“Vin a luz nunha aldea cun nome chulísimo: Córgomo. Pertence a Valdeorras, que é unha comarca de Ourense moi famosa polos seus viños. De feito, o viño e a natureza están moi presentes en toda a miña obra. Nese lugar hai un río precioso chamado Sil e unhas vides baixo as que fun moi feliz”. Quen así se presenta é o propio Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o protagonista do Día das Letras Galegas 2022, na biografía que Ledicia Costas escribiu para a páxina web Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega (RAG) dirixido ao público escolar de infantil e primaria. A gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil dálle voz ao propio homenaxeado, convertido nun neno máis para que sexa el mesmo quen lles conte a súa vida aos cativos do século XXI. E para iso sérvese dun trebello máxico, uns prismáticos que lle permiten viaxar no tempo e deterse en cada etapa dun periplo que arrincou nas terras valdeorresas e rematou no exilio mexicano.

“Para min escribir esta Primavera das Letras foi tamén un xeito de descubrir a vida e a obra de Florencio”, di a escritora viguesa, que consegue transmitir o abraio da súa propia descuberta os nenos nun texto igualmente atractivo para o público adulto. A elección dun Delgado Gurriarán neno como narrador foi unha decisión chave para facer a súa vida interesante para a rapazada. “A súa vida foi case unha especie de aventura e pareceume unha boa idea que fose o propio Florencio quen a contase desde a visión infantil. O poeta neno é así quen relata a súa propia vida como unha aventura botando man deses prismáticos que lle permiten viaxar no tempo”, explica