“Nosa Galicia é máis que toda a Terra. / Galicia só limita coa Saudade...”. Os versos de ‘Galicia Infinda’, poemario de Florencio Delgado Gurriarán, o homenaxeado este 2022 no Día das Letras Galegas, estiveron presentes no acto celebrado onte no Corte Inglés para conmemorar esta data. Nunha xornada tan especial escritores e asistentes ao acto quixeron ter unhas palabras de ánimo e forza para Domingo Villar, autor galego moi querido e respectado, que se atopa nunha situación de saúde moi complicada tras sufrir un infarto cerebral.

“As Letras Galegas están dedicadas a Delgado Gurriarán, academicamente é a figura deste día, pero os sentimentos están por encima de todo e todos estamos con Domingo Villar; os actos que se celebren estes días en Galicia van ter a Villar moi presente”, expresou Pati Blanco, director de Comunicación e Relacións Institucionais do Corte Inglés. Todos os autores participantes desexaron unha “pronta recuperación para o escritor” . “O noso pensamento e sentimento están con el. Esta tarde vai por ti, Domingo!”, afirmou Blanco, que avanzou algúns poemas do que será a súa próxima obra (o seu primeiro poemario en galego): “O luxo da soidade” ou “A consistencia do verso”. Expresou Blanco que “Micro Aberto” pretende ser “un espazo de promoción das nosas letras e da cultura galega coincidindo coa conmemoración desta festividade”. “Queremos contar con escritores referentes, coma hoxe, e que o público se anime a ler un texto en galego”, apuntou Blanco.

Iniciou o recital “Micro aberto”, celebrado onte no Corte Inglés de Vigo para dar voz á lingua galega e pensado para escritores e lectores, o escritor Marcos Calveiro, coa lectura do inicio da súa última obra: “Curros&Holmes no misterio do Kapital” (Editorial Galaxia), unha novela victoriana, saga que comeza agora e coa que agarda continuar con máis números. Trátase do encontro de Curros Enríquez, con 20 anos, en Londres con Sherlock Holmes e dedícanse a investigar misterios e crimes. “Curros sabe que esta é a derradeira vez que baixa na procura do seu amor... Manuela, a súa namorada, agarda devecida por el na eira da casa dos pais, como todos os domingos, sen sospeitar, inocente, que este será o seu derradeiro encontro despois de meses de galanteos e arrolos”, así empeza o libro.

Continuou co recital Xulia María, autora de “A árbore dos vagalumes” (Belagua), un libro de literatura infantil e xuvenil que fala do amor e a tenrura na relación dun neno Santi co seu avó, antes de que enfermase de Alzheimer, e da importancia de descubrir a historia do entorno na Ría de Vigo e da súa propia historia persoal.

Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, tiña pensado ler un extracto do seu último libro, titulado: “Isto si é un home”, un ensaio onde o autor ironiza sobre os mitos irracionais do patriarcado para demostrar, dende unha respectuosa seriedade, como o machismo é mundialmente destrutivo, eticamente peor e cunha decidida e indesexable tendencia á infelicidade. Non obstante Castro cambiou o seu plan inicial para render homenaxe a Domingo Villar, lendo varios contos do seu último libro: “Algúns contos completos” (Galaxia), de Domingo Villar. “É un momento moi duro para todos nós: Domingo Villar é un nome fundamental da literatura galega”, aseverou.

Pola súa parte, Inma López Silva, optou por poemas do seu último libro, de poesía, “Clepsidras” (Chan da Pólvora), un libro co que vén de gañar o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro e que hoxe presentará, precisamente, neste municipio. “Vigo”, un dos poemas deste libro, foi seleccionado pola autora para este recital en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, a figura destas Letras Galegas (2022).

Elba Pedrosa, autora de “O que non sabías” (Xerais), continuou coas lecturas do recital cunha carta moi especial incluida na súa última obra. É a carta de Marisa, a protagonista da novela “O que non sabías”. Engadiu a autora pasaxes do seu fillo Roberto na praia de Nigrán, tan vencellada coa emigración e os retornados.

“No xardín do poeta” (Xerais) foi o libro escollido por Antonio García Teijeiro, unha obra que acolle un diálogo co seu admirado Federico García Lorca. Reivindica Teijeiro que a poesía, como no seu día apostou o homenaxeado deste ano, Delgado Gurriarán, “ten que estar aí”. “Que negros son os cabalos!/ E as praderías, que secas!/ Os nenos xogan na tarde/ arredor da fonte negra. / E ao lonxe escoitan galopes/ resoando sobre a terra./ Golpes de cen cabalos / con longas crinas de cera”, recitou García Teijeiro, que foi Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa súa obra “Poemar o mar” (Xerais).

Miguel Anxo Alonso Diz, autor de varias obras para o público infantil e xuvenil, optou por pasaxes dos libros “Música no Faiado” (Xerais) e “Instrucións para ler este libro” (Xerais). “-E aquela guitarra -acenou o avó cara o vello instrumento sen cordas- é a que trouxo o meu pai dos Estados Unidos. Contaba que con ela tocaran os mellores músicos daquela época, ademais del mesmo. -Tamén Robert Johnson? Dúas faíscas iluminaban os ollos do rapaz.”, un dos extractos escollidos polo autor, neste caso da primeira obra. E da segunda: “Cada vez é máis complicado atopar almas nas aldeas. Como ben sabedes, a xente emigrou, primeiro ao estranxeiro e agora ás cidades...”.

A poesía de Delgado: “Fresca, irónica e reivindicativa”

Destaca Antonio García Teijeiro a súa descuberta da obra de Delgado Gurriarán a través do libro “Galicia Infinda”. “É un magnífico poemario. Moi interesante a súa actitude a prol do galeguismo en xeral. Esas persoas teñen que ser recoñecidas en todos os ámbitos, todo o que fixo por Galicia dende fóra. A min a súa poesía paréceme fresca, irónica moitas veces, crítica e reivindicativa de Galicia”, expresa o escritor. Para García Teijeiro, o Día das Letras Galegas debe servir, entre outras cousas, para “dar a coñecer autores que para moita xente son descoñecidos ou pouco coñecidos” por determinadas circunstancias vitais. “Malia a vivir en México, tivo sempre presente esa reivindicación de Galicia. E Florencio Delgado Gurriarán logrou iso. Por iso é tan importante valorar as persoas que dende circunstancias complicadas teñen unha obra e unha traxectoria. É unha das principais funcións do Día das Letras Galegas”, engade García Teijeiro. “Florencio foi un grandísimo poeta. Polas circunstancias da Guerra Civil, o exilio, cambiou a temática da súa obra. Na primeira parte centrábase na filosofía da paisaxe, do viño e do erotismo. Percíbese a celebración da vida neses primeiros poemas. Realmente iso non o vai perder nunca. Pero co exilio a súa escrita deriva máis cara a causa republicana, galeguista. Esta sería a segunda parte da súa obra, máis centrada nesta reivindicación”, describe Franciso Castro, director xeral da Editorial Galaxia, sobre a figura de Florencio Delgado Gurriarán.