A interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia a cargo da Real Banda de Gaitas de Ourense foi o sinal de comezo da homenaxe cumio a Florencio Delgado Gurriarán polo Día das Letras Galegas: o pleno extraordinario da Real Academia Galega. Aconteceu onte, 17 de maio, en Córgomo (bisbarra de Valdeorras, en Ourense) nun acto ateigado de xente e que tivo un engado especial: foi o primeiro de carácter oficial do novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que o presidiu solemnemente.
Tras varias pezas máis, incluída a Muiñeira de Chantada, a Banda abandonou o lugar para deixar tempo á primeira intervención, a do presidente da RAG, Víctor Freixanes. A máxima autoridade da Academia resaltou a presenza do presidente da Xunta, “algo que xa é tradicional pero que desta vez ten maior significación porque é o primeiro acto da Academia no que participa o presidente recentemente elixido no cargo”, o que foi recibido con aplausos do público.
A continuación, a académica Margarita Ledo leu o acordo da RAG para que Gurriarán fose o honrado no Días das Letras Galegas para este 2022. Tras ela, tomou o micrófono o académico Ramón Villares, quen resaltou que a biografía do homenaxeado está inzada de “adversidades” así como “dalgún golpe de sorte” ao tempo que destacou del que “é un exemplo de coherencia e compromiso” mentres recorreu a súa vida desde o seu nacemento en Córgomo e a súa formación en Castela, onde tomou conciencia cultural e política para “apreciar a fala” así como a música da súa comarca.
Villares escolleu tres lances biográficos para expandirse: a formación de Florencio como galeguista na terra de Valdeorras, a súa fuxida e retorno á fronte republicana a Barcelona e os tempos do exilio en México.
Foi Rosario Álvarez, tamén académica e presidenta do Consello da Cultura Galega, quen tomou a palabra tras Villares. A dirección da sección de Lingua da RAG destacou a vontade de Gurriarán de aportar para a construción dun galego culto.
Na súa intervención, Álvarez fixouse no seu universo poético conectado a Valdeorras. “El é poeta de Valdeorras e ademais o creador e activista que desenvolveu unha intensa actividade a prol de Galicia dende o exilio americano”, indicou.
“É imposible achegarse á poesía de Florencio sen percibir a emoción coa que evoca” a súa terra al tempo que na súa produción poética demostrou o seu gusto polo xogo coa lingua.
Pola súa parte, Xesús Alonso Montero fixouse no periodo entre 1931 e 1934, onde Florencio viviu en Córgomo “que sempre levou no corazón”, lembrando que o seu primeiro seudónimo foi corgomófilo.
Alonso subliñou que a súa aldea natal “sempre estivo presente na vida e literatura de Florencio que quizais nunca se imaxinou que tras anos da súa morte Córgomo se convertería na capital literaria de Galicia nun día tan significativo como é o 17 de maio”.
Entre os asistentes ao figuraban o presidente do Parlamento de Galicia, o conselleiro de Cultura, a valedora do pobo, o secretario xeral de Cultura, o secretario xeral de Política Lingüística, o vicepresidente da Deputación de Ourense: representantes do PP, BNG e PSDEG; o reitor da USC e diversos alcaldes da provincia de Ourense, entre outros.
Como remate, Freixanes aproveitou para tender a man a Rueda en materia lingüística. “Non son novos os desafíos que se nos presentan”, indicoulle para convidalo a aceptar que “a lingua é un territorio de unión, modernidade [verba que subliñou], afectos e marca de identidade por riba de siglas” co gallo de “avanzar no seu desenvolvemento”.
Tras estas palabras, a Real Banda de Gaitas de Ourense interpretou “Ourense no solpor” así como o Himno galego co que se deu por fechado o acto. Sen embargo, a festa proseguiu en Córgomo cunha Florenciada, é dicir, cunha celebración popular con música tradicional, petiscos e bebida, o mellor xeito de honrar a un persoeiro que sempre tivo presente a Galicia, a súa gastronomía, vides, música, lingua e paisaxe no corazón.