Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vida oculta dos monicreques

Tanxarina, que cumpre 40 anos, e outras compañías desvelan o traballo alén do telón | Ultiman os retoques dos bonecos que saltan ao escenario do Festival de Títeres de Redondela estes días

8

Tanxarina (por riba destas liñas), traballando nos seus títeres.

Entrar no obradoiro de títeres de Tanxarina, unha das compañías de monicreques máis lonxeva de Galicia e do Estado Español, é como subirse ao tornado de Dorothy ou caer no tobo do coello do país das marabillas: entras nun novo mundo con personaxes fantásticos onde tres cicerones –Tatán, Miguel Borines e Andrés Giráldez– ofrecen unha aventura artística.

Nunha nave cabo da antiga estación do tren de Redondela, unha repara nas ferramentas pero, sobre todo, no mimo co que Tatán e os seus compañeiros crean, sandan e miman os seus monicreques. Fáltalles tempo. Ultiman a súa actuación no Festival de Títeres de Redondela no que celebrarán o seu 40 aniversario. O vindeiro martes, ás sete da tarde, reestrean a súa obra “A cazola de Lola”. “En cada espectáculo gústanos mudar de técnica. En canto á maneira de traballar somos bastante tradicionais. A compañía comezou con Tatán que se formou no Instituto de Teatro de Barcelona onde aprendeu a facer marionetas moi tradicionais pero mantemos moitas maneiras artesás de facer”, sinala a modo de introdución Borines.

“Temos un obradoiro –prosegue– ao que vimos todos os días para facer cousiñas. Tatán está a reparar hoxe un dos nosos primeiros bonecos (unha especie de dragón verde) porque queremos facer unha exposición potente de todo, destes 40 anos. Oxalá poida quedar aquí en Redondela un espazo con todos os nosos bonecos”.

"Oxalá poida quedar aquí en Redondela un espazo con todos os nosos bonecos”

decoration

En canto ao proceso de creación, explica Tatán que primeiro pensan na historia e analizan se van facer títeres de mesa, marionetas de fío ou de luva. “Todo o proceso de construción depende desa decisión, mesmo a propia dramaturxia funciona segundo o espazo no que vas traballar”, subliña.

A mensaxe por enriba

No caso da peza que presentarán no Festival de Redondela, a inspiración atopárona no libro “La petite casserole d´Anatole”, de Isabelle Carrier. “Fala da diversidade funcional, de convivir e recoñecer que cada un de nós arrastramos un cazo como o da protagonista Lola e temos que aprender a convivir con el”, reflexiona Tatán, quen actuou o pasado ano no Centro Dramático Nacional en “Luna en Marte”.

Obra de Cascanueces

Os debuxos desta historiña son sinxelos e ese espírito pervive nos monicreques da peza teatral de Tanxarina. “Decidimos –engade Tatán– facer siluetas planas. Nos últimos tres anos, antes de iniciar un proxecto, sentamos con Pablo Giráldez, escenógrafo e un gran artista que constrúe para nós os bonecos. El mándanos un modelo e nós correximos aquí certos aspectos da manipulación para adaptalo ás nosas mans”.

Inda que son siluetas planas, é dicir, a marioneta cobra vida dun lado e doutro pero nunca de fronte, a elaboración é moi coidadosa, con roupiña incluída elaborada ex profeso para elas.

Pero os monicreques non son a única elección, tamén importa o plano ao que se sitúan os actores. Neste caso, é un espectáculo de mesa no que tanto se ve aos bonecos como aos intérpretes no escenario.

Ao longo da peza, irán aparecendo unha ducia de personaxes. “A protagonista é Lola que ten un avó, en cadeira de rodas e co que xoga moito; ademais duns veciños e unha amiga que lle ensinará que ten que asumir que debe vivir con ese cazo ao que está unida”, comenta Miguel Borinez.

No teatro de títeres, a diferenza do teatro con humanos, xorde un obstáculo a maiores: hai que construír os actores. “Fas prototipos e ao mellor ata o quinto non chegas ao personaxe final. Non é un proceso lineal, vas corrixindo, parando, pensando, traballando nos pés, nos brazos, abrindo ou diminuíndo as bocas, alterando outros elementos”, explica Borines, que se integrou o pasado ano ao elenco de “O charco de Ulises”, do Centro Dramático Galego mentres Andrés Giráldez participaba na serie da TVG “A lei de Santos”.

Miercromina ultimando un boneco e outro máis abaixo

Un reparto espontáneo

A medida que os bonecos van chegando ás súas mans, van decidindo quen representará cada un. Seleccionan de xeito espontáneo por “feeling” cun personaxe ou pola coreografía interna mecánica. “Son moitos anos, 40, e ao final o reparto faise de maneira natural. Hai que ver quen se amaña máis en cada boneca, en cada técnica. Hai que ver quen lle pode dar un movemento fluído, bonito”, detalla Borines.

Pero non todas as compañías operan como Tanxarina. No Festival de Títeres de Redondela tamén se poderá ver a nova obra de Mircromina, “Vacacións no mar”, o sábado, a partir das 18.30 horas no Palco da Música.

Antonio Rodríguez, o titiriteiro solista da compañía Mircromina, adianta que é unha obra de luva clásica e con cachiporra en busca ensalzar a amizade e a valentía. Nesta historia, un veleiro tripulado por Moncho chega a unha vila. Moncho e Marina namoran pero un pirata cruzarase nese namoramento.

Para Rodríguez, “interpretar é o máis difícil”, por riba da elaboración dos bonecos que comezan con bosquexos en papel que van medrando a medida que lles incorpora trazos.

Para estes títeres, emprega dous métodos. Un consiste en modelalos a partir de moldes de escaiola mentres que o outro aposta por traballar a partir dunha bola de poliespán sobre o que se superpoñen papeis para darlle forma.

Compartir el artículo

stats