Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

‘Influencers’ en galego promoven a lingua dentro e fóra da fronteira

A salvación do idioma pasa polas redes sociais? En definitiva, si | “Estamos contribuíndo un pouco a que a rapazada cambie a perspectiva sobre a nosa lingua”, defende Esther Estévez

‘Influencers’ en galego promoven a lingua dentro e fóra da fronteira

Elaborar contido en galego nas redes sociais non só vale para gañar adeptos para a lingua no propio país; tamén fóra. “No Culturgal, unha rapaza americana que vivía en Portugal comentounos que utilizaba o noso podcast Café Derby 21 para aprender galego. Pareceume superguai”, comenta o xornalista Adrián Lede.

Este comunicador subliña que “o galego non ten por que pechar portas. Lembremos o filme’O que arde’”. O galego diferénciache. Pode ser que a xente moza se anime máis e máis a empregar o galego.”.

Esther Estévez, do Dígocho Eu , reflexiona: “Eu remítome ao exemploTanxugueiras. Antes deste bum xa usaban ao 100% o galego nas súas redes pero despois disto anuncian que van a un festival onde a xente non fala galego e anúnciano en galego igualmente. É un exemplo de que se entende perfectamente e de que quen che quere comprender vaite entender”.

Sobre o facer do Dícocho Eu e Apuntamento Lusófono (dous microprogramas na CRTVG e nas súas redes), Estévez explica que “estamos contribuíndo un pouquiño a que a xente, en especial a rapazada, cambie a perspectiva sobre o galego”.

  • Esther Estévez

    Dígocho eu, apuntamento lusófono da CRTVG A raíña ‘influencer’ da TVG

E esa mocidade inclúe tamén as influencers. A tiktoker do Grove @patribdopazo é un exemplo e é unha das influencer que participa no vídeo da Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego para promocionar a manifestación na defensa da lingua de hoxe en Compostela. “Eu levo no Tik Tok desde finais do verán pasado. Sempre empregaba o castelán nas redes sociais pero ao atoparme con outros perfís vin a importancia de usar o galego ante a xente nova e xente de fóra de Galicia. Hai influencers cataláns que fan contido en catalán e consumímolo igualmente”, reflexiona.

Como resultado, agora fai vídeos tanto en galego como en castelán. “Os últimos vídeos en Cambados foron gravados en galego con subtítulos en castelán. Así a xente que non é de Galicia pero que me segue dende o principio pode familiarizarse co galego”, defende.

  • BORXA

    Unha das almas pater de Orgullo galego Un dos máis veteranos

Se hai unha persoa que no último ano se erixiu como a raíña influencer en galego, esa é a xornalista da CRTVG Esther Estévez. Co seu Dígocho Eu e Apuntamento Lusófono está a conseguir o que moitos proxectos da Secretaría Xeral de Política Lingüística non lograron: que a xente nova se interese polo galego. “Hai uns anos a xente estaba superdesconectada do galego, nin o falaba nin o escoitaba; agora ao ver que a xente consome non só o Digocho Eu, senón a variedade do contido, música e cultura galega, demostramos que se están a dar uns pasiños”, defende a comunicadora. Recoñece que non sempre tivo unha visión tan positiva aínda que recoñece a dificultade do problema: “Desde que comecei no co programa cambiei a visión sobre o uso do galego. Na rúa, fálase moito castelán e cambiar isto vai levar tempo”. Por último, dá un consello: “Se na túa casa falan galego, non tes por que cambiar noutros ámbitos da túa vida de lingua.Non a cambies polo que dirán”.

Orgullo galego é un dos proxectos en redes e en galego máis veterano. Naceu no 2016 no Facebook. “O fin era crear unha rede para reflexionar e visibilizar temas de cultura”, lembra Borxa. En 15 días, lograron 10.000 seguidores. “Aí decidimos convertilo nunha comunidade na que falar sobre lingua, música, cultura e tradición galegas co galego como columna vertebral”, detalla. “Queriamos apostar pola normalización nas redes sociais. Entendimos que o galego tiña que ter presenza aí porque as redes é un espazo de socialización moi grande e a xente nova pasa moitas horas nelas. A normalización dun idioma pasa por estar presente en todos os ámbitos da vida”, agrega. Hoxe podemos atopar Orgullo Galego tamén no Instagram, Twitter, Telegram, YouTube, Spotify e Twitch. “Entre todas, debemos achegar uns 400.000 seguidores. A que mellor funciona é o Instagram, con 111.000 fans de entre 18 e 30 anos. Queremos transmitir que o galego non ten límites”, conclúe Borxa.

  • @patribdopazo

    Coraleira ‘influencer’ coa súa avoa Unha nova adhesión

A tiktoker @patribdopazo intenta cada vez máis usar o galego nos seus vídeos. Empezou nas redes porque ademais de xornalista é artesá, vendedora ambulante e coraleira (fai colares con cunchas) na Illa da Toxa. “Comecei aos 18 anos coa miña avoa e quería amosar o que vendía. Vin que o meu primeiro vídeo sobre o meu día a día na Toxa gustou e chamou a atención e decidín seguir amosando o que vendo. No inverno, seguín mantendo a conta activa amosando cousas coa miña avoa”, explica. Na súa mente está este verán de Xacobeo 21-22, no que quere promocionar esta parte das Rías Baixas e o oficio de coraleira que aprendeu da súa avoa, Genoveva Filgueira, de 87 anos. “Ás veces, enfádase porque quere bailar máis nos vídeos. Ten máis aguante ca min”, comenta entre risos Patri. A xornalista opina que “cada vez se fala menos galego, pero coas Tanxugueiras avanzouse moito no prestixio da lingua. A xente nova ten que ver que falando galego pódese chegar a calquera lado”.

  • Adrián Lede

    Podcast Café derby 21 Un novo xeito de radio

A experiencia de tres compañeiros – Carme D. Prol, Nicolás Carreira e Adrián Lede– comentando a actualidade na cociña do seu piso de estudiantes ten a súa ramificación nun dos proxectos de podcast máis escoitados en galego: Café Derby 21. “Na pandemia díxenlles que molaría moito levar o que faciamos na cociña a un podcast: traer a un convidado falar connosco”, explica Adrián Lede. O seu bo facer levounos este ano ao Carballo Interplay. “Foi o máis guai que fixemos ata agora, veu moita xente de institutos que o pasou moi ben”, engade. Lede opina que “é necesario visibilizar xente moza facendo este tipo de contidos e visibilizando as cousas da terra. Podiamos facer un podcast en castelán coas Tanxugueiras pero nós facemos o programa en galego para que a xente se anime a falalo.

  • Paula Jorge Tik Toker @paublackmakeuplover

    Unha tiktokeira pioneira

No vídeo na defensa da lingua da Mesa e Queremos Galego, Paula Jorge (@paublackmakeuplover) recoñece sufrir odio nas redes por escribir en galego. “Ocorre máis do que imaxinamos”, sinala. Aínda así non recúa. Avanza máis forte. Esta moza de Burela que prepara oposicións a mestra de Primaria, comezou no TikTok con contidos sobre maquillaxe para peles negras. “Todos os vídeos estaban en inglés, non o atopaba nin en castelán”, lembra. Tendo en conta isto e que na época da confinamento COVID tampouco vía moita xente falando galego no TikTok, animouse a dar o paso. “Para ela, é unha ferramenta moi poderosa. Hai moitas persoas que na súa casa falaban galego aínda que elas non e que co TikTok poden ter un impulso para empezar a falalo. Aínda hai xente que non o fala polo que dirán”, opina.

  • @Letidataberna tiktokeira galega

    De TikTok ao Luar

Utilizo o galego para todo e nin me plantexei estar nas redes en castelán”. É a mensaxe de @letidataberna, unha tiktokeira galega. “É certo que me teñen comentado moito que en castelán chegaría a máis xente. Pero o tipo de contido que fago de comentar a actualidade con crítica social e a retranca da nosa terra, creo que fóra do galego non tería sentido”, defende. No seu caso, abrir a súa canle no TikTok encomezou como unha terapia no confinamento. “Non o fixen con ningunha pretensión pero ao ver que gustaba á xente, seguín. Sempre me gustou o mundo de contacontos, monólogos”, sinala unha persoa que ata foi convidada a facer un mónologo no Luar. “É importante –di– que os novos vexan que falando galego podes chegar a estar nos medios, crear contido da temática que sexa”.

Compartir el artículo

stats