O ciclo “Revisando a nosa arte” do Consello da Cultura Galega ofrece hoxe unha xornada centrada en Maruja Mallo, unha das renovadoras da pintura galega do século XX.

María Victoria Carballo-Calero Ramos e María Laura Rosa falarán desta figura decisiva para o desenvolvemento da arte galega, cuxa obra e vida estiveron comprometidas coa liberdade de creación e de pensamento. Maruja Mallo (Ana María Gómez González, Viveiro, 1902 - Madrid, 1995) foi unha das principais artistas da Xeración do 27.

O seu carácter rebelde maniféstase na súa arte, que non se corresponde cos canons tradicionais do momento. Comprometida coa República, participou como docente nas Misións Pedagóxicas, o que a trae de volta a Galicia, onde a sorprende a Guerra Civil, da que escapa cara ao exilio durante 25 anos.