Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Concha Losada Única candidatura á Presidencia do Museo do Pobo Galego

“Un dos retos é que sexa o museo de toda Galicia e que a xente o sinta como propio”

“Internet é clave para democratizar os contidos e facelos chegar alí onde son precisos”

Concha Losada no Museo do Pobo Galego. XOÁN ÁLVAREZ

O próximo 28 de maio celebrarase a asemblea do padroado do Museo do Pobo Galego para votar a única candidatura presentada para optar á presidencia: a de Concha Losada Vázquez, actual vicepresidenta. Concha indica que pode falarse de “candidatura de continuidade”. Ela é clave na coordinación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do museo. Ten ganas para a nova etapa e moitas ideas.

–Pensara algunha vez en presidir o Museo do Pobo Galego?

–Non o pensara con anterioridade nunca. Pero cando empezamos a falar entre nós da renovación de Xusto, no consello de goberno, pois xa se foi perfilando como posible esa idea pouco a pouco. Antes disto eu non podía nin imaxinar que isto podía chegar a pasar.

  • Concha Losada

    (Ourense, 1960). É profesora universitaria e actual vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego. Na súa candidatura está acompañada por María Xosé Fernández, Lino Lema e Francisco J. Sanjiao.

–Pero vostede foi impulsora de moitas iniciativas do museo nos últimos anos. Seguro que moitos e moitas miraban cara vostede...   

–Levo participando no museo, si, sobre todo na coordinación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), dende o 2007. Organizar este arquivo é un inmenso traballo. E poñelo na rede. Temos todo o arquivo fisicamente a disposición de calquera que veña consultalo. E unha parte, agora, na rede, pero moi poucos documentos comparado cos que temos no arquivo. É un arquivo moi importante e parécenos ademais un traballo clave do museo, poñelo a disposición de todos... Chega un momento en que as persoas que eran portadoras desa maneira de cantar, ou de saber, ou de falar, van desaparecendo... e desaparece un tipo de vida. Os novos deben ter acceso na medida que se poida a escoitar de primeira man o que había.

Concha Losada no Museo do Pobo Galego. / XOÁN ÁLVAREZ

–Calquera persoa pode consultar esas gravacións, un dos principais avances do museo nos últimos anos...   

–Está todo perfectamente catalogado, indexado, con bases de datos a disposición dos investigadores pero para poder poñer na rede cada peza leva moito tempo, moito traballo e o equipo é moi pequeno. Imos pouco a pouco para que poida consultarse dende a casa. Neste momento hai unha parte que pode ser consultado online. Algún día poderá ser plenamente consultado na rede.

–Ata que punto internet e todo o universo virtual revoluciona o xeito de operar dun museo coma este?   

–É moi importante para todos os museos pero tamén para a vida de todas as persoas, en canto cada vez máis na nosa vida cotiá estamos conectados a través de medios que nos permiten acceder directamente a información, a datos... Agora xa, nin o dicionario se consulta se non é online!

–Supón un grande paso na democratización de contidos e en sacar o material do museo, en aproximar os contidos á poboación...   

–Claro, democratizar e facelos chegar alí onde son precisos. Se en calquera aldea de Galicia unha mestra quere preparar o Nadal e facer Cantares de Reis cos rapaces, ten Cantares de Reis como os cantaban as nosas avoas, exactos, os orixinais.

–De que volume de arquivos sonoros estamos a falar?

–Cada un dos arquivos, das doazóns das persoas ou dun grupo de persoas... cada un é un mundo diferente, tamén se contan de maneira diferente. O arquivo de Mini e Mero, membros de Fuxan os Ventos e despois da Quenlla: eles recolleron durante toda a vida profesional cantigas polas aldeas. Os propios alumnos recollían cancións nas súas familias, a avós, pais, tíos... Recolleron todo isto que eles utilizaron para a súa propia actividade artística e doaron os orixinais ao Museo do Pobo Galego para poñelos outra vez a disposición de todos e de todas.

–Difícil de contabilizar?   

–Só no arquivo de Mero hai unhas 600 cintas que poden ser unhas 16.000 cancións. Cada unha delas hai que localizalas, facer as letras, as partituras, nomes dos autores, nomes dos que as recolleron, de quen as canta... Iso significa moito traballo de arquivo para que estean aí dispoñibles. Pero claro se ti queres buscar por localización, que é moi común, hai que ubicar cada unha das cantigas, senón non saen cando se fai unha pesquisa. Por exemplo, de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, desa colección, debe haber unhas 12.000 ou 15.000. E unhas 7.000 de Mato: Xesús Mato, xornalista en Radio Popular e cura,foi nos anos sesenta seguramente un dos mestres e introdutor de Mini e Mero.

–Que mérito!

–Primeiro foron salvadas, recollidas en analóxico e están dixitalizadas, polo tanto, están preservadas. E despois editadas, cortadas, informadas... cos seus datos asociados que se van poñendo progresivamente a disposición pero non é só música: hai entrevistas, gravacións de entroidos, romerías, de teatro popular... dun montón de cousas e ningunha delas previamente editada.

Concha Losada no Museo do Pobo Galego. Xoán Álvarez

–Que tres cousas lle gustaría conseguir na xestión do museo agora que se abre unha nova etapa para vostede e para o museo coa súa futura presidencia? 

–Unha delas: ampliar o equipo humano. Temos os mellores técnicos e traballadores que se poidan soñar pero realmente levan xa moitos anos facendo traballos que están por encima do que se poida esixir. Fan moito máis do que deben. A nós parécenos que a modernidade esixe esa profesionalización que fai necesario un equipo humano moito máis amplo en todos os postos. Temos agora unha área nova do museo pendente de inauguración. Necesitaremos ter presuposto para poder ter outra persoa na porta, para que atenda ao público. É necesario consolidar un equipo humano máis acorde coas necesidades que o museo ten na actualidade.

–Ademais de ampliar persoal, outros retos? 

–Ratificar a idea de que o Museo do Pobo Galego é de toda Galicia. Que en todos os concellos, en todos os sitios se sinta como propio. E consolidar esas relacións cos concellos. E coa xente, porque temos pezas que lles atinxen, historias que lles atinxen, intereses que lles atixen... E que se vexan reflictidos, que sexa o museo da xente de Galicia. Nos mundos que corren ademais, dar a coñecer que o traballo voluntario é posible e é oportuno. Ter socios e socias en todos os sitios é necesario para sermos cada vez máis representativos da sociedade galega. Precisamos socios para que todo o pobo galego estea representado aí.

“Beramendi foi presidente voluntario case cincuenta anos”

decoration

–Ademais de música, hai outro tipo de arquivos...  

–Si, claro, temos tamén no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) a colección de González Reboredo, de todas as festas de moros e cristiáns de Galicia, que moita xente nen sequera sabe que as hai... Moita xente imaxina que estas representacións de teatro popular son propias do Levante español e con textos marabillosos, cantares, que foron pasando de xeración en xeración... o que fai de mouro, o que fai de cristián.. composicións moi bonitas e interesantes e que serven para coñecer o país.

–Traballou moito tempo con Beramendi, que pode dicir del?   

–Mira, é unha relación moi próxima, levamos moitos anos xuntos. Eu fun vogal da xunta reitora que el presidía, desde hai un montón de anos... Despois vicepresidenta. En realidade é unha relación moi cercana. Hai moi poucas institucións que vexan retirarse ao seu presidente con case 50 anos de traballo voluntario, con dedicación voluntaria institucional. É membro fundador do museo.

“É un orgullo poder ser a primeira muller presidenta”

decoration

–Cóllea nun momento con ilusión e ganas?   

–Teño 61 anos, sigo dando clase na Universidade de Santiago, máis de 30 anos de servizo. Supoño que podería prexubilarme pero tamén é certo que parte do traballo de profesora universitaria é o contacto coa xente nova. E ese coñecemento en vivo e en directo de como son os rapaces e rapazas que chegan cada ano é moi valioso, un sitio privilexiado para mirar para os seus intereses.

–Será a primeira muller presidenta dunha institución fundamental para Galicia...  

–É un orgullo e creo que foi pensado colectivamente. Somos as primeiras mulleres na directiva do padroado e seguramente iso será un factor enriquecedor. Son outros ollos, outras mans... Refírome a María Xosé Fernández Cerviño, viguesa, por certo, coa que traballo. Agora será a vicepresidenta. Ela é a única muller que saía no retrato fundacional do museo.

–Nos anos setenta?   

–Falamos do ano 1977. Ela era unha nena pero quero dicir que era a única muller que saía na foto nese momento, no medio de 50 homes. Leva toda a vida traballando no museo como actividade voluntaria, non profesional.

Compartir el artículo

stats