Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Atlas dos 1.500 nomes galegos

A Real Academia Galega ofrece unha guía de antropónimos que amosa riqueza onomástica, e invita a empregar tamén a toponimia para ‘bautizar’ a nenas e nenos

Ana Boullón, Antón Santamarina, Víctor F. Freixanes e Xosé María Lema. MIGUEL GRANDÍO

No momento en que uns proxenitores decidiron que o seu fillo se chamase Goiás, en homenaxe a unha parroquia de Lalín, o galego ten futuro. Así o comentaba onte esperanzada Ana Boullón, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, nunha conversa con este diario: “Acaban de dicirme que hai un neno que se chamará Goiás, un nome único que procede da nosa toponimia... e pode ser un modelo para outros pais e nais”.

A RAG acaba de ofrecer en liña a súa Guía de nomes galegos, con máis de 1.500 antropónimos que forman parte da nosa tradición. Os máis buscados esta semana (unha idea de por onde se moven os recén chegados ao mundo): Uxía, Antón, Catuxa, Orraca, Manuel, Xoel, Eume, Antía, Paulo e César.

Un teléfono mergúllase na ‘Guía de nomes galegos’. Miguel Grandío

Como coordinadora deste proxecto, Ana Boullón Agrelo explica que esta ferramenta “servirá para suxestionar na creación de novos nomes, e o nomenclátor dos lugares tamén é unha opción moi boa”. Insiste en que “podes escoller os nomes que queiras da toponimia, podes buscar na nosa guía da RAG e despois nos lugares como fonte inesgotable de inspiración”.

Os proxenitores non deberían atopar barreiras na burocracia: “Ningún rexistrador civil pode dicir que non podes empregar un nome, salvo que atente contra a dignidade dunha persoa”. No caso de Goiás, “contan os pais que lles puxeron algún problema pero que eles presentaron a lei que lles amparaba, e o rexistrador sabe que neste país podes poñer calquera nome salvo o que atente contra a dignidade”.

Web da guía dos nomes galegos da Real Academia Galega.

Que podemos facer en caso de obstáculos? “Se a nivel administrativo a vontade é pouco favorable, poden recurrir á RAG porque o Seminario de Onomática fará un informe; é algo que facemos continuamente, tamén para a restitución de apelidos”, explica Boullón. Preguntada pola existencia dun auxe dos nomes galegos, apunta que “nos distintivamente galegos vemos unha progresión ascendente desde finais do século XX”. Porque ata 1977, existía a prohibición de poñer aqueles que “non fosen españois”.

De todos modos, aínda camiñamos lonxe de “Cataluña e País Vasco onde asumiron os nomes con moita naturalidade”. A desigualdade aínda persiste “porque na normalización do galego houbo unha involución nos últimos 15 anos, un retroceso do noso idioma pola política lingüística”, segundo a responsable desta Guía dos nomes galegos. A ferramenta axuda ademáis a coñecer as orixes, a correspondencia con outras linguas, as lendas e as personalidades máis famosas deste atlas onomástico.

Algún exemplo: “Antón non é un nome exclusivo de Galicia; algúns pais elixen Antía porque pensan que é a forma galega de Antonia e tampouco é así”. Cataluña e País Vasco tamén experimentan o fenómeno de que os seus nomes son empregados noutras comunidades galegas, como o éxito dos Iker. “Non investigamos a expansión dos galegos pero sabemos que Iria saltou as nosas fronteiras, e está en dous terzos do norte de España”, indica Ana Boullón.

Apunta que moitas veces a popularidade débese polo seu emprego en famosos, como Iago Aspas.

Na correspondencia con outras linguas, houbo un “especial interese” no traslado ao vasco e o catalán “máis alá de linguas maiores como o inglés, o francés ou o italiano”.

Entre as motivacións para elexir un nome, aparecen sobre todo as familiares pero tamén os significados e as historias que hai detrás. Pola parte contraria, atopamos o ostracismo no que quedan algúns: “O Adolf de orixe alemán tivo moita difusión ata a II Guerra Mundial, cando desapareceu tamén noutros idiomas por razóns obvias”. Outro caso similar: “Co xuízo no que Oscar Wilde foi condenado e sumido nunha ruína económica e persoal, houbo unha gran baixada do seu nome en Europa e sobre todo en Reino Unido”. Oscar xa tivera éxito precisamente polo escritor, cando acabou en prisión foi “estigmatizado ata case desaparecer”... e tempo despois recuperouse.

A onomástica tamén viaxa pola historia de Galicia: desde os celtas ata “os santos bíblicos” de tanto impacto na sociedade cristiá occidental (ata o punto de que “antes poñíanse os nomes polo santoral e o santo era máis importante que o cumpreanos”).

Moites nomes proceden da Idade Media, “algúns usáronse sen interrupción como Fernando, outros foron rescatados últimamente como Airas”. Ou a pervivencia do clérigo e trovador Airas Nunes máis alá das súas vivencias na Compostela do século XIII.

Celtas, Biblia e as matriarcas das Letras

Este recurso complétase cunha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables. E navega desde os procedentes dos celtas, ata os do santoral cristiá con orixe bíblica, ou a recuperación dos patriarcas e matriarcas das Letras Galegas (Rosalía de Castro).

Ana Boullón Agrelo pon os exemplos de “Suevia polo reino suevo, Zeltia polo pasado celta, e Breogán polos nosos referentes míticos”. Sempre abertos ás suxerencias, desde este Seminario de Onomástica da RAG recordan que “incorporamos os que cumpren criterios como que teñan tradición e se axusten á fonética galega, pero tamén damos a benvida aos que crean novos nomes galegos”.

Segundo o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, “a Academia culmina unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica”. Adícase espazo aos nomes galegos silenciados desde o século XVI pola substitución a cargo dos casteláns. A RAG tamén traballa nunha guía de apelidos.

Compartir el artículo

stats