“Dáme medo que non lle deamos a importancia suficiente que ten” o auxe da extrema dereita e a posibilidade de que chegue a gobernar tralos vindeiros comicios estatais. Esta opinión foi verquida onte por Alicia Garrido na presentación do seu libro “Memoria dun fusilado. José Darriba Puente. O fillo da Licha”.

A profesora e escritora foi presentada polo editor Moisés Barcia (Rinoceronte e Morgante Edicións) e polo avogado e investigador José Äntonio Cardelle.

Na súa intervención, Garrido sinalou onte no Club FARO que ten “medo real” sobre o que está a acontecer agora mesmo na política e sociedades do Estado español. “Ás veces, reflexionou, se fas un paralelismo co que ocorría antes do golpe de estado [de Franco] hai cousas que son moi semellantes: a pouca importancia que lle dan naquel momento a Fronte Popular dicindo que eran escaramuzas cando a cousa era seria”.

“Damos cousas, dereitos, por sentados que podemos volver perder outra vez: a liberdade de culto, unha ensinanza como a que tíñamos, as xornadas de traballo... Son cousas que os devanceiros foron conseguindo pouco a pouco e que estamos perdendo e de xeito alarmante. A dereita de agora é moi parecida á aquela Falange do momento”, engadiu ante o auditorio do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO).

Como exemplo das cousas que aconteceron pouco antes do levantamento militar do 1936, sinalou que no Concello de San Clodio de Ribas de Sil, o alcalde, Marcelino Fernández Prada, denunciou “no Xulgado de Quiroga (Lugo) berros de “¡Muera Azaña!”. Ademais, lembrou que houbera “un asasinato previo dun zapateiro que aparece morto na súa cama cando hai sete durmindo ao lado. El era simplemente sindicalista, Benigno Torres. O seu enterro foi algo multitudinario”.

Tamén considerou que hai que “tirarlle das orellas a quen non cumpre a lei da memoria histórica”. Ao respecto, sinalou que “é incrible, en San Clodio de Ribas de Sil segue habendo unha rúa co nome de Antonio Pedrosa, que foi un falanxista. Mesmo en Vigo, segue habendo vestixios. Nas casas sindicais aparecen os xugos e as frechas. Un rapaz pequeno pode velas e pensar que é bonito. Se ninguén lle conta que iso era a Falanxe e produto dun golpe de estado, non o vai saber”.

Garrido recalcou: “Preocúpame que esa lei non se cumpra”. En canto ao que pode facer a sociedade civil para loitar contra o incumprimento da normativa, citou o exemplo do colectivo Capitán Gosende. “Fixemos un percorrido por Terra de Montes denunciando todas as fontes que teñen ese xugo e esas frechas, así como as rúas que inda teñen nomes de falanxistas. Hai que denunciar, denunciar e denunciar. Por exemplo, en internet, publicando un blog se as autoridades non escoitan. O mellor que puiden facer foi escribir e presentar este libro”, en alusión a “Memoria dun fusilado. José Darriba Puente. O fillo da Licha” (Morgante Edicións).

Ao remate da conferencia no Club FARO sinalou que “o peor que ocorreu foi o silanciamento, o medo que conseguiron inculcar nas familias. Parecía que te tiñas que avergoñar de que teu pai, teu tío ou familiar estivera defendendo o legalmente establecido. Defendían cada un dos votos que se emitiron naquelas eleccións”.

Ademais, deixou claro que “ningún dos fusilados xunto a José Darriba Puente tiña delitos de sangue. Ningún. Os catro delitos polos que acusaron a Darriba foi rebelión militar con agravante de perversidade, portar armas, poñer sacos de area na ponte do pobo sobre o río, fornecer de munición aos que estaban disparando e o agravante, cortar os fíos do teléfono. Foron os catro delitos que o levaron ao paredón”.

Respecto do protagonista do seu libro –irmán da súa avoa– explicou que era un mozo aguerrido de 19 anos, fillo dun militar e dunha ama de casa, de coidada formación que cando estoupou o golpe de estado púxose do lado da defensa da II República. A súa acción consistiu en defender a ponte de acceso ao pobo sobre o río.

O asasinato de José Darriba Puente: un caso que non debe ser esquecido

A memoria histórica deféndese cos actos e tamén dende os libros. É a premisa de Alicia Garrido quen onte ofreceu unha emotiva conferencia no Club FARO para presentar o seu libro, “Memoria dun fusilado, José Dariba Puente”. A emotividade viña dada por falar dun familiar que non chegou a coñecer porque en maio de 1937 a súa vida acabaría contra un paredón. Pero tamén xurdiu o sentimento por rescatar unha vida e todos uns acontecementos históricos que en poucos anos cumprirán o seu primeiro centenario sen que a sociedade galega e española dean mostras de unidade. Máis ben a fractura ideolóxica e bipolar prosegue intacta. José Darriba Puente é o caso dun mozo de 20 anos que á penas tivo tempo de vivir pero que tiña a convicción de que debía defender a legalidade. O que lle aconteceu é extrapolable a milleiros de galegos e españois que, sen delito de sangue, viron como o golpe de Franco lles segaba a vida. No seu caso, chama a atención a confrontación mesmo no seo da familia: unha nai que malia ser iletrada loitou por salvarlle a vida fronte a un pai, militar que se uniu aos sublevados e que, cegado pola ideoloxía, non se apiadou nin do seu mesmo fillo.