“Tiña unha grande humanidade e empatía polas persoas que o estaban pasando mal. Unha vez a guerra estaba perdida, el podía ter marchado para México onde estaban dous sobriños exiliados; tiña a salvo a meirande parte do seu patrimonio. Ninguén lle ía botar en cara que o fixese. Sen embargo, decide asumir a obriga moral de axudar a milleiros de exiliados españoles en Francia”. O avogado e politólogo Roberto Mera expresouse así onte ao tempo que engadiu sobre o Schindler galego: “A historia de Alejandro Viana é moi épica, daba para un guión de cinema pero non hai un Spielberg galego que mire por estas cousas”.

Estas declaracións pronunciounas onte no Club FARO durante a presentación do libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” (Belagua), A obra vén de gañar o Premio de Investigación Antón Losada Diéguez.

Presentado pola editora de Belagua, Edurne Baines; Roberto Mera estivo acompañado tamén polo concelleiro do Goberno local de Vigo Carlos López Font. Este acudiu á presentación en substitución do rexidor, Abel Caballero, quen non puido asistir por problemas de axenda. Font subliñou que “coñecemos moi pouco da nosa historia” ao tempo que resaltou que “este é un libro que apela á memoria histórica”.

Para o autor da obra, Roberto Mera, a escrita e publicación de “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos” é un acto de resurrección así como de xustiza. “É incrible que unha vida así fora descoñecida. A maior parte da xente nin sequera escoitou falar nunca de Alejandro Viana a pesar de que o vimos relacionado con moitísimos personaxes que son sobradamente coñecidos por parte de toda a poboación”, indicou.

“É unha mostra máis da anomalía democrática que supuxo o paso da ditadura franquista á democracia. É doroso ver que outros países danlle máis recoñecemento a outras persoas que fixeron cousas parecidas pero menos meritorias dende o punto de vista do risco. Falo de Arístide de Sousa, cónsul portugués en Burdeos, que dá visados a xudeus para escapar. Aquí, Viana non ten recoñecemento nin en Ponteareas (onde naceu) nin en Vigo (cidade que o acolleu na súa mocidade e primeiras décadas da vida adulta)”, indicou.

Para coñecer o alcance deste persoeiro lembrou primeiro que nace dunha familia sen moitos recursos de Ponteareas para ben novo poñer rumbo a Vigo onde comezou a traballar para negocios de destacadas familias. Despois decidiría estudar e a partir de aí comezou a medrar economica e socialmente chegando a ser presidente de diferentes sociedades e mesmo tenente de alcalde e rexidor (isto último só uns meses).

É doroso ver que outros países danlle máis recoñecemento a outras persoas que fixeron cousas parecidas pero menos meritorias

Como empresario destacou na venta de ovos que nos anos 20 e 30 supoñía o 20% das exportacións do Porto de Vigo ao nivel das conserveiras daquela altura. Cando a Garda Civil, tralo alzamento militar, avaliou a súa fortuna cuantificouna por un importe en pesetas que a día de hoxe equivalería a máis de tres millóns de euros.

Ademais foi consexeiro delegado da empresa editora do xornal “El pueblo gallego”, un dos socios fundadores do Ateneo e do Círculo Mercantil de Vigo; ademais de deputado electo baixo o paraugas da Fronte Popular. De feito, el xunto a Castelao e outros persoeiros presentou o Estatuto de Autonomía de Galicia nas Cortes o 17 de xullo de 1936.

Salvou a vida porque decidiu quedar en Madrid ata que se desprazou a Valencia e despois a Cataluña a medida que ía avanzando a Guerra Civil. Despois fuxiu a Francia cando as tropas sublevadas do bando nacional entraron en Cataluña. No estado galo, formou parte da directiva do Servicio de Emigración de los Republicanos Españoles (SERE), encargada de organizar os barcos de exilio que levaron milleiros de refuxiados a América. “El sabía moito de fletar barcos, de organizar expedicións, de manexar capitais por diferentes países”, sinalou Mera. “Viana porá en marcha barcos como o Méxique, o Ipanema, Sinaia e Winnipeg que levaron milleiros de exiliados a América”, engadiu.

Precisamente, neste continente foi onde morreu no ano 1952, en México, tras reunirse coa súa dona da que estivo once anos separado.

As pistas dun quebracabezas reconstruído para rachar co silencio do esquecemento

Roberto Mera cruzouse coa historia de Alejandro Viana nas súas visitas ao seu avó Nano, Ponciano Mera Viana, que lle relataba as andainas do tío Alejandro. O relato chegoulle nos anos setenta cando aínda non se falaba de memoria histórica. Foi seu avó tamén quen un día lle amosou un cartafol con notas biográficas gardadas e unha reportaxe no FARO DE VIGO dos anos oitenta con foto de Viana en México. Tal como sinala no libro “no 2000 e, parafraseando a Neruda, principiaba entón a máis nobre misión que levei a cabo na miña vida, rescatar do esquecemento o meu tío bisavó, AlejandroViana Esperón”. Ao principio sentiu que o desafío era inalcanzable. Parecía unha tarefa condeada ao “fracaso” o rescatar unha vida que se apagara había medio século antes. Ao descubrir fotos dun álbum nun faiado en Vigo, postais manuscritas de amigos dende África, cartas a refuxiados asinadas por el e descubertas en Bilbao, libros descatalogados na Biblioteca Nacional sobre a súa vida... foi formando o puzzle da vida de Viana ata rematar neste libro, inda que xa soña con publicar outro fixándose máis noutras etapas da vida deste home. No libro, Mera explica que este libro veu a luz tras dez anos de investigación nos que completou un quebracabezas para reconstruír o seu periplo vital e rescatalo do silencio.