Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

César Antonio Molina: melancolía entre anxos

O escritor e profesor universitario coruñés entra a formar parte da Real Academia Galega de Belas Artes

César Antonio Molina (iz.), no acto do seu ingreso na academia.

Tempos de confinamento, tempos de memoria. Os meses nos que o mundo permaneceu pechado serviron para repasar as respectivas vidas. César Antonio Molina remontouse á súa infancia “de familiares republicanos que morreron no exilio de París e outros que deron cos seus ósos nos cárceres do franquismo”. Recuperou vivencias con amigos “camorristas” como Javier Correa Corredoira. Viaxou ata os anos como director das páxinas culturais de Cambio 16 e Diario 16. E semellante exercizo de melancolía rematou na súa etapa como ministro de Cultura, “na loita contra a empresa pirata Odyssey” que expoliaba os restos do pecio de Nuestra Señora de las Mercedes. Todos eses 69 anos de vida aparecen condensados no discurso de agradecemento do novo membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

Desde este luns pola tarde, César Antonio Molino xa é académico de honra da RAGBA. Nacido en A Coruña, o escritor e profesor universitario recibiu este recoñecemento na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso, cando aínda ten recén saído do forno a homenaxe de Cunqueiriano de Honra concedido polo concello de Mondoñedo. E quixo agradecelo cuns versos do seu último libro Para o tempo que reste que din así: A cultura é a unica garantía para unha sociedade máis humana... Os espectadores xa son como anxos: vén todo pero non saben nada. Analfabetos da imperfección. A fealdade é como un corazón atonal. A fealdade é inmortal, non así a beleza.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, Molina tivo esa sorte tan soñada por moitos de mil vidas nunha soa vida. Profesor na Complutense e na Carlos III, xornalista tanto en suplementos culturais como en revistas especializadas de literatura, director do Círculo de Belas Artes de Madrid, director do Instituto Cervantes, Cabaleiro da Orde das Artes e as Letras de Francia, ministro de Cultura co presidente Zapatero entre os intensos 2007 e 2009, creador da Casa do Libro de Madrid... E sen embargo, a súa memoria voa sempre ata a infancia e a mocidade en A Coruña: “Eu era un neno da rúa da Torre, aínda que nacín nun dos seus afluentes, a rúa de Miguel Servet. A rúa da Torre foi o meu paraíso porque alí estaba a casa dos meus bisavós maternos: os Ventureira. Esta zona da cidade era un grande descampado, con casas rurais mesturadas cos edificios da fábrica de armas. O océano e a ría aínda se podían ver diáfanos desde moitos lugares”.

Por esa A Coruña de palmeiras e haigas (coches de indianos) paseaba o neno César Antonio Molina: “Os veráns íamos á praia de Santo Amaro onde recollíamos caranguexos e lapas das rochas; e xogábamos nas abas da Torre de Hércules onde había canteiros desbastando pedras. Verán e inverno, a luz do faro daba sobre a xanela do meu cuarto”. E noutra volta de torniqueta, o novo académico de honra recalcou que “é curioso que aquel neno anos despois, e teño que dicilo con grande orgullo de coruñés e galego, contribuiu a que o noso monumento, tan singular, fose declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco”. Así aconteceu o 27 de xuño de 2009, cando César Antonio Molina levaba dous meses e medio fóra do Ministerio de Cultura pero tras anos nese proxecto.

En nome da Real Academia Galega de Belas Artes, a benvida correu a cargo de Felipe Senén López Gómez. O membro numerario da Sección de Arqueoloxía e Museoloxía incidiu en que “o teu discurso, como canto levas feito en prosa ou en verso, non deixa de ser unha declaración de amor, ese amor tan poderoso: O maior antídoto contra a morte”. A resposta de Felipe Senén continuou polo “amor (de César Antonio) aos camiños da vida e ao referente da túa cidade, aos teus que é a casa, os amigos, a cidade e o faro... “ Máis que un bibliófilo, un devorador de libros, a paixón de Molina pola cultura amósase nestas palabras do anfitrión da RAGBA: “Por alí onde pasou como especialista, critico literario e das artes nos máis prestixiosos xornais e revistas, como profesor e conferenciante sabe expurgar na biblioteca universal e escoller fitos referentes que abren a novas filosofías”.

‘Cinema Paraíso’ en Montealto

Felipe Senén definiu a vida de César Antonio Molina como “unha particular historia, singular Odisea, con algo argumental desa historia de amor ao que se profesa, que é o film Cinema Paradiso, onde A Coruña sería como a pequena vila siciliana de Giancaldo, na que nos anos de posguerra nacen tantas ilusións, onde acontece a formación dun neno e dun mozo”. Neste caso, César Antonio sería un “Totó de Montealto” con A Coruña tamén transfigurada na súa Ítaca particular a pesar dos seus múltiples avatares polo mundo.

O escritor fixo repaso de angustias como “cando tomei a decisión como ministro de demandar nos EEUU á empresa pirata Odyssey”. Tamén de delicias como a visita ao castelo de Salvador Dalí: “Unha excursión que xa lle gustaría facer a Bram Stoker”. E onde o xenio recibiuno en túnica branca baixo lúa chea. En fin, pura vida.

Compartir el artículo

stats