Entre 1939 e 1942, México acolleu a preto de 25.000 exiliados da Guerra Civil española. E no buque “Ipanema” chegou Florencio Delgado Gurriarán, para manter viva a chama da cultura galega no exilio. A máis de 8.000 quilómetros da súa terra de Vilamartín de Valdeorras, promocionaría iniciativas como o Padrodado da Cultura Galega en México, a revista Vieiros que el mesmo dirixiría con Carlos Velo e Luís Soto, ou o programa radiofónico Hora de Galicia –en antena cada domingo durante case dúas décadas–. Neste atribulado 2022 recibe a gloria do Día das Letras Galegas, cando se cumpren 35 anos da súa morte en Fair Oaks (California). E celebrarase con 150 voltas en torno á figura de Florencio Delgado Gurriarán.

Serán así 150 iniciativas as que impulsarán a Xunta de Galicia, a Real Academia Galela e o Consello da Cultura Galega, xunto con empresas, entidades e administracións locais. A programación presentábase este mércores na Cidade da Cultura en Santiago, con implicación especial da comarca de Valdeorras e a Deputación de Ourense como zona de orixe deste poeta, tradutor, editor, escritor e activista. Esta aposta cultural incluirá as exposicións Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de Ensoños, de Xunta e Editorial Galaxia, e Compromiso na distancia que percorrerá dez localidades entre maio e decembro. Tamén haberá mostras polas bibliotecas públicas, e as dos gañadores do Concurso Letras Galegas.

A nivel escénico, o programa conta co teatro de obxectos Tras os vieiros de Florencio de Fantoches Baj, o festival musical Festiletras coa Fundación Eduardo Pondal, obradoiros nas bibliotecas como Versos, cores e colaxes, contacontos e especiais na CRTVG. Segundo avanzou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “porase en marcha unha iniciativa innovadora en colaboración cos concellos da comarca de Valdeorras con rutas para dar a coñecer os principais puntos de interese artístico, histórico, social e cultural”. E manteranse os traballos dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros.

Román Rodríguez destacou a Florencio Delgado Gurriarán como “un home irrepetible cunha vida dedicada á nosa terra e ás nosas letras que desenvolveu un enorme labor na promoción da lingua e a cultura galegas desde o exilio”. Vinculado ao Partido Galeguista e con ideais profundamente republicanos, Delgado Gurriarán recordaba así nunha entrevista en Guadalajara en 1979 a represión en Galicia: “Foi tremendamente dura, criminal... Había señores que se poñían o seu uniforme da Falange ou de requeté e que se colgaban un escapulario para lanzarse a matar xente polas aldeas e as cidades”. O conselleiro de Cultura quixo incidir onte “no seu forte compromiso político e democrático nunha época convulsa”.

Este ano das Letras Galegas terá ademáis un carácter tan cosmopolita como o propio homenaxeado, con festivais culturais en Nova York e México e outras actividades dos Centros de Estudos Galegos por todo o mundo. Á presentación deste mércores tamén asistiu o sobriño e biógrafo de Florencio Delgado, Ricardo Gurriarán.