Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tres veces ganadora del Premio Lazarillo de Tormes
Ledicia Costas Escritora

Ledicia Costas: “Se conectas co lector infantil vas ter un público fiel para sempre”

Ledicia Costas, na biblioteca da Facultade de Filoloxía da UVigo. ALBA VILLAR

O seu último premio é o Lazarillo de Tormes de Literatura Infantil e Xuvenil, que a converteu na primeira persoa que o gañou tres veces nos seus 64 anos de historia. Con este, Ledicia Costas (Vigo, 1979) supera xa a vintena de galardóns, froito dun traballo metódico ao que dedica xornadas maratonianas, o que lle permite o milagre de vivir da literatura en galego. Con “Escarlatina, a cociñeira defunta” conquistou aos rapaces e obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, e tres anos despois, fixo o propio co público adulto con “Infamia”, que se converteu nun superventas. Estes días, a escritora e colaboradora de FARO apenas para, entre as súas charlas en colexios, actos promocionais e encontros cos lectores, e aínda ten que viaxar a Berlín e a Barcelona.

–Cunha axenda así, cando escribe?

–Escribo a partir do mes de xullo. Cando todos estades a empezar a coller vacacións e a subir ás redes sociais fotos na praia, eu estou na miña casa escribindo e asasinándovos a todos.

–Vinte libros e algo máis de 20 premios en 20 anos. Isto non é froito da casualidade.

–É froito de moito traballo. A verdade é que nunca caín na conta de todo isto. Dixéronmo hai uns días, cando gañei o premio Lazarillo de Tormes. Eu non me decatara e prefiro non pensalo.

–Por que?

–Porque sinto vertixe, sobre todo porque a miña produción máis intensa está concentrada desde o ano 2014 ata o de agora.

“Aprendín a quitarme presión e a relativizar. É a única maneira de gozar do proceso creativo”

decoration

–De onde saca as historias?

–Sempre tiven esa capacidade de inventar, desde moi pequena. Recordo que cando estaba na escola tiña serias dificultades para prestarlle atención ao profesor porque a miña cabeza voaba libre. Por fortuna, cos anos, aprendín a canalizar esa imaxinación en algo produtivo como é escribir novelas.

–Algunha vez ocasionoulle isto problemas no colexio?

–Claro, porque era incapaz de prestar atención en clase. Logo tiña un exame e non sabía practicamente nada do que explicara o profesor e tiña que buscarme a vida. E no instituto pasábame exactamente o mesmo.

–Con todo, a literatura non foi a súa primeira opción. Estudou Dereito, que non ten moita relación con escribir.

–Naquel momento estaba de moda en Vigo a carreira de Dereito Económico e Empresarial. Era unha carreira con moita proxección, con moitas perspectivas laborais. Non me desgustaba a idea do Dereito; si máis a rama económica. Tamén naquel momento púxose de moda a serie “Ally McBeal”, sobre unha avogada que ía por aí vendo bebés e que mesturaba realidade e fantasía e díxenme: “Se cadra este é o meu sitio, porque eu me vexo reflectida nesa avogada!”. Non foi así, aínda que como avogada vivín tamén experiencias moi intensas que me serviron e me serven hoxe. Con todo, o meu sempre foi inventar e aquí estou, escribindo libros.

A escritora galega, nun pasillo da biblioteca. Alba Villar

–Decidiu deixar a avogacía para dedicarse en exclusiva a escribir. Foi arriscado...

–Foino bastante, pero tamén é certo que naquel momento xa tiña novelas que empezaban a funcionar, que se reimprimían constantemente. Vía que tiñan boa acollida e deseñei un plan. Pensei: “Se consigo escribir un ou dous libros por ano dentro de 7 podo ter 14 e si destes catorce funcionan aproximadamente 8 ou 9 vou poder vivir disto”. Iso é o que fixen e funcionou.

–Non existe unha variña que garanta o éxito dunha novela, pero vostede parece tocar a tecla. Por que cre que as súas historias conectan tan ben cos rapaces?

–Creo que porque estou en permanente contacto con eles. Fago toda esa ruta por colexios, o que me fai estar sempre ao tanto dos seus gustos, como pensan, que lles gusta facer... Eles din que sacan moito de min, pero eu saco moito máis deles. Sempre saio dos coles con algunha recomendación, con algunha suxestión dunha peli, dunha serie, dun manga, dun videoxogo...

“Para min, é un orgullo chegar co galego a lugares que non imaxinaba”

decoration

–Os nenos deben achegarse á literatura ou os escritores a eles?

–Creo que ten que haber un traballo por ambas as partes. Ten que haber obras diversas que conecten con todo tipo de público. En Galicia contamos cunha rede de bibliotecas escolares que creo que é a mellor do Estado español. Logo, se tes a sorte de conectar con eles vas ter público fiel para sempre porque non te abandonan.

–É máis fiel o lector infantil que o adulto?

–Mais entusiasta, quizais. Non sei se é máis fiel porque teño que recoñecer que teño moito público adulto que empezou a lerme con “Infamia” e que tamén comprou “Golpes de luz” e que estou convencida de que cando saque unha nova novela tamén me vai acompañar. Pero é verdade que como eu escribo para todas as idades, teño lectoras que empezaron comigo no cole e que agora están na universidade e seguen lendo os meus libros.

–Os rapaces de agora len ou están todo o día enganchados aos videoxogos?

–Si len. Eu cando vexo un informe que di que a mocidade de agora non le, creo que non é certo. Creo que o libro sempre está a competir con tecnoloxías máis inmediatas e que non requiren tanto esforzo, tanta atención, pero este problema xa existía nos anos 80 e nos 90.

–A perda dos lectores dáse na adolescencia?

–Creo que aí hai un momento no que, efectivamente, vai haber un parón, pero os que foron lectores de nenos, logo regresan na vida adulta. Pero isto pásanos a nós tamén. Claro que haberá rapaces que non len, pero como tamén hai adultos. A maioría dos libros non son para todo o mundo. Non sei por que focalizamos sempre na rapazada.

–Hai quen di que non coñecen a cultura do esforzo e que están menos preparados que a anterior xeración. Está de acordo?

–Non teño nin idea se están máis preparados do que o estaba eu porque non podo comparar, pero o que si che podo dicir é que nós eramos como máis salvaxes e agora, polas circunstancias, os rapaces están sobreprotexidos. Isto si o observo, pero de aí a que non se teñan que esforzar... Pero si levan quilos de deberes para casa! Como que non se teñen que esforzar? Non sei por que os adultos tendemos a demonizar o papel da mocidade.

"Gústame sorprenderme con cada novela, non acomodarme no que xa probei e sei que funciona"

decoration

–Esquécesenos pronto que fomos nenos e adolescentes?

Si. Ademais, hai moitos adultos que acostuman a poñerse nunha posición de superioridade respecto deles. Hai que tratalos co respecto que merecen como seres humanos. Sempre se fala deles coma se fosen individuos que non están completos e creo que isto é un erro. Sempre se fala deles como os lectores do futuro. Como que os lectores do futuro? Son os lectores do presente!

–Na novela que gañou o Premio Lazarillo, “A lebre mecánica”, aborda a ludopatía nos adolescentes. Como chega a este tema?

–O primeiro que fixen foi falar con profesores de Secundaria que teñen casos na súa aula para saber como os detectaron, como cambiou o comportamento do rapaz, como afectaba ao seu rendemento... Logo, durante o pasado verán, visitei casas de apostas e deime de alta en webs de apostas online para saber como son e apostei. A verdade é que foi bastante impresionante. Paréceme horripilante o fácil que teñen os rapaces o acceso ao xogo desde os móbiles, a volta dun clic. Ver un partido de fútbol apostando 2 euros parece que é unha cousa inocente e dálle un aliciente ao partido, pero cando se dan conta están metidos nunha espiral da que é moi complicado saír.

–Outro tema recorrente na súa obra é a discriminación de xénero.

–Gústame crear personaxes femininos que sexan independentes e que nos mostren como non nos mostraban ata hai poucos anos ás mulleres, que non estabamos suficientemente representadas nin na literatura nin no cinema. Por iso é polo que sempre teñen esa presenza nas miñas obras.

Ledicia Costas, diante duns libros. ALBA VILLAR

–Témola agora ou seguimos sendo a nai de, a muller de...?

–Son centos de anos de discriminación. Imaxina todo o que falta para que se equilibre a balanza. Non hai máis que ver o número de mulleres nas reais academias e que dirixen empresas neste país, etc. Claro que seguimos sendo a muller de ou a irmá de, pero tamén avanzamos moito e creo que seguiremos avanzando porque hai moitas mulleres dispostas a facelo.

–Cal lle gustaría que fose o seu papel como escritora neste cambio?

–Gustaríame que as nenas se atopen representadas nos meus libros. Eu case non atopaba personaxes femininos cando era unha nena lectora. Todos os libros que lía estaban protagonizados por nenos e creo que é marabilloso que as nenas poidan sentirse identificadas nos libros.

–Vostede era consciente entón da falta de personaxes femininos?

–Fun consciente a medida que fun cumprindo anos. Ao principio non. De feito, a primeira novela que me publicaron ten como protagonista a un adolescente e nos meus libros de nena e de adolescente, os protagonistas son mozos e practicamente non hai mozas. Agora, cos anos, doume conta de que os meus referentes eran masculinos.

"O libro sempre está a competir con tecnoloxías máis inmediatas e que non requiren tanto esforzo. Non é algo de agora"

decoration

–Fai tres anos decide escribir unha novela para adultos, “Infamia”. Imaxinou que tivera esa repercusión?

–Non, porque o que fixen é o que fago sempre: partir sen demasiadas expectativas no sentido de que en ningún momento pensei que ía pasar se o libro era un éxito ou, ao contrario, se non gustaba. O que fixen foi centrarme no traballo e logo, como partía sen esa idea creada do que podería pasar pensaba: todo o que pase, todo o que reciba, será algo que sume. O que non imaxinaba é que ía ter tantas edicións, tantos lectores, que se iría a publicar logo ao castelán con moita repercusión. Isto animoume a escribir a seguinte novela para adultos, “Golpes de luz”, e este verán empezarei a traballar na terceira.

–E será…

–Aínda non podo adiantar nada porque teño que pensar cara a onde vou. Teño varias posibilidades.

–A primeira é un “thriller” e a segunda unha novela tenra e chea de humor. O de cambiar de xénero é para non acomodarse?

–A miña marca é a versatilidade e tamén a experimentación. Gústame sorprenderme con cada novela, non acomodarme no que xa probei e sei que funciona, probar novos camiños. E creo que os lectores que me acompañan tamén están a esperar a sorpresa do seguinte libro e iso case se converteu nunha marca de estilo.

–Escarlatina comezou falando galego e agora domina o italiano, coreano, búlgaro, romanés, persa. Imaxinou que puidese chegar a ter esa proxección internacional?

–É marabilloso ver como se converteu nunha auténtica políglota que domina non sei cantos idiomas e que abre as portas a outros libros meus que se traducen a diferentes linguas. Para min, o máximo orgullo é traballar sen renunciar nunca á miña lingua e demostrarme a min mesma, non ao resto, que desde o galego podes chegar a lugares que nin imaxinas.

–Os concursos literarios forman parte do traballo do escritor?

–Eu creo que si. Aínda que estiven varios anos sen presentarme a ningún, ata que o ano pasado volvín entrar no circuíto dos premios, no meu caso axúdanme a ter un calendario de escritura e impúlsanme a escribir.

"Ata o de agora eu era escritora de ficción, pero estou absolutamente enganchada a comentar a realidade do día a día"

decoration

–O Lazarillo é un dos dous premios nacionais nos que poden concorrer libros en galego. Non hai moitas oportunidades para os escritores en lingua galega.

Non as hai e é un hándicap que o xurado se cadra non domina o galego e vaite ler en galego. A outra opción é escribir a novela en galego e traducila ao castelán. É dicir, escribila dúas veces. As persoas que escribimos en galego témolo moi complicado. Por iso tamén, cando conseguimos derrubar obstáculos e romper fronteiras vivímolo con tanto entusiasmo.

–Cando se encerre en xullo para escribir, cantas horas traballará ao día?

–As dunha xornada laboral dunha xefa que non cumpre o convenio. Son unha mala xefa, aínda que é certo que a min me gusta escribir, polo que estou encantada. Pero a única maneira de que isto funcione é dedicarlle moitas horas ao día. Por moito talento que teñas, se non invistes tempo, se non lle dedicas horas, esquécete.

"Todos os libros que lía de nena estaban protagonizados por nenos e creo que é marabilloso que as nenas poidan sentirse identificadas nos libros"

decoration

–Ou sexa, que iso das musas non é certo.

–O da inspiración é unha patraña. Se eu esperase a estar inspirada escribiría cinco minutos ao ano.

-É das escritoras que escriben en calquera parte ou das que teñen o seu recuncho?

-Teño un espazo de traballo, onde está o meu material, os meus libros e aí pódome concentrar. Non son desas escritoras que poden escribir nun aeroporto, nin sequera nun tren. Resúltame practicamente imposible. Necesito calma, moita calma para escribir.

–Desa vintena de libros que escribiu, tenlle a algún un especial agarimo?

–Ao libro que máis agradecida lle estou é Escarlatina [“Escarlatina, a cociñeira defunta”]. Sen dúbida, eu xa estou unida a ese personaxe para sempre.

–Entre outros, valeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015.

–Xamais esquerecei cando me chamaron para comunicarme a noticia de que gañara o premio nacional. Non o podía crer. Teño o diploma nunha vitrina porque é bonito de ver.

–Un premio así causa presión á hora de acometer o seguinte proxecto?

–Non, porque o que máis me gusta facer no mundo é inventar historias, personaxes, deseñar tramas. Nese sentido teño que sentirme absolutamente libre e tamén creo que teño dereito a equivocarme. Non pasa nada si tropezo con algún libro, se algún libro non funciona non pasa nada. É importante quitar esa presión de enriba, senón non se pode vivir e non se pode traballar e parece que as mulleres vivimos nunha sociedade onde non nos podemos equivocar. Eu aprendín, sobre todo, a quitarme presión e a relativizar. É a única maneira de gozar do proceso creativo e se eu escribo libros é porque me encanta facelo. Pero tamén che digo: teño ese instinto e esa fame de crear e de facer cousas novas e ese instinto de sorprender.

"Sempre se falados nenos coma se fosen individuos que non están completos e creo que isto é un erro"

decoration

–Como lectora, séguenlle sorprendendo os libros que le?

–Por suposto. Son súper lectora e gústame estar ao día do que se publica e sempre que descubro unha nova voz literaria compro os seus libros anteriores para seguir fascinándome e seguir cativada por ese bicho que me pica cando leo libros que me entusiasman.

–Onde garda os premios?

–Teño un andél onde vou colocando os premios. Logo teño algúns que son xigantes e que teño que ter gardados en armarios porque non caben. Este lazarillo é unha escultura tan bonita que vou buscalle un sitio que se vexa ben.

–É, ademais, columnista. Que lle gustaría que achegase a súa voz ao lector do diario?

–Como colaboradora do FARO teño a oportunidade de comentar feitos sociais que me interesan, de comentar a sociedade case ao minuto. Gustaríame achegar unha voz crítica quizais, unha voz disposta a comentar, a cuestionar a condena a Santi Mina, a súa repercusión social e o maltrato á vítima; o tiroteo en Texas, ou o inicio da Feira do Libro de Madrid. Gustaríame estar a achegar unha voz diferente, e non digo isto porque eu sexa diferente ao resto senón porque non fai tanto que son colaboradora de prensa. E estou moi satisfeita da repercusión que teñen nas redes sociais algúns dos artigos que escribo. Hai moita xente que me di que le a miña columna. Ata o de agora eu era escritora de ficción, pero recoñezo que estou absolutamente enganchada a comentar a realidade do día a día.

Compartir el artículo

stats