“As nubes deixan no mar bicos e versos para soñar” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións do porto de Vigo. O escritor vigués, colaborador de FARO DE VIGO e Premio Nacional de Literatura, Antonio García Teijeiro, é o autor desta mensaxe. Pereira seleccionou tres frases do escritor relacionadas co mar e convocou un concurso nas súas redes sociais para que os seguidores elixisen a que máis lles gustaba. “O mar non ten paredes. Por iso inventa mil horizontes” e “Cando a lúa chama o mar, deixa a voz na beiramar”, foron as outras dúas frases que competiron coa gañadora.

Durante a presentación no buque Argos Pereira, García Teijeiro expresou sentirse moi feliz vendo no valo os seus versos, “agradezo fondamente que pensasen en min para que a miña voz lles fale ás persoas nun valo que xa leva moita literatura enriba ao longo dos anos. Con este proxecto tan noso, Pereira Productos del Mar demostra que hai maneiras diferentes e luminosas de facer publicidade. Poñer no valo das instalacións que ten a empresa en Beiramar frases ou versos de escritores e escritoras de Galicia é facer país. E que sexa en galego, aínda máis. É este un proxecto que se converte nunha aperta cálida á nosa cultura, á nosa literatura e á nosa lingua. É humanizar galeguizando a súa oferta. É algo que abre fiestras a horizontes máis ricos e auténticos e que axuda a facer Galicia”.