Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O salto de obstáculos do galego

Sergas, a Axencia Tributaria e Xustiza: o triunvirato das queixas pola falta de normalización lingüística na administración

Asistentes á manifestación na defensa do galego nunha edición anterior. / XOÁN ÁLVAREZ

A perda de falantes do galego ano tras ano é o fracaso dunha sociedade que dá as costas ao seu legado cultural e lingüístico. Coa ollada posta no 17 de maio, Día das Letras Galegas –coa celebración da manifestación en Compostela a partir das 12.00 horas a iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística e Queremos Galego– falamos con Elsa Quintas, asesora xurídica da Mesa pola Normalización Lingüística para dar un repaso dalgunhas áreas nas que deberiamos reclamar o cumprimento dos dereitos para salvar o idioma especialmente coas administracións.

Sanidade

“O Sergas é a administración destinataria de moitas queixas. Lembro o caso grave dunha nai que tivo que facer de tradutora do seu fillo ante unha médica que se negaba a atender en galego ao seu fillo nun estado grave. A situación non estaba como para poñerse a reclamar”, lembra Elsa Quintas quen engade outro caso. “Hai unha semana, o Sergas, reiterou a súa reticencia a facilitar os consentimentos informados en galego. Coñecimos o caso dun doente que no Hospital Álvaro Cunqueiro se lle denegaba o consentimento informado en galego. Non é un caso illado”, subliña. Quintas explica que ao non estar en galego nas consultas, hai que solicitalo o que provoca un retraso ao mellor de meses, “o que pon en xogo a saúde”.

Axencia Tributaria

Un funcionario do Concello de Redondela interpuxo unha denuncia contra a Axencia Tributaria por negarse esta a facilitarlle a documentación e comunicacións sobre os seus expedientes en galego. “Tivemos que acudir aos tribunais. É incrible pero unha vez máis tivemos que empregar esforzo e tempo para exercer un dereito recoñecido na lexislación”, lamenta a avogada e asesora da Mesa.

Policía Nacional

Elsa Quintas lembra como ela mesma hai un ano viviu na Policía Nacional “unha negativa inicial a recoller a denuncia en galego. Propoñíanme marchar para a casa, redactar alí a denuncia en galego e regresar á comisaría, o que suporía engadir dúas horas más de espera ás que xa tivera que agardar para que me atenderan. Tiven que facer un esforzo para convencelos, é esgotador, sentinme como unha cidadá de segunda. As denuncias poden formularse ante o axente ou escribila fóra e ratificala ante eles. Poñíanme de escusa que o programa o teñen por defecto en castelán e que era raro que o encabezado estivera en castelán e a miña denuncia en galego”. Quintas recalca que “temos dereito a facer as nosas manifestacións en galego. Levoume máis tempo convencelos que pór a denuncia”

Xulgados

Empregar o galego coa administración de xustiza tórnase complexo en moitísimas ocasións. “Moitas veces –detalla Quintas– cando imos facer un apoderamento en favor dun procurador e dicimos que o cidadán quere facelo en galego, o funcionariado pon caras. Sacas aos funcionarios da rutina porque pensan que o que lle pides non está no programa, o que supón horas de tradución. É un dereito que debería garantir a Administración de Xustiza”. Outra eiva está nos xuíces. “Non hai garantía de que o xuíz teña formación en galego xa que non está obrigado a isto. E se non sabe galego, debería pedir un intérprete, pero non podemos asegurarnos antes de que ten competencia en galego. Teño atopado xuíces que puntualmente me pediron falar en castelán. Non é legal que che obriguen a falar en castelán nun xuízo”.

Notarías

Inda que non soen poñer peros para redactar documentos en galego, si avisan en moitos casos de que lles levará máis tempo, “o que é unha penalización grande” porque ás veces urxe ter os documentos, indica Quintas.

“Dicir que o castelán está en perigo de extinción é insultar a xente”

Xurxo Martínez - Normalización Lingüística de Redondela

decoration

Chámase Xurxo Martínez e é director do servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. Grazas a el e á Mesa pola Normalización Lingüística o galego logrou unha “histórica” sentenza pola que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga á Axencia Tributaria a que notifique en galego a requeremento do usuario ao tempo que ordena suspender os prazos das comunicacións efectuadas en lingua diferente á escollida mentres o ente tributario non notifique a este funcionario en galego.

–Que sente tras este proceso de catro anos?   

–A nivel de sensacións, sinto un certo cansazo. Hai unha lei e hai que cumprila. Fanche sentir como que estás reivindicando algo que está fóra de lugar. Quería que quedase por escrito nunha sentencia se tipa ou non tiña dereito. Finalmente déronnos a razón e senta xurisprudencia.

–Como interpreta que a día de hoxe a maioría das anomalías acontecen na administración pública?   

–É unha evidencia de que non hai unha normalización lingüística do galego. Outras asociacións falan de que o castelán está perseguido; esta é unha evidencia de que non é así. Se alguén nunha páxina dun estado entra na versión en inglés non creo que haxa un erro ortográfico. Na versión en galego, moitas veces presentan unha tradución automática de Google; non saben de gramática e cometen continuamente erros gramaticais ademais de traducións erradas. O que se escoita moitas veces é que non nos debemos queixar que alomenos o intentaron. Pero non é así porque o desprezo que se demostra por unha lingua ao dicir que lle vale calquera cousa acaba xerando a idea aos propios falantes e a quen non o son que é unha lingua de segunda.

“Se un ten que explicar por que fala galego é porque non está normalizado”,

decoration

–Por que ocorre isto?   

–Ten que ver co valor da cultura das linguas. As linguas son unha expresión cultural. Non se poden desprezar. Hoxe en día entras na web da Autoridade Portuaria de Vigo, non hai opción para a lingua galega; na sede do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, non hai lingua galega; na da Zona Franca de Vigo, tampouco. E despois din que o galego está perseguido... Non teño nada contra o castelán; é unha lingua que nos abre moitas portas; pero iso non implica que o galego teña que estar sometido. Iso é o que di a sentencia do TSXG, non vale o argumento do deber de ter que coñecer o castelán para socavar o dereito lingüístico do galego. Iso é o importante da sentencia.

–Nas áreas urbanas, falar en galego é ás veces un exercicio de resistencia que derrea por veces.     

–Na cidade, falar en galego xenera un prexuízo moi instalado que se reduce a: ou es nacionalista ou es de aldea. É outra evidencia de que non hai normalización. Se un ten que explicar por que fala galego é porque non está normalizado. Se alguén che fala castelán, pregúntaslle se vota a Vox? Non, non llo preguntas. Eu vivo en Vigo e eses atrancos no día a día nótanse; hai que superalos. Hai moitas anomalías que xustifican a necesidade da normalización lingüística que parece que é unha palabra prohibida. Quen vai perseguir o castelán? É absurdo.

–Fálase tamén da escola como desgaleguizadora.   

–Meu fillo comezou no colexio falando en galego, aos dez días chegou a casa falando castelán. Non pode ser a escola un elemento desgaleguizador. É un dos grandes atrancos que nos atopamos: a perda da transmisión xeracional. Nós temos que educar os nosos fillos nunha conciencia para que cando sexan adultos volvan recuperar o galego. Isto non debería funcionar así, a sociedade ten que garantir a oferta de dúas linguas por igual. Sen embargo a realidade social e lingüística é evidente, quen a negue toma de parva a cidadanía. Temos que confiar na conciencia lingüística das seguintes xeracións para que o galego non se perda fronte á xente que di que o castelán está en perigo de extinción; iso é insultar á xente.

Compartir el artículo

stats