Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A declaración de BIC do baile tradicional galego acumula catro anos de parálise

Asociacións culturais e agrupacións do tradi como O Fiadeiro, Traspés ou Xacarandaina urxen á Xunta reactivalo | Tamén solicitan que haxa especialidade nos conservatorios

BERNABE/CRIS M.V.

Hai agora xusto catro anos –o 26 de abril de 2018– a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta incoaba o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC) o baile tradicional galego. A iniciativa espertou o interese da comunidade pero as diverxencias sobre o texto fixeron que en marzo de 2020 a Consellería de Cultura o deixase sen efecto co compromiso de empezar outro que satisfacera mellor a todas as partes. Sen embargo, o procedemento está estancando. Desde asociacións culturais e agrupacións tradicionais como O Fiadeiro, Traspés ou Xacarandaina urxen á Administración galega a retomalo. Advirten de que o baile tradicional galego necesita xa dunha maior protección.

“Precisa de axuda. A idea do BIC foi para que sexa preservado e, para iso, necesitamos das institucións. Calquera espera vai en detrimento do baile tradicional”, avisa Miguel Pena, presidente da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, de Vigo.

Tesoureiro tamén do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Cariños, tres entidades que impulsaron a petición da declaración de BIC– sinala que “imos volver preguntar e molestar para que non quede aparcado nun caixón”.

Pena lembra que unha vez sexa ben de interese cultural, se dean pasos para que a muiñeira sexa considerada patrimonio inmaterial da humanidade pola Unesco.

Quique Peón, director de Xacarandaina JUAN VARELA

Desde o Grupo de música e Baile Tradicional Xacarandaina, o seu director, Henrique Peón, lembra que “houbo moitísimas alegacións ao expediente de BIC pedindo que se incluíra tamén a música porque, nun inicio, Patrimonio quería facer un expediente para a música e outro para o baile galego. Finalmente, decidiron facer os dous xuntos e o traballo feito quedou anulado”.

Peón sinala que “isto xa tiña que estar feito hai anos. O BIC é unha maneira de pór en valor o noso patrimonio histórico e a nosa arte inmaterial. Ademais, se formaría unha comisión que velaría por ese ben".

Diego, asociación Traspés

Na Asociación Cultural Traspés, de Vigo, Diego Docabo considera que “a maioría dos grupos pensamos que se debería axilizar xa. Temos un folclore moi rico e variado. Hai demasiado patrimonio cultural que podemos recuperar porque as fontes aínda poden lembrar como bailaban as súas avoas. Declarar BIC ese patrimonio inmaterial suporía coidalo máis, a xente valoraríao máis e así non se chamaría aos grupos de baile para actuar mentres a xente come nunha festa gastronómica. É frustrante que non te presten atención cando actúes. O flamenco está ben considerado e co baile e música galega tradicional debería pasar o mesmo”.

Pensando no Día Internacional da Danza, o 29 deste mes, Docabo tamén cre que o baile tradicional galego debería impartirse nos conservatorios profesionais de música. “Sería unha forma de dignificalo e profesionalizalo. O único título oficial relacionado co tradicional agora é o de gaita no conservatorio. Non es nin cantante, ni bailarín tradicional profesional”, lamenta.

Diego Docabo explica que actividades como o Serán 03 –que se celebrará os días 10, 11 e 12 de xuño na Cidade da Cultura en Compostela– teñen como fin chamar a atención sobre a necesidade de declarar o baile e música tradicionais galegos BIC e patrimonio inmaterial. Adiantou que nesta edición –leva dous anos sen celebrarse por mor da pandemia– se centrará nas pandereiteiras.

Compartir el artículo

stats