Entrevista | Helena González Medalla de Honra do Consello da Cultura Galega

“Galicia funciona como un viveiro de empregados formados para traballar fóra”

“A cuestión do autoodio galego lévanos a pensar no trauma constitutivo da nosa sociedade: unha emigración que non para”, critica a experta da Universidade de Barcelona”

Helena González, profesora na Universidade de Barcelona.

Helena González, profesora na Universidade de Barcelona. / Ramon Moreto

Mar Mato

Mar Mato

“Eu son postmoderna, polo tanto non creo no progreso”. A máxima pertence á viguesa –do barrio de Comesaña– Helena González, profesora de estudos galego-portugueses na Universidade de Barcelona. Xunto a Luis García Montero, director do Instituto Cervantes, recibe hoxe a Medalla de Honra do Consello da Cultura Galega, pola promoción da lingua e cultura galegas.

–Como evolucionou o interese do alumnado nos estudos galegos nos últimos anos no seu centro?

–Cambiou moito porque mudaron moito os planos de estudo. Na nosa universidade, os estudos son moi pechados. Cando a mediados dos noventa eu cheguei, había moitísima xente nas aulas porque podían coller unha, dúas ou tres materias. Agora, os planos son máis complicados e os estudantes acaban sendo os embaixadores da cultura galega en Cataluña.

–O bum con Tanxugueiras e Baiuca, ten algunha repercusión no alumnado; achéganse para comentarlle ao respecto?

–Si, si, por suposto e nos mesmos termos que se dirimía no debate popular. Paréceme un tema moi interesante porque a cultura popular adoita ser a mellor embaixadora das culturas. Penso no poder do manga para esperar o interese pola cultura xaponesa na xuventude. No caso de Tanxugueiras, pareceu moi interesante a súa proposta de música de raíz que dá salto a unha linguaxe visual e musical máis comercial, se se quere, senón porque se detectou unha vontade nelas de marcar a canción a través da roupa, da posta en escena, dos adornos que levaban, de como ían os bailadores.

Décadas atrás, moitos indies poñían un muro contra o popular, agora parece que se superou iso.

–Agora, estamos nun momento no que hai mistura a todos os niveis, non só cos indies. Os intelectuais antes negarían que miraban a televisión e agora consumen moitos produtos audiovisuais para explicar elementos da cultura e da política. O que me parece que subliña o fenómeno de Tanxugueiras ou a repercusión de Rosalía de Castro é que se descobre aí unhas mulleres combativas, determinadas, con gran capacidade creativa: falo de moitas escritoras, músicas, artistas.

–Lin que vostede ten estudado moito a teoría das emocións pero é un eido enorme. En que aproximación se fixa vostede?

–O que me interesa da teoría das emocións ten que ver con como pensar as diferenzas e algúns elementos que nos condicionan socialmente e nos que non interveñen só a procedencia social, raza ou lingua senón as emocións. Adscríbome á teoría crítica das emocións que conecta moito co feminismo e con pensar as identidades dunha maneira complexa, desde a perspectiva de clase, lingüística, identidade sexual.

–Cal é a aplicación práctica dedsta teoría das emocións?

–É na teoría das emocións onde hai unha teoría social que nos permite analizar máis alá de como imaxinamos a nación utilizando ferramentas que nos condicionan. Por exemplo como funciona o orgullo e como se pode empregar para dar sensación de que un grupo é moi galego. Penso nos anuncios de certo supermercado que saen cada ano e como ese orgullo que parece unha autoafirmación que pode suscribir todo o mundo de dereita a esquerda agocha un discurso conservador e misóxino. As mulleres, nos primeiros anos, aparecían representadas dunha muller conservadora. E nos anos de crise, dicíase “se chove que chova” como dicindo que non pasaba nada, que nós aguantamos sen queixarnos.

–Nunca se me pasara pola cabeza interpretar estes spots así...

–Traballan a dous niveis. Hai unha capa superficial que compramos todos porque necesitamos ter orgullo nacional pero por debaixo o que transmiten é extraordinariamente conservador ademais de que comunican un proceso de banalización da nación.

–Estamos a superar o autonoxo?

–As emocións van cambiando e se van redefinindo. A cuestión do autoodio lévanos a pensar no trauma constitutivo da sociedade galega: unha emigración que non para. A emigración tamén se pode entender non só como un trauma; tamén pode aportar cousas positivas: retorno de fomento da cultura, estruturas de país... Temos tendencia ademais a ser o país dos caladiños.

–Pero nos anos 70 había protesta social, mesmo antes de morrer Franco? Agora somos máis pasotas.

–Porque pasamos do proletariado ao precariado. Creo que asumimos que cada quen ten que facerse cargo do seu propio traballo porque o contexto é moi precario. Galicia continúa formando especialistas en moitas cousas pero parece que forma para que emigren. É como se Galicia funcionase como un viveiro de traballadores ben formados que irán traballar a outro lugar e esta será a súa única vía.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents