Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Alemaña a Santiago: 100 anos de Surrealismo e Deseño

Compostela estrea “Obxectos de Desexo”: unha exposición con obras de Man Ray, Dalí, Gaudí, Le Corbusier ou De Chirico

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e demais autoridades na inauguración da exposición no Gaiás. Xoán Álvarez

‘Cadeira para Casa Calvet’, de Antonio Gaudí; ‘Arabesco’, de Carlo Mollino; ‘Sculpture Ozon III’, de Le Corbusier ou ‘Cadeau/Audace, de Man Ray. Estas son algunhas das obras que poden verse na exposición “Obxectos de Desexo: Surrealismo e Deseño, 1924-2020”, inaugurada onte no Museo Centro Gaiás.

Son 280 obras de pintura, escultura, obxectos ou fotografías asinadas por creadores internacionais da altura de Man Ray, Le Corbusier, Salvador Dalí, Giorgio de Chirico, Ray Eames ou Frederick Kiesler, entre outros destacados nomes da arte e o deseño dos últimos 100 anos. Logo de pasar por Madrid, Barcelona e Alemaña, esta mostra, froito da colaboración entre a Xunta, a Fundación ‘la Caixa’ e o Vitra Design Museum de Alemaña, un dos máis importantes do mundo no eido do deseño, estará en Compostela ata o 28 de agosto (entrada de balde). Despois de Galicia viaxará ao Design Museum de Londres.

Autoridades diante dunha obra de Salvador Dalí na inauguración da exposición. Xoán Álvarez

“Dende os seus inicios, o Surrealismo inspirouse no deseño e nos obxectos cotiáns e alterounos para facelos máis fantasiosos, oníricos, irónicos, terroríficos ou emocionais. Malia todo, o impacto deste movemento artístico sobre o deseño é tan intenso como pouco coñecido. O Surrealismo animou a deseñadores e deseñadoras a cuestionar a realidade que se agocha detrás do visible, a deseñar obxectos que rompen coa rutina e escapan do cotián. A súa influencia estendeuse por todos os ámbitos do deseño do último século: dende o mobiliario e o deseño de interiores ata o deseño gráfico, a moda, o cinema ou a fotografía”, tal e como contan dende a organización.

Incorporar as emocións humanas

“O Surrealismo deu a numerosos deseñadores críticos co racionalismo a inspiración para incorporar as emocións humanas, as formas orgánicas e o mundo irracional aos obxectos de uso cotián. Moitos artistas surrealistas víronse na obriga de emigrar aos Estados Unidos, fuxindo do nazismo e da guerra”, engaden as mesmas fontes sobre esta exposición, comisariada polo director do Museo Vitra, Mateo Kries (co patrocinio de Hugo Boss e o apoio de Art Mentor Foundation Lucerne). Achegan pezas, ademais do Museo Vitra, a Fundación Le Corbusier de París, a Fondazione Giorgio e Isa De Chirico de Roma, o West Dean College británico ou o Museo Den Bosch de Holanda.

Asistentes á inauguración observando unha obra de Le Corbusier. XOÁN ÁLVAREZ

O titular de Cultura do Goberno galego, Román Rodríguez, que inaugurou onte esta mostra de “gran proxección internacional”, celebrou a súa chegada a Compostela por ser “unha das antoloxías sobre deseño contemporáneo e arte surrealista máis sobresaíntes dos últimos tempos e boa mostra da revolución creativa que supuxo esta corrente artística”.

Román Rodríguez quixo tamén salientar a “frutífera cooperación” entre a Xunta de Galicia e a Fundación ”la Caixa” que xa posibilitou visitar na Cidade da Cultura, no marco do Xacobeo, proxectos expositivos como Cinema e emocións. Unha viaxe á infancia –con fondos da Cinémathèque française– e Faraón. Rei de Exipto –con obras do British Museum–.

Referencia nacional e internacional dende Galicia

“A través desta colaboración seguimos traballando na promoción da Cidade da Cultura como centro de referencia cultural a nivel nacional e internacional”, declarou. Nesta liña, referiuse a que esta exposición completa a programación “atractiva, diferente, vangardista e comprometida coas distintas sensibilidades artísticas e intelectuais” prevista para este ano.

O acto de inauguración contou tamén coa participación da xefa de operacións e directora adxunta do Vitra Design Museum, Sabrina Handler; a responsable territorial da Fundación ”la Caixa”, Susan Santos; a directora comercial de RED Galicia de CaixaBank, Marta Albela e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira.

Compartir el artículo

stats