Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

20 anos do novo Rexurdimento galego

O FARO DA CULTURA cumpre dúas décadas a alumear os fitos culturais da historia contemporánea do país | Expertos na materia, incluído Román Rodríguez, dan as chaves do auxe cultural actual

Salvador Rodríguez, Álvaro Pérez, Patricia Hermida, Román Rodríguez e Xosé Ramón Pena (e-d). | JOSÉ LORES

A cultura galega leva vividos nestes últimos 20 anos éxitos e fitos históricos que a sitúan nun novo Rexurdimento. O paso ou alomenos intento de convertirse e crerse unha industria cultural, os éxitos do cinema galego aquí e no exterior, a explosión de grupos de todas as tendencias musicais que mesmo reúnen a público cantando en galego alén das nosas fronteiras e o nacemento e bum do noir na literatura son algúns dos episodios que ten recollido nas súas páxinas o FARO DA CULTURA.

En maio de 2002 vía a luz o primeiro exemplar, dirixido polo profesor, escritor e investigador Xosé Ramón Pena quen onte participou nunha edición especial de “Diálogos con FARO”.

Desta volta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou no encontro intercambiando opinións e reflexións coa presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, Patricia Hermida; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; e o propio escritor máis asesor do FARO DA CULTURA Xosé Ramón Pena, quen o dirixiu dende a súa creación ata que se xubilou recentemente.

Ao longo de case hora e media, foron debullando unha radiografía do sector nun encontro guiado polo xornalista, escritor e responsable do suplemento dominical de FARO, Estela, Salvador Rodríguez.

Literatura.

Como tema de apertura do encontro, o moderador escolleu a literatura galega a colación do funeral dunha das súas plumas máis destacadas deste e de todos os tempos: Domingo Villar. De feito, en canto acabou o diálogo, o titular de Cultura marchou para asistir ás honras fúnebres do autor de “Ollos de auga” e “A praia dos afogados”. Conectada coa triste nova do seu pasamento, o convite foi reflexionar sobre o feito máis destacado da literatura galega nestes últimos 20 anos. Para Xosé Ramón Pena, estivo claro que tres son os piares. Por unha parte, o auxe do xénero negro e detectivesco representado non só por Villar senón tamén por Diego Ameixeiras ou Pedro Feijoo, entre outras voces, con autores que situaron as súas tramas en Vigo  (inda que Ameixeiras se decanta por Ourense) para espertar o interese polos seus libros mesmo noutras comunidades e países con traducións a diferentes idiomas. Ademais do noir, destacou a incorporación das voces femininas de peso á literatura galega, entre as que destacou a Berta Dávila na narrativa; así como a importancia collida pola Literatura Infantil Xuvenil. A este respecto, Pena subliñou: “A mellor literatura infantil e xuvenil ibérica faise en Galicia neste momento”.

Xosé Ramón pena - Faro da Cultura

“A mellor literatura infantil e xuvenil ibérica faise en Galicia neste momento” “As editoriais quéixanse da dificultade para situar os libros no mercado” “A cuestión (que preocupa no eido literario) é a permanencia”

decoration

Cinema.

Para o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, o cinema galego rexistrou un estourido “absoluto” nestes últimos vinte anos pola efervescencia na creatividade de determinados autores pero sobre todo polo laboratorio de ideas e realizacións na canle autonómica, a TVG, na que se formou talento comezando a traballar alí en moitos casos e que agora recollen “éxitos absolutos” . “Estamos –engadiu– no mellor momento de produción consecuencia dun proceso que durou aproximadamente estes 20 anos; esta é unha boa referencia porque a propia Academia do Audiovisual cumpre vinte anos”. Asemade, opinou que “foi un camiño de creación de industria, de darnos conta todos de que estabamos traballando para facer algo máis que o que nos gustaba”. Como resultado “estamos empezando a exportar cun nivel de éxito absoluto. É o feito de que agora sexamos unha grande industria”.

Álvaro Pérez-Academia do audiovisual

“Estamos empezando a exportar audiovisual cun nivel de éxito absoluto” “As axudas da pandemia poden darnos quebradeiros de cabeza” “Que vai pasar cando dentro de dous anos non haxa eses cartos?”

decoration

Música.

En canto á música, Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e membro fundador do grupo de folc Ávalon, lembrou que nestes 20 anos se estiveron recollendo froitos das bandas da Movida dos 80 con especial mención a Siniestro Total e Os Resentidos como precursores. “Materializouse na formulación de propostas competitivas que tiveron reflexo nos Heredeiros da Crus, Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha... Bandas que viñeron reforzadas por un posicionamento dunha forma de crear que non só se baseaba na lingua e que permitiu formar bandas que aportaron moitísimo e que se complementaban con propostas artísticas baseadas nas avoas das nosas avoas e que se conxugan hoxe en día nun fenómeno como o das Tanxugueiras”, explicou.

Patricia Hermida - Asoc. Empresas Musicais

“Boto en falta un compromiso social da sociedade e das entidades privadas” “Este ano é bo co Xacobeo; pero o ano que vén vai ser moi moi complexo” “Vai faltar todo este apoio que é puntual e que se suma ás axudas da Xunta”

decoration

Convencemento.

Alén do talento e das infraestruturas e máis a creatividade, para o conselleiro de Cultura a chave dos éxitos da cultura galega nos últimos anos foi o convencemento de que desde Galicia se podían ofrecer produtos culturais exportables. “Nos últimos 20 ou 30 anos o máis importante foi ser conscientes de que eramos capaces de facer cultura como se podía facer desde calquera outra parte do mundo”, indicou Román Rodríguez. Para o titular de Cultura, foi determinante tomar consciencia de nós, das nosas capacidades, para entender que estabamos “en pé de igualdade con outras zonas do mundo”. Como resultado, as empresas relacionadas coa produción cultural comezaron a ser denominadas de xeito global industrias culturais porque a poboación galega comezou a adquirir conciencia do emprego que xeraban e que agora mesmo se sitúa no 4% do global industrial, segundo os datos facilitados polo conselleiro.

Román Rodríguez - conselleiro de Cultura

“O máis importante foi ser conscientes de que eramos capaces de facer cultura” “Podemos crear en pé de igualdade con outras zonas do mundo” “Defendo que a cultura é un dos elementos vertebrais de Galicia”

decoration

Despois da pandemia, que?

Cal é o presente e futuro máis inmediato da cultura galega? Esta foi unha das cuestións que plantexou o moderador do evento, Salvador Rodríguez. Desde o punto de vista de Xosé Manuel Pena, trátase dun “momento” máis vencellado “á resistencia”. De aí engadiu: “A cuestión é a permanencia”. Con esta declaración, quixo indicar que el ve o vaso mediado no sector literario cuxas editoriais “se queixan de que as dificultades para situar os libros no mercado son fortes. As vendas son as que son salvo casos espectaculares”. Segundo o seu punto de vista, debería haber apoios por parte das institucións públicas e pola parte privada. Sen ambas as dúas “a competencia no mundo global será difícil. O vaso poder virse abaixo e afundir os esforzos de toda unha xeración”. Ante estas opinións, o conselleiro de Cultura destacou “a cultura como elemento vertebral de Galicia” para engadir que tras os momentos duros da pandemia “fomos capaces de reinventarnos en moi pouco tempo para manter o emprego”.

Incertidume total.

Relacionado con anterior, o presidente da Academia Audiovisual recalcou que “se trata dunha cuestión estrutural. Ningún de nós sabe en que ou de que vai traballar dentro dun ano, nin se teremos o traballo asegurado dentro dun ano. É complicado saber como afectará a medio prazo o parón que houbo na pandemia”. Para Álvaro Pérez, hai intranquilidade: “É complicado saber como vai afectar iso a medio prazo. Empeza a preocupar agora que as medidas tomadas foran demasiado positivas a curto prazo e poidan darnos quebradeiros de cabeza dentro de dous anos. Que vai pasar cando dentro de dous anos non haxa estes cartos, estas inxeccións por parte das administracións? Patricia Hermida tamén se expresou en termos semellantes: “Este ano é un bo ano para a música con toda a reactivación dos circuitos do Xacobeo. Pero que vai pasar o ano que vén? Eu creo que vai ser un ano moi moi complexo porque vai faltar todo este apoio que é puntual e que se suma ás axudas que se deron desde a Xunta e distintas institucións para refortalecemento das industrias”.

Rapaces da final da ESO non foron nunca a concertos

O futuro da cultura galega tamén pasa por unha mellor educación, un espertar do interese polo consumo dos produtos culturais. Pero as empresas produtoras atópanse ás veces con muros. Por exemplo, o feito de que rapaces e rapazas dos dous últimos cursos da ESO nunca foron a un concerto. É posible? Si, é real. Patricia Hermida, presidenta da Asociación de Empresas Musicais, citou un caso, o do grupo Terbutalina nun instituto de Moaña onde para moitos estudantes de terceiro e cuarto da ESO foi “o primeiro concerto da súa vida”, segundo lle comentou un profesor que organizou a actividade. “Iso é moi grave e foi incrible ver as reaccións destes rapaces e rapazas que descobren que lles mola o concerto. Nunca tiveron a oportunidade de facelo antes e desta vez o lograron grazas a un profesor que se moveu fóra das súas horas lectivas. Se non lles ofrecemos ferramentas, estamos abocados ao fracaso”, recalcou ante o conselleiro de Cultura e Educación, coa arela de que tomara nota desta particularidade.

Compartir el artículo

stats