“O Vigo literario desenvolveuse de maneira extraordinaria con Domingo Villar”. Así se expresou onte o profesor e exeditor de Xerais Manuel Bragado no coloquio “Domingo Villar: distintas perspectivas de una misma ausencia” que celebrou Club FARO coa presenza do escritor Pedro Feijoo e de Iolanda Galanes, profesora de Tradución da Universidade de Vigo.

Presentados polo xornalista Rafa Valero, déronse cita no Auditorio do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO) para dar conta da persoa que era Domingo Villar pero sobre todo para destacar a figura do escritor que crebou no panorama da novela negra mesmo a traspasar fronteiras.

Bragado indicou que “foi capaz de crear a cidade (olívica) como un espazo emocional e iso contaxiouno aos lectores non só coa identificación das localizacións das tramas con espazos icónicos como o Elixio ou a Alameda”.

Público no coloquio arredor da figura de Domingo Villar, onte no Club FARO. | // ALBA VILLAR

Aproveitou para engadir que “el tamén tiña un corazón celeste e non é unha frivolidade falar disto neste momento. El tiña un soño que compartimos moitos: que no Celta xogasen os 11 galegos de canteira”.

Agregou que “Domingo foi profeta na súa terra. Despois producíronse as traducións. Guillermo Schavelzon [o seu axente literario, de sona e traballo internacional] non era un descoñecido para a edición galega. Era o editor de Paul Auster e permitiu que Galaxia o editara ao galego, a mesma editorial que publicou o primeiro libro de Domingo ao galego”.

“Eu creo –engadiu– que o éxito de Villar tanto en galego como noutras unidades lingüísticas débese a que se encadrou nunha tradición de narrador policial capaz de crear un espazo literario propio. Esa foi a razón pola que unha novela como ‘Ollos de auga’ é perfectamente homologable no ano 2006 ás primeiras novelas de Camilleri que empezan a publicarse no ano 2002. Camilleri ten moita importancia na conformación do modelo de Domingo, coa creación dun espazo de referencia. Ten un personaxe con voz central que é o inspector Montalbano –en Villar, o inspector Caldas– e un personaxe de referencia que é Rafael Estévez que é o contrapunto necesario”.

“Hai moitos mecanismos narrativos que fan da obra de Domingo absolutamente universal. Só desde un espazo emocional é posible crear tramas complexas onde se abordan cuestións moi importantes. A Domingo, interesáballe indagar máis indagar nos porqués que saber quen era o asasino. Esa é unha linguaxe fundamental da condición humana. Con iso conecta o lector sueco, galego, francés, universal”, reflexionou Bragado.

Non obstante lamentou que “Galicia, a pesar de contar con autores como Domingo Villar ou Manolo Rivas, aínda non atopou unha estratexia común para proxectar a súa literatura no mundo”. Inda así resaltou que estes dous autores abriron “unha xanela” á literatura de noso polo que temos moito que “agradecerlles”.

A profesora da UVigo Iolanda Galanes destacou que Domingo Villar “era unha boa persoa e honesta. Foi xeneroso e por máis que busquei non atopei ninguén que falase mal del. El non era consciente de todo o seu valor. Coa súa maneira de andar polo mundo fixo que este mundo fose moito mellor”.

Pedro Feijoo indicou que “Domingo foi un escritor honesto, traballador. O traballo de escritor é o traballo dun artesán, hai que pulir, picando pedra días e anos se fai falla”.

Pola súa parte, Pedro Feijoo resaltou “o inmenso autor” que era Domingo Villar para destacar que “deixou un baleiro moi grande na nosa cultura”. Con grande afección, recoñeceu que “cústame moito tomar conciencia de que Domingo non está. Como se xestiona esta tristeza? Ata enfadeime con el por marchar. Din que o tempo o cura todo; o tempo non cura un carallo”, sinalou con pesadume e un fío moi lene da voz.

Sobre a súa dimensión persoal, Feijoo indicou que era unha persoa que “se colaba na túa vida, tiña esa calor que dan os bos amigos. Iso é o que máis estraño”. Non obstante, tamén recoñeceu que ás veces se descobre a si mesmo a sorrir ou rir cando lembra “os bos momentos” co creador de personaxes como Leo Caldas.

Por último, Iolanda Galanes, profesora de Tradución na Universidade de Vigo, destacou que “foi un autor especial ao tempo que destacou que “era un contador de contos”. Ademais resaltou “o éxito no exterior” e que el foi “o estandarte do Vigo Noir”.

En canto ao tema das traducións, indicou que “unha cousa que simboliza a Domingo sobre outro autor é o éxito que tivo no exterior. No caso de Domingo descubrín que está traducido a linguas nas que ningún outro autor galego está traducido. Por exemplo, está traducido como autor de novela negra ao sueco. Si hai traducidas ao sueco algunhas poesías de Rosalía que se traduciron a finais do século XIX, inmediatamente despois de ser editadas”.

Ademais indicou que “forma parte dun grupiño moi reducido de cinco ou seis autores que están traducidos ao hebreo, polaco, checo. Tamén está traducido ao inglés e francés, aos que está traducida moita outra xente”. Outro apuntamento importante que destacou foi que no neerlandés presenta cinco ou seis reedicións dalgunha das súas obras.

O reflexo dun home que buscaba a honestidade

O Club FARO dedicado onte a Domingo Villar tivo un momento moi sentido cara o final do coloquio cando mostraron un vídeo da Universidade de Vigo no que se oe falar da súa infancia, vida e obra ao escritor.

Nesta peza audiovisual, aparece ao rememorar cando era pequeno. En concreto, comeza cunha declaración na que apunta que “na súa infancia había dous trazos comúns aos que estudiabamos: todos tiñan a alguén na emigración e a alguén traballando no mar dunha maneira ou outra”.

Tamén recoñece que escribía “dende a morriña” en Madrid onde primeiro estudou para despois retornar para habitar na capital coa súa familia (muller e fillos). “Ao escribir sobre Galicia podo estar de volta, escoitar as gaivotas, escoitar a chuvia, ir ás tabernas ás que vou cando estou de volta. Supón para min unha especie de refuxio”, recolle a peza documental.

Ademais, apunta que sempre lle gustara fabular, contar as cousas “recollido dende a casa”. “Escribo dende neno. Sempre escribín teatrillos, pezas satíricas, contos” para acabar escribindo “novelas”, engade.

No vídeo, tamén fala da importancia da voz narrativa e da emoción que é “contaxiosa” en calquera disciplina artística ou artesana. “Hai que poñer o corazón no que se escribe e alma detrás do texto. Nótase se non está”, engade.

“Na miña casa –confesa no traballo audiovisual– non se entendía que eu quixera matricularme na ESAD para estudar dramaturxia ou empezar a escribir. Sempre me dicían estuda outra cousa para que os teus estudos che dean uns ingresos vitais e logo xa escribirás. Estudei Dereito, Ciencias Empresariais. Horrorizoume o Dereito, horrorizáronme as Ciencias Empresariais”.

Outra escena destacada e clave para entender a Villar é cando sinala que o “éxito de verdade” é poder ollarse a unha ou un mesmo no espello e ver unha persoa honesta e dun escritor honesto co que escribiches.