratorio de Formas, Sargadelos, Carlos Maside ou Galaxia. “O románico galego sería determinante na súa obra, tamén as paisaxes de labranza e mar”, indica o comisario. E de Bos Aires bebería na tremenda modernidade da cidade que nunca durme. Pero para morrer escollería A Coruña, onde finou en 1979.

Vagabundos protagonistas en debuxos e textos

Con inquedanzas tamen literarias, Luís Seoane escribiu Fardel d’eisilado (1952), Na brétema, Sant-Yago (1956), As cicatrices (1959) ou a obra de teatro A soldadeira (1957). “Vivir nunha metrópoli como Bos Aires impulsaba a Seoane a renovarse constantemente, desa cidade queda impactado cando regresa na segunda metade dos anos 30 polas linguaxes técnicas e os medios de comunicación de masas”, explica Pablo García Martínez.

Na época “abarátase o papel e expándese a educación nese país, hai un boom editorial na década dos 40 e os exiliados galegos xogan un importante papel”. Apostou Seoane por “formatos que lle permitían chegar a públicos máis amplos, era un home de esquerdas e quería democratizar a cultura”. En debuxos e textos aparecen os vagabundos: “Os que quedan fóra igual que os tolos nunha sociedade capitalista, pero para Seoane, Dieste e outros intelectuais da Europa de entreguerras tiñan moito que dicir”. Así era en La soldadera: unha muller que realizaba unha arte escénica á marxe da sociedade.

Compartir el artículo

stats