Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando Londres radiaba na fala

“Para Galicia, o programa en galego na BBC ten unha importancia especial”, defende o estudoso Afonso Monxardín | Cúmprense 75 anos da primeira emisión do “Galician Programme”

Nina Epton, na BBC. Visitou Galicia e recolleu material. | // BBC mar mato

De regreso a Galicia, o locutor galego na BBC en Londres Plácido Castro tomaba puntualmente té con leite ás cinco da tarde e, cada día, agardaba na súa casa de Vilagarcía –deu aulas nun instituto na vila durante anos ata a súa xubilación– pola prensa británica que lle chegaba vía Vigo. Era o cordón umbilical que o unía ao Reino Unido tras dúas longas estadías na súa vida.

A primeira, para estudar dende os seis anos ata universitario na cidade escocesa de Glasgow. A segunda, para fuxir da falta de liberdade en Galicia tras ser multado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta.

Lembran dende a Fundación Plácido Castro, na súa web, que o entón director da sección en español da BBC, George Hills, visitou Galicia a finais dos anos 40 do pasado século. O mesmo FARO DE VIGO dera conta desa visita así como de dúas máis no 1951 e no 1955, desta última vez, con entrevista incluída.

Afonso Vázquez Monxardín amosa os guións do programa onte en Compostela Xoán Álvarez

Como anfitrións a finais dos 40 operaron Paco del Riego e Plácido. Foi a raíz desa viaxe e do contacto con Hills que Castro se convertiría nun dos locutores do “Galician Programme”, o programa en galego que radiou a BBC por primeira vez hai 75 anos, e cuxo locutor e ideólogo principal foi o ourensano Alejandro Manuel Raimúndez.

Onte, no Consello da Cultura Galega celebrábase unha xornada na súa lembranza. Un dos participantes foi Afonso Vázquez Monxardín quen lembrou que ata o FARO en novembre de 1949 publicitou o programa nas súas páxinas, en concreto, da emisión dedicada a Lamas Carvajal.

Recortes dos artigos publicados en FARO

Monxardín sinalaba a este diario que “para Galicia ten unha importancia especial que non ten para os vascos e cataláns porque emisoras que retransmitiran en vasco e catalán antes da Guerra Civil había bastantes e durante a contenda. Como curiosidade, había unha emisora franquista que retransmitía en catalán desde Roma. Animaba a que chegara Franco rápido sen opoñerse”.

Ademais, engadía o experto que as emisoras internacionais como The Voice of America ou Radio Moscú xa emitían en catalán dende os anos 30. Sen embargo, para Galicia “é o primeiro programa estable en lingua galega que se fai na historia. Para nós ten unha importancia simbólica superior. Neste simposio, por primeira vez estudosos das tres comunidades se reuniron, inda que un vía Zoom”,

Alexandre M. Raimúndez. |   // C.C.G.

Alexandre M. Raimúndez. | // C.C.G. mar mato

Sobre Alejandro Raimúndez explicou que era un exiliado galego que traballaba en Cataluña: “De aí marcha aos campos de concentración do sur de Francia e de aí rebota a Londres grazas a un contacto cun crego de Marín que era crego protestante. Nese ano, 1939, a BBC empeza as emisións en español. O Ministerio de Asuntos Exteriores inglés decide facer programas en todas as linguas importantes para contrarrestar a influencia alemá. Entón Raimúndez comeza a traballar para a BBC no 1941”.

A inglesa Nina Epton veu a Galicia no ano 1953 e fixo gravacións de Celso Emilio Ferreiro e Pura Vázquez e púxoas no programa

decoration

Con outros exiliados, pensaron en facer un programa especial en catalán, galego e vasco. “O Foreign Offiice deu o plácet e entre 1947 e 1956 houbo eses programas. En galego foron 83 e emitíanse os luns. Eran programas de contido cultural, os temas de política deixábanse para as emisións centrais. Colaboraron Leuter González Salgado e Xosé Ramón Fernández Oxea ‘Ben Cho Shey’ ao principio, aos que se uniron colaboradores como Paco del Riego ou Otero Pedrayo”, sinalou Monxardín. Estas colaboracións eran gravadas directamente en Galicia por Raimúndez e levadas a Londres. “Eran todo colaboracións pagadas”, matizou o estudoso.

En canto á colaboración feminina, esta foi escasísima, redúcese a unha aportación de Pura Vázquez. “A inglesa Nina Epton veu a Galicia no ano 1953 e fixo gravacións de Celso Emilio Ferreiro e Pura Vázquez e púxoas no programa”, lembrou.

En canto ao impacto na poboación, Monxardín rememorou que o uso da radio non era extendido na Galicia naquela altura e que os contidos só estaba pensado para público culto.

O adeus do “Galician programme” chegou cando o mapa internacional atraeu as olladas cara os conflitos en Asia e Oriente. Entón o Foreign Office pediu a súa retirada, “para dedicar ese diñeiro a outros lugares. A BBC quería seguir pero o Foreign Office non porque así agradaría ao Goberno de Franco xa que houbera unha visita da raíña Isabel II a Gibraltar e houbera conflito”, reflexionou Monxardín.

Compartir el artículo

stats