“A educación competencial non supón unha perda de coñecementos, senón que é a conxunción de coñecementos, destrezas, habilidades e aptitudes”, afirmou onte no Club FARO a psicopedagoga Premio Nacional de Educación Teresa Domínguez, creadora dos Calendarios Competenciais que promove a Deputación de Pontevedra dende 2016.

A experta en ensino participou onte nunha mesa redonda- coloquio no Club FARO, xunto aos tamén docentes Pablo J. Martínez e Teresa Domínguez. Foron presentados pola presidenta de Deputación, Carmela Silva, quen salientou a rigorosidade, seriedade e creatividade do proxecto de calendario competencial que “cada día de todos os meses do ano propón actividades de todo tipo para que o alumnos sexan protagonistas da súa aprendizaxe e traballen en familia, xunto ao seu entorno social e natural”.

Silva explicou que os mencionados calendarios se desenvolven, con propostas diferentes, en educación infantil, primaria, e dende hai dous anos, na ESO, dos centros educativos da provincia que os poden solicitar. “Baséanse en valores educacionais como a aposta polo medio ambiente, as relacións humanas sanas ou poñer en valor á mulleres, que non están moitas veces nos libros de texto”, comentou.

Na súa intervención, Teresa Domínguez afirmou que a integración dun currículo competencial que contempla a nova Lei de Educación “non é nin unha moda nin un oportunismo”, senón que, ademais de estar presente na Axenda 20-30, responde a recomendacións e directrices da UE que dende 2006 establecen que as aprendizaxes que se realizan en familia e dentro dunha contorna social son máis significativas e duradeiras xa que o escenario escolar non é o único que favorece e provoca aprendizaxe. Sobre os calendarios competenciais, dixo que naceron para “dar un recurso ás familias, as que sempre lles pedimos que compartan o proxecto global e común de educar pero non lles dabamos ferramentas”. “Os nenos de agora non son os nenos que os de hai corenta anos,. Do mesmo xeito que na medicina agora non nos abren canal, a educación evolucionou en aprendizaxes equitativas para alumnos con diversidade e intelixencias diversas”, afirmou Domínguez.

Pola súa parte, Pablo J. Martínez, director do IES República Oriental de Uruguai, deu o punto de vista das institucións, de como van desenvolver esa reforma educativa que a partir do vindeiro curso introducirá a avaliación competencial nos cursos impares, así como unha materia nova en 1º da ESO, Proxecto Competencial. A LOMLOE non aporta moitas novidades co que tiñamos, máis ben cambio de vocabulario”, comentou, ademais de propoñer facer clases “máis dinámicas, menos maxistrais”. “Educar en competencias non é unha merma en coñecementos. Non é educar ao alumnado no que sabe, senón no que pode facer”, afirmou. Martínez valorou o desenvolvemento este curso dos calendarios competenciais no centro que dirixe e os cualificou como “unha ferramenta fantástica para traballar nas titorías”. “A tendencia educativa nas familias é aproveitar os momentos de ocio para facer actividades enriquecedoras ou de interese competencial. Eu mesmo, como pai, consulto o calendario”, relatou.

“As tarefas propostas son a ferramenta que temos para que o alumnado atope utilidade ao que aprenden, para que observen o seu entorno, sinteticen o que ven, o expliquen en clase e hasta fomenten o espírito crítico”, afirmou Mercedes Martín, profesora de Xeografía e Historia, colaboradora deste proxecto e usuaria do mesmo este curso cos seus alumnos. Puxo como exemplo dúas actividades: acompañar ao supermercado a un membro da familia e ver a trazabilidade do leite, o que se lle servirá par cando vexa a gandeira e o sector transformativo, e distinguir en medios de comunicación algún dos principios de propaganda de Goebbels para que non vexan como algo tan lexano o ascenso dos fascismos no século XX que estudan en 4º da ESO.

Tres referentes no eido do ensino en Galicia

Teresa Domínguez, doutora en Psicopedagoxía e Premio Nacional de Educación á carreira docente en 2017, é a creadora dos Calendarios Competenciais promovidos pola Depotutación Provincial de Pontevedra. Mestra de Educación Primaria e Educación Infantil, formadora da Consellería de Educación e orientadora, é profesora asociada na Universidade de Vigo, onde é docente de mestrados y titora de traballos de fin de grao e de fin de mestrado.

Pola súa parte, Pablo J. Martínez, director do IES República Oriental do Uruguai de Vigo, é tamén ilustrador infantil de contos e libros de textos nas editoriais Kalandraka, Galaxia e Santillana. Profesor do ensino secundario público e licenciado en Belas Artes, é docente de debuxo artístico en Bacharelato Artístico, de debuxo técnico en Bacharelato de Ciencias e de Educación Plástica Visual e Audiovisual na ESO. Colabora no grupo de deseño de currículos LOMLOE e traballa como dinazamizador do programa de Biblliotecas Municipais de Galicia.

Mercedes Martín, profesora de Xeografía e Historia de ESO e Bacherelato no IES República Oriental de Uruguai que colaborou na creación dos Calendarios Competenciais, é Licenciada en Historia, na especialidade de Historia Medieval. Colaborou coa Universidade de Vigo no proxecto de documentación e estudos etnográficos sobre os procesos vitivinícolas en 1998 e foi relatora de cursos de formación de profesorado da Xunta en 2008.