Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O concerto das Letras racha co seu teito de cristal

A galega Carmen Rodríguez, primeira compositora convidada a crear a peza de honra do Concerto das Letras Galegas

Carmen Rodríguez, compositora galega. | // FOTO CEDIDA POR C.R.

O Día das Letras Galegas non só está a servir para rescatar a figura senlleira dunha persoa relacionada coa cultura e literatura galegas, tamén para poñer en valor as carreiras de mulleres. Nesta edición o concerto que organiza o Consello da Cultura Galega na honra do homenaxeado, Florencio Gurriarán, recollerá un fito: será o primeiro das súas doce edicións no que a peza de honra é acometida por unha muller compositora e non por un home.

A elixida foi a lucense Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). “Gustaría de non ser a primeira muller que o fai, preferiría que houbera outras antes de min pero estamos acostumadas a que a balanza estea decantada polo lado masculino no eido da composición”, reflexiona.

En canto a cando acendeu o misto da composición na súa alma, lamentou que nos primeiros anos de estudo de música nin se lle pasaba pola cabeza. Foi o visionado do filme “A esmorga” (IgnacioVilar) e ver nos títulos de crédito que a BSO era asinada pola galega Zeltia Montes, cando espertou nela a pregunta de por que non dedicarse á compoñer.

“O escenario non me gusta e cando me dei conta pregunteime que facer. Non tiña claro que carreira estudar. O tema das referencias femininas é de vital importancia. Non sabía que podía dedicarme á composición. Tiven un momento moi especial cando vin ‘A esmorga’. Encantoume a música e ao ver o nome dunha muller nos créditos decateime de que tiña unha opción”, lembra.

Rodríguez non agocha a dificultade da súa carreira: “Existe unha tendencia de non tomar en serio ás compositoras, pénsase que están aí por seren mulleres e non por ter talento”.

Esta orquestradora, compositora, arranxista e multiinstrumentista que ten traballado para RTVE e para as bandas sonoras de curtametraxes como “A rabia” (Alberto Díaz) ou “Una historia azul”, de Mónica Lilac, trazou para o Concerto das Letras unha proposta especial para a xornada do 16 de maio, a partir das oito da tarde no Teatro Lauro Olo de O Barco de Valdeorras (Ourense), inda que tamén se poderá seguir en directo pola canle de internet do Consello e na xornada posterior en diferido pola TVG.

Alí, antes da peza creada por Rodríguez, o programa comezará con “Zarabanda” de Adolfo Salazar; “Seis pezas para canto e piano”, de Jesús Bal y Gay; e “Muiñeira das vellas”, de Halffter”, entre outras.

Tras oito composicións, o conxunto de cámara Zoar –con instrumentos de vento– interpretará “Diásporas”, a obra orixinal encargada polo Consello da Cultura a Carme Rodríguez para esta efeméride e que contará coa voz da soprano Clara Jelihovschi Panas.

Tras un período de estudo da obra e vida de Gurriarán, a compositora optou por elixir varios textos da súa obra “Galicia infinda”, publicada no ano 1963.

Como proxectos inmediatos, varios traballos para cinema e un concerto en Pontevedra para marimba que estreará o domingo 22.

Galicia enteira lembra con ducias de actos a Gurriarán

Galicia prepárase para celebrar as xornadas grandes polo Día das Letras Galegas. A Real Academia Galega celebrará a súa sesión plenaria o 17 a partir das 12.30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo. Quen non poida asistir presencialmente, poderao facer a través das canles de YouTube da RAG así como dende academia.gal. No caso do Consello da Cultura Galega, ademais do concerto tamén publicará o facsímile de “Cancioneiro da loita galega”, con estudo crítico de Alonso Montero e Ricardo Gurriarán. En Madrid, tamén se celebrarán as Letras. Onte, o Museo Reina Sofía acollía a presentación do libro en castelán de Rompente “¿Qué hostia dicen los rumorosos?”, de Editorial Elvira, con seminario de expertos e recital incluído. Na xornada do 17, a Casa de Galicia acolle a presentación de “Contos da beiramar” de Domonte e Romero editado por Elvira. O día 18 de maio, haberá performance-recital no Círculo de Bellas Artes de Madrid; e o 20 presentación na libraría Molar das reedicións de dúas obras pioneiras na banda deseñada galega de Xaquín Marín, Reimundo Patiño e Antón Patiño. Pola súa parte, en El Corte Inglés de Vigo o luns, a partir das 18.00 horas, celébrase o recital “Micro aberto” con Marcos Calveiro, Xulia María Barros, Francisco Castro, Inma López Silva, Elba Pedreosa, Antonio García Teijeiro e Miguel Anxo Alonso. No caso de Gadis, tamén o luns agasallará entre a súa clientela 80.000 adhesivos vinílicos con versos de varios autores galegos, os mesmos que levan aparecendo en pintadas nos pasos de peóns de Galicia baixo a iniciativa @versosnarua. Tamén regalará marcapáxinas, bolsas de papel coa imaxe de Florencio Delgado Gurriarán. Pola súa parte, a Deputación de Pontevedra ofrecerá o día 24, a partir das sete da tarde na súa sede de Vigo “Coa ledicia de voltar”, de Serafín Marcos, onde o autor percorrerá a vida de Gurriarán a través da súa poesía nun periplo dende Valdeorras ata México. O formulario para poder acudir atópase na web www.depo.gal.

Compartir el artículo

stats