Entrevista | Berta Dávila Entrevista

“Escribir sobre maternidade abre unha xanela a unha experiencia universal”

“Eu creo que a lectura sempre é o resultado dunha interpretación do resto da xente. As lectoras e lectores son habitualmente sabias e seleccionan o que lles interesa dun libro”

Berta Dávila en Santiago.

Berta Dávila en Santiago. / Xoán Álvarez

É unha etapa especial para Berta Dávila: Premio Xerais de Novela con “Os seres queridos” e Premio Xerais Xuvenil con “Un elefante na sala de estar”. E vén de vivir un mes de maio de vertixe, que a levou a Bélxica, Arxentina e Italia. “Acabo de asistir, por primeira vez, a como me len lectores noutro idioma”, apunta Dávila, que reflexiona nesta entrevista sobre o propio feito de escribir e sobre como se perciben as distintas temáticas.

–Linguaxe sinxela, facilidade para expresar pensamentos, encrucilladas mentais, vínculos afectivos... son todas descricións ou impresións sobre as súas obras. Vese reflectida?   

–Eu creo que a lectura sempre é o resultado dunha interpretación do resto da xente que, ademais, lle dá sentido ao feito de escribir. O feito de que as escritoras nos recoñezamos absolutamente en todas as lecturas é irrelevante. Eu creo que as lectoras e lectores son habitualmente sabias e seleccionan o que lles interesa dun libro. En xeral si creo que existen unhas coordenadas que teñen que ver co que eu escribo e que son o resultado, moitas veces, dunha vontade particular. Dunha certa vontade de estilo que ten que ver con aquelo que se le, o texto busca interpretar unhas cuestións para que cheguen a alguén.

  • Ficha persoal

    Berta Dávila (Santiago, 1987) é narradora e poeta. Co poemario “Raíz da fenda” (Xerais, 2013) obtivo o Premio da Crítica Española (e outros). Dende entón, cinco libros e moitos galardóns. Os últimos: os Xerais de Novela e Xuvenil

–Se viaxamos no tempo, en que momento percibiu que se dedicaría a escribir?

–Funcionou dun xeito fluído. Sempre me gustou ler e escribir. Dende bastante pequena fun facendo o meu camiño. Vas orientado a túa vida cara iso, en realidade pasa con calquera traballo. Tomas diferentes decisións que te van orientando cara aí. Para min a literatura sempre foi algo central. Non só a lectura senón a escritura. Acadar que o siga sendo é unha circunstancia que me fai feliz.

–Vén de Italia, Arxentina, Bélxica... “Os seres queridos”, Premio Xerais de Novela 2021, un galardón moi significativo para vostede, está a ter unha magnífica acollida por parte do público. A maternidade, os afectos, os vínculos, a culpa...que buscaba nesta obra?

–O libro pretendía en certo modo enfocar esa profunda transformación identitaria que opera sobre a protagonista e que ten efectos en como se configura a si mesma, en como pensa, nos vínculos afectivos que sostén con todos os demais, desde esa experiencia da maternidade, que é moi transformadora e transversal a moitos aspectos do ser humano e do ser social. Tamén unha revisión a temas como o desexo e o non desexo. A elección, a idea de vivir conectadas a outras,a varias mulleres e como vivimos en relación a esa experiencia.

–Cre que hai un avance no tratamento da maternidade, o enfoque visceral, coas súas confusións, cos distintos xeitos de ser nai?   

–Este tema aparece dende sempre. Moitas veces en canto a arquetipos de nai abnegada, nai santísima ou a nai bruxa que ten toda a culpa do que lle pasa ao protagonista,normalmente un fillo ou filla. Habitualmente as nais estaban en función dos fillos e seguen estando. Que as nais escriban sobre estas cuestións e as protagonistas escriban sobre isto supón abrir unha xanela a unha experiencia universal. Pero non só. Quero dicir, aínda se perciben este tipo de temáticas como temáticas de nicho, como libros para nais, cando calquera libro ou calquera temática ten interese per se. Eu creo que, en xeral, unha temática como a maternidade, pode ser visceral ou emocional pero, en realidade, detrás das temáticas tamén hai ou pode haber un discurso sobre o que é. Non tanto unha intuición ou unha emoción, senón un discurso.

–Un discurso propio, unha explicación, máis alá da emoción...   

–Neste tipo de temas, cando se tocan aspectos emocionais, percíbese que veñen da emoción, e non necesariamente. Creo que poden vir de onde eles queiran. Hai unha serie de ideas detrás. Porque se enfocamos unha materia como a guerra, por exemplo, non é só a emoción do tema. Hai un discurso detrás. As cousas que teñen un impacto emocional na xente tamén veñen das ideas.

– “Os seres queridos” (Xerais), “Carrusel” (Galaxia), pregúntanlle habitualmente pola parte autobiográfica nas súas obras?

–Realmente non concibo os libros como algo autobiográfico. Hai protagonistas que se parecen a min, son escritoras, pero o tratamento é ficcional. Dentro deses libros hai un xogo que ten máis que ver coa idea de xogar coa verdade e a ficción que coa idea de indagar no eu. Podes indagar no eu dende unha protagonista en primeira persoa que se chame doutra maneira e que sexa loira e que teña o pelo rizado. Tamén se pode indagar en cuestións que sexan importantes para un autor ou autora dende unha terceira persoa narrativa. Interésame ese xogo entre a verdade e a ficción. Tamén me interesaba cando escribín “O derradeiro libro de Emma Olsen” (Galaxia), que xoga todo o tempo con cuestionar a relación entre verdade e ficción. Sobre o correlato autobiográfico, por unha banda creo que non ten relevancia á hora da lectura, quen o lea e non coñeza nada sobre min non se perde no libro._Interésame menos o correlato en si. Non ten tanta relevancia e tampouco o desboto. E non me parecen distintos a calquera outro libro nin a cousas que se levan facendo en literatura durante moitos anos.

Dávila en Santiago.

Dávila en Santiago. / XOÁN ÁLVAREZ

– “Un elefante na sala de estar” (Xerais), o seu último libro, Premio Xerais Xuvenil 2021. Custoulle pensar nun público máis novo?  

–Supoñía escribir un libro que fose, dalgunha maneira, máis inclusivo á hora de abranguer un público lector máis amplo. Creo que pode ser unha novela que pode ler calquera persoa adulta pero evidentemente quería facer unha novela xuvenil no sentido de incluír aos lectores adolescentes. Non é a primeira novela xuvenil que escribo pero si a primeira que publico. Nos ‘Seres queridos’, por exemplo, temos unha protagonista que se conta a si propia. E no ‘Elefante na sala de estar’ un montón de voces que falan dunha protagonista ausente. Era facer case o contrario e facelo busando o punto no que esta lectura puidese abranguer e interesar a outra xente disinta á xente que le os meus libros. E que me interesase a min tamén.

–Tamén lle gusta debuxar. Están vinculados os procesos creativos?   

–A min gústame debuxar de vez en cando pero é algo puntual. Igual durante unha tempada, ou fago debuxiños no caderno mentres escribo, pero non o concibo cunha intención. Nin penso absolutamente en nada. É moi eventual, moi amateur... de feito non teño moita capacidade para facer cousas con intención. Ás veces quero debuxar unha persoa nunha postura e non me sae. Para min é como un divertimento; un espazo que na miña vida, por exemplo, tamén ocupa a música e que quero que siga sendo iso... En determinados momentos, se hai oportunidade de que un libro meu leve unha cuberta cun debuxo que eu fixen e que me agrada é interesante e tamén é divertido facer un libro de debuxos ou publicar un debuxo en redes. Na parte musical, estudei música ata os 18 anos pero nunca tiven unha vocación de convertelo nunha profesión. Son unha persoa á que lle gusta facer cousas, ler, escoitar... e a partir diso configuro a miña maneira de estar.

“Planifico cada libro cun esquema preciso do que quero contar”

–Como afronta a escrita: a diario ou por tempadas?

–No meu caso un proxecto normalmente convive con moitos outros: cartafoles con ideas, notas e cousas que nos interpelan nun momento dado e cando concibo un proxecto paso moito tempo planificando ese proxecto. De maneira gozosa, polo xeral, déixome ir, paso moito tempo a pensar niso. Finalmente acabo contruíndo un esquema bastante preciso do que quero contar. Esa é unha primeira parte que pode durar un tempo indefinido e coincidir con varios libros á vez. Despois hai un proceso final no que sento e escribo de maneira bastante intensa unha cousa concreta. Doulle unha forma máis compacta. Ese tempo para min é moi interesante. É coma viaxar a un sitio e non pensar en nada máis. Xa para terminar vén corrección, revisión. Tamén é bastante divertido. Reconsiderar como se din as cousas; reconstruir case como pezas de lego. Son esas tres partes.

–Sente presión polo futuro éxito ou non desa historia incipiente?

–Non teño a sensación de que iso sexa tan forte. Para min é unha cousa máis ben discreta. En xeral creo que cando un se dedica a escribir, polo menos no meu caso, non percibo esa idea de éxito como algo capaz de xerar unha presión que chegue a tal punto de afectar ao que eu escriba. Si hai un momento no que pensas como as lectoras poden recibir ese libro. Pero teño a sensación de que non me podo deixar afectar pola idea de como se pode recibir un libro. Tes que escribir o libro que ti pensas que tes que escribir. Escribir o mellor libro que queiras escribir e iso é unha cousa que só vai contigo. É como me sinto ao respecto.

Suscríbete para seguir leyendo