O mellor de Laxeiro: 40 obras de Galicia ata Madrid e París

Román Rodríguez en Madrid con Ana Pastor ou Roberto Varela. | // FDV / S. Otero
Eses rostros vangardistas de obras como “O espanto” son imaxes que levan a un nome: Laxeiro ou José Otero Abeledo (Lalín, 1908-Vigo, 1996). Formou parte dese grupo de novos artistas, ‘Os Renovadores’, que abriron un camiño de actualización estética. “Foi un home” é outra das obras do artista galego e é precisamente a elexida para o título da exposición presentada onte na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid), unha mostra que reúne 40 pezas do pintor galego (de coleccionistas privados e diversas institucións) e que chegará, ademais de Madrid, a Santiago, Lalín e París.
As obras seleccionadas para “Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires 1950-1970)” pertencen a esas dúas décadas da etapa do artista galego en América. Segundo o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez, “está considerada a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”.
"Está considerada a súa etapa de madurez, de 1950 a 1970, en Bos Aires"
En 1951 participou na exposición “Artistas galegos”, organizada por Luis Seoane por encargo do Centro Galego de Buenos Aires, na Galería Velázquez. Dende entón, fixou a súa residencia na capital arxentina, en contacto con Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou onte en Madrid esta exposición, xunto coa conselleira de Cultura, Turismo e Deporte da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz. O Goberno galego, a través da Fundación Cidade da Cultura, e en colaboración co Concello de Lalín, organiza esta exposición no marco do Ano Laxeiro, despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicar o Día das Artes deste ano (2022) ao pintor galego máis relevante do século XX.
“Imos traballar para que esta exposición axude a situar a obra de Laxeiro no lugar que lle corresponde na historia da pintura española do século XX e agradecemos a implicación de todas as institucións que comparten con nós este obxectivo”, expresou Román Rodríguez.
"Situar a obra de Laxeiro onde lle corresponde, máis alá de Galicia, divulgar a súa figura"
No acto participaron tamén o académico delegado do Museo da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Víctor Nieto; o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o pintor Antón Llamazares, o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o conselleiro de Cultura da Embaixada de España en París, Roberto Varela, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O artista Antón Llamazares realiza a peza conmemorativa da exposición, “unha obra que representa a alegría e celebración polo Ano Laxeiro, a figura máxima da pintura e a alma da nosa terra”.

Román Rodríguez na presentación da exposición en Madrid. / Javier Liaño
Estrea en Lalín o 6 de abril
A estrea da exposición terá lugar no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde permanecerá do 6 de abril ao 5 de xuño. A seguinte estadía será na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) do 22 de xuño ao 24 de xullo.
De volta en Galicia, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Rematará, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro e grazas ao apoio da Embaixada de España en París, no Instituto Cervantes da capital francesa.

Foto de grupo na presentación. / Javier Liaño
- El juez del caso Rubiales al abogado de Jenni Hermoso: 'Si sigue así le doy la sentencia para que la ponga ella
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Aparecen decenas de libros desperdigados en una céntrica calle de Vigo: «Non o podo entender»
- Colesterol alto: los alimentos que debes eliminar y los mejores para controlar los niveles
- Retenciones en la AP-9: tres heridos, dos de ellos guardias civiles, por un doble accidente a la altura de Peinador
- El conselleiro de Sanidade defiende atender en casa: «Los mayores manejan la app del Sergas que te cagas»
- Localizado Óscar Freire, que abandonó de forma voluntaria su domicilio
- Sale a la luz el plan de David Rodríguez tras descubrir que el foco de la investigación se centra en él: «Contar muchas cosas de su pareja»