Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Que lían de nenos os nosos escritores e escritoras?

Lembran “devorar” libros de aventuras e moito cómic | Coinciden en Roald Dhal, Michael Ende, Stevenson, Verne ou Mortadelo e Filemón

Antonio García Teijeiro, Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antonio M. Fraga y Xavier Estévez

“Píllasme en Madrid”. “Eu viaxo en breve a Berlín”. Son días de moita actividade para os escritores e escritoras. As súas historias viaxan máis alá de fronteiras de comunidades e países. E, en ocasións, eles e elas tamén, para congresos, firmas de libros, charlas, xuntanzas internacionais de autores... Normalmente, coincidindo co Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra hoxe, aumenta o número de actos en axenda.

Antonio García Teijeiro

“Atopei varios libros da miña nai de Celia, de Elena Fortún”

Antonio garcía Teijeiro

decoration

Antonio García Teijeiro, entregado á poesía para nenos/as, sacará este mes de abril o seu libro número 80: “Que demo de monicreque!” (Galaxia). Con “Poemar o mar” gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil-2017). “Estarei todo o día na Coruña nunhas xornadas de poesía infantil das bibliotecas municipais (’Primaletras’). Contesto á volta”, di García Teijeiro ao recibir a chamada para esta reportaxe. Lembra que na súa casa e no colexio non había libros nin bibliotecas. “Terreo ermo case total. Lembro na casa un moble fermoso cuns libros para adornar, de nulo valor literario, pero que tiña unha edición de ‘Platero y yo’, de Juan Ramón Jiménez. Era ben pequeno, tentei lelo pero non puiden. Como había un burro... pensei que era acaído para min. Cando morreu a miña nai, descubrín unha serie de libros que eran dela e, entre eles, varios de Celia, a personaxe de Elena Fortún. Un deses libros era ‘Celia en el colegio’. Sei que me fixo moi feliz. Aínda sinto certa nostalxia ao recordalo. Lembro tamén unha edición de ‘Las aventuras de Tom Sawyer’, en edición de cómic/narración que me encantou. Algún libro con contos de Andersen ou os Irmáns Grimm, unha edición abreviada de ‘La isla misteriosa’, de Verne... Pouco máis”, expresa Antonio. No seu caso escribir para a rapazada veu marcado pola súa profesión de mestre. “Sempre dixen que a literatura me abriu novos camiños e que proporcionou unha dimensión máis rica á miña vida. E a poesía cambiouma, sen ningunha dúbida”, apunta.

Ledicia Costas

“Tiña un libro de contos tradicionais moi macabros que lía unha e outra vez”

Ledicia Costas

decoration

A escritora Ledicia Costas, que acaba de publicar “O neno de lume” (Premio Xerais Infantil 2022. Tamén é Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015 con “Escarlatina, a cociñeira defunta”), fálanos das súas lecturas preferidas da infancia antes de voar a Alemania, convidada polo Instituto Cervantes para unhas actividades, precisamente polo Día do Libro (LIX). “Tiña un libro titulado ‘Cuentos maravillosos del mundo entero’. Unha recopilación de contos tradicionais onde o macabro estaba moi presente. Relinos hai pouco e pensei: que barbaridade, e eu lía isto! Era o meu libro favorito, lino unha e outra vez ata que empezaron a caerlle as follas polo desgaste. Tamén era ávida lectora de Mortadelo e Filemón e Zipi y Zape. Con María Gripe descubrín o que era mergullarse nunha historia para non querer saír xamais e con Michael Ende, voei”, conta Costas.

"Supoño que me gustaría espertarlles cos meus libros o mesmo que me espertaban a min todas aquelas historias que devoraba”

decoration

Por que escribe para nenos/as? (se ben Costas ten varios libros non-LIX, como “Infamia” ou “Golpes de luz”). “Son unha gran lectora de libros infantís. En realidade, escribo o que me gusta ler. E logo pesa moito como son as nenas e nenos como público. Enténdome moi ben con eles. Supoño que me gustaría espertarlles cos meus libros o mesmo que me espertaban a min todas aquelas historias que devoraba”, apunta. A pesar da distinción LIX, os escritores explican moitas veces que a LIX non é só para nenos/as, é para todos os públicos xa que as boas historias non teñen idade.

Andrea Maceiras

“Matilda, de Roald Dhal. E eu empecei escribindo contos para a miña irmá”

Andrea Maceiras

decoration

“Estou en Madrid, na entrega do Premio Anaya”, conta Andrea Maceiras, que levou este galardón por “Alma de elefante”. “O meu libro favorito de pequena era ‘Matilda’ de Roald Dhal. Agasalláronmo na biblioteca do meu concello, Cambre, cando era nena por ser unha das usuarias máis lectoras. Relino moitísimas veces naqueles anos e lembro o confortada que me facía sentir, a evasión de entrar no mundo que abría aquela historia. Sempre me gustaron as novelas capaces de envolver a quen as le e creo que Matilda é sen dúbida unha desas historias”, desvela Maceiras, que indica que empezou escribindo contos para a súa irmá máis nova. “Para min é natural escribir historias de LIX. Eran regalos para ela. Desde entón sigo disfrutando enormemente da LIX como escritora e tamén como lectora. Ademais, non hai un público máis fresco, lúcido e divertido que este”, argumenta Maceiras.

Eva Mejuto

“Michael Ende, G. Rodari, Mortadelo e Filemón, aventuras de Enid Blyton...”

Eva Mejuto

decoration

Eva Mejuto (“22 segundos”, “A lavandeira de San Simón”, Xerais, con varios galardóns -Premio Clubs de Lectura 2021-) tamén está fóra no momento da chamada: “Cóllesme en Murcia, nunha firma de libros”. Cales lembro? “Michael Ende: ‘Momo’ e ‘La historia interminable’, o humor tolo dos libros de Gianni Rodari, na casa había moitos cómics de Mortadelo e Filemón e sabíaos de memoria, libros de aventuras de Enid Blyton… Pero hai dúas autoras que penso que me marcaron especialmente: Christine Nostlinger e Judit Kerr, con obras como ‘Konrad, el niño que salió de una lata de conservas’ ou ‘Cuando Hitler robó el conejo rosa’. A LIX galega nos anos 80 na miña infancia era aínda moi escasa e eu tiven pouco acceso a ela. A autores como Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey ou Xabier Docampo linos xa de adulta. A rapazada de hoxe en día ten moita sorte neste sentido”, comenta Mejuto, que estudou xornalismo pero atopou o seu lugar “entre libros”.

Xavier Estévez

“Lembro Astérix e Tintín nunha biblioteca co meu irmán en Bruxelas ”

Xavier Estévez

decoration

Xavier Estévez (“Os camiños do vento” ou “Avións de papel”-Xerais- entre outros) destaca os cómics de Astérix ou de Tintín. “As miñas primeiras lembranzas son de Bruxelas, onde nacín. Había unha biblioteca cerca do colexio e adoitaba ir co meu irmán. Despois chegaron os Cinco e os clásicos: Stevenson, Conan Doyle, Verne, Mark Twain... Libros como ‘El lago de los ensueños’, de Juana Spyri, ou ‘Mujercitas’ marcáronme moito”, apunta Estévez que indica que no seu caso “ler e escribir foron da man”.

Antonio M. Fraga

“Recordo devorar os Hollister. Tamén os Cinco. Despois relín e son espantosos”

Antonio M. Fraga

decoration

Antonio M. Fraga (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil en 2020 por “Santoamaro”-Xerais) devoraba os Hollister. “Tamén lía os Cinco. Anos máis tarde achegueime de novo a esa colección e descubrín que eran uns libros espantosos en moitos sentidos. Lía tamén moito cómic. Lembro, ademais, os ‘Contos Miúdos’ de Luís Iglesias de Souza e ‘Das cousas de Ramón Lamote’, de Paco Martín”, expresa. En canto a escribir: “Unha data, ano 2010, cando quedei no paro, despois de anos traballando como enxeñeiro. Foi unha oportunidade para dedicarme ao que até entón fora só unha afección. Unha amiga regaloume un caderno e díxome: escribe!”.

Por que te dedicas a escribir libros para nenos/as?

“Eu fun unha persoa antes de ler, e outra, tras descubrir todo o que as boas lecturas nos agasallan. Como eu non quería que o meu alumnado vivise o baleiro literario que vivira eu, sempre lles acheguei os libros que lles podían gustar. E un día, decidinme a escribir algún texto para eles. Comprendín axiña que lles gustaban e aí iniciei a miña carreira literaria. Carlos Casares confiou en min e, en Galaxia, comezou todo: relatos, poemarios, novelas… Este traballo ten de especial que axuda os lectores/as en formación a gozar da palabra dende o punto de vista estético, que os fai crecer e nos permite querelos máis”, expresa Antonio García Teijeiro.

Para Eva Mejuto: “Despois de case vinte anos traballando no mundo da edición, nas bambolinas do mundo dos libros, sentín que era a hora de darlle forma a moitas historias que levaba dentro, quer en formato de novela xuvenil, de álbum ilustrado… Ata ese momento realizara diversas adaptacións de contos tradicionais, tanto en OQO como en Kalandraka, mais sentía que era o momento de contar historias propias. Para min, dar de ler é o oficio máis fermoso do mundo, quedei prendida del hai 25 anos, e aquí sigo (por moitos anos!)”

Segundo Antonio M. Fraga, foi no 2010 cando quedou no paro logo de traballar como enxeñeiro. “Pouco despois meu irmán anuncioume que ía ter unha filla, a miña primeira sobriña. Pensei en aproveitar os contos que escoitaba de neno para crear un relatiño dedicado especialmente para esa nena que estaba por nacer. Mais enleeime, e o que ía ser un relato breve acabou por ser o meu primeiro libro. Gustoume tanto a experiencia que quixen continuar nese camiño de crear historias para a rapazada. Os adultos temos diferentes motivacións para ler. Cando unha crianza abre un libro, esixe só divertirse, nin máis nin menos. Conseguir que iso aconteza non é fácil. Por iso este oficio é tan especial”.

Xavier Estévez. “Comecei na escrita moi noviño, máis por aburrimento que por outra cousa (eran outros tempos). E ao longo dos anos descubrín o pracer que obtiña dese proceso creativo. Non digo que sexa unha terapia, pero case. 

Escribir, e máis para cativos, crea unha ponte entre o adulto e a infancia que quedou atrás. É unha visita a lugares e momentos do pasado, a todo aquilo que permanece na memoria. E tamén, un xeito máis inocente de ver o mundo, un cambio de perspectiva. 

A escrita é un traballo solitario pero que, ao tempo, tece unha rede cos lectores. Formar parte dese xogo é emocionante. Xa o dicía o admirado Michael Ende: “o impulso de escribir é o pracer do xogo, libre e espontáneo, da imaxinación”. Xoguemos pois, uns a sementar historias e outros a descubrir o mundo. 

Por que é importante que os nenos/as lean?

Ledicia Costas: “Pola mesma razón que é importante que as persoas adultas lean. Para comunicarse, emocionarse, divertirse e gozar, gozar e gozar”.

Eva Mejuto: O contacto directo coa rapazada fíxome ver a forza, o poder que teñen os libros nas primeiras idades, como serven para coñecerse a si mesm@os e aos demais, tomar conciencia da realidade, xogar, divertirse, imaxinar outras realidades… O listado de beneficios de que as crianzas lean é grande de máis para resumir en 8 liñas, pero eu destacaría que contribúe a crear un pensamento propio, crítico… Precisamos crianzas e persoas adultas que sexan quen de pensar por si mesmas, que non se deixen enganar, que sexan quen de imaxinar, de gozar, de abrir os ollos ao mundo para entendelo e, por suposto, mudalo.

Antonio García Teijeiro: A lectura é unha fonte interminable de recursos varios, tanto dende o punto de vista lúdico, coma dende a visión crítica da vida. Estou convencido de que as boas lecturas axudan o lectorado a coñecerse mellor e a coñecer o mundo que os rodea. Un bo libro crea unha atmosfera íntima, persoal que provoca un gozo difícil de expresar con palabras. A lectura é pracer, pero tamén é coñecemento do ser humano como tal. A lectura divirte, provoca reflexión, fai máis libre a quen le, permite ter unha visión máis ampla da vida, pode facernos máis tolerantes e conscientes do que é o noso mundo. A lectura enriquece o individuo, faino medrar internamente, emociona, educa a sensibilidade, como arte que é, favorece a expresión oral, o gusto pola palabra literaria e dota a vida duns matices que ás veces non somos quen de imaxinar. En definitiva, acompaña os nosos soños.

Andrea Maceiras: Eu sempre lles dicía aos meus alumnos e alumnas que se puidese darlles un agasallo na vida sería o do gusto pola literatura. Ler parécese a pensar, a viaxar, a compartir e a pescudar sen ser exactamente ningunha desas cousas ou todas ao tempo. E é moi importante cultivar esta paixón cedo porque case todas as cousas que determinan a nosa identidade comezan na infancia e na adolescencia. Quen lea Lix poderá ou non manter o gusto pola literatura na vida adulta, pero terá máis posibilidades de facelo que quen non se achegue aos libros na infancia. O papel dos mediadores e mediadoras é esencial neste sentido. E todos os que nos dedicamos á literatura infantil e xuvenil somos plenamente conscientes da súa importancia na formación de lectores e lectoras. Por iso o meu obxectivo é o de crear historias interesantes e, sobre todo, que faltan desfrutar a quen se achega a elas.

Antón M. Fraga: Porque a diversión, a emoción e o pracer debe ser unha parte fundamental das nosas vidas. É o noso dereito. E todas esas sensación nolas proporciona un bo libro. A cultura é unha das experiencias que nos conforman como seres humanos. Depois, aos libros podemos sacarlle outros zumes. A través da lectura tamén podemos aprender, reflexionar, moldear un pensamento crítico, etc. Mais desde o meu punto de vista todos eses son adobíos da torta. O biscoito que sostén a experiencia lectora ten que ser a emoción.

Xavier Estévez: A estas alturas xa non é preciso repetir o fundamental que é a lectura para o desenvolvemento cognitivo dos rapaces e rapazas, para todas as aprendizaxes, incluída a socioemocional. Os nosos fillos viven inmersos nun mundo dixital que lles está roubando a atención. Iso é doado de ver nas aulas. Nenos sobreestimulados con vocabulario moi pobre e unha escasa atención. ¿E len? Por suposto que o fan. A pesar da tentación das pantallas len. Pero cómpre que a familia e a escola colaboren para afianzar este hábito. Os beneficios están claros. 

Os libros están ligados, no meu caso, a lembranzas moi felices da miña infancia. Non preocuparseda lectura dos pequenos é pechar a porta a momentos así, felices. Non hai escusa. O propio pracer da lectura é, para min, o mellor motivo.

Compartir el artículo

stats