Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Andrea montero | Pandereteira e cantareira en Lilaina e con Baiuca

“O importante é que o orgullo polo noso non quede nalgo temporal”

“Moitas das pezas que versiona Baiuca é repertorio recollido por nós”, destaca a artista

Mariana Montero, María Montero, Alejandra Montero, Andrea Montero (esq-der).

O máximo expoñente da folctrónica en España é o proxecto do galego Baiuca, Álex Casanova. O pasado venres esgotou entradas na sala sevillana Malandar e onte actuaba no clube Music Box, no corazón do Cais do Sodré de Lisboa. O que non sabe moita xente é que “moitas das pezas que versiona Baiuca é repertorio recollido por nós”, explica a pandeireteira e cantareira Andrea Montero, do grupo Lilaina que precisamente actuaba esta fin de semana con Casanova.

Lilaina, que arela poñerse pronto a gravar o seu primeiro disco, está composta por tres irmás  (Mariana, María e Alejandra Montero) e unha curmá (Andrea Montero) que nempezaron dende moi novas a tocar e cantar na asociación cultural que fundou no 1981 o tío de Andrea en Miño (A Coruña). Hoxe en día non só teñen banda propia senón que tamén forman parte de Xosé Lois Romero&Aliboria, outro dos pivotes cos que colabora Baiuca.

“Este tipo de música –lembra Andrea Montero– chamoume dende moi pequeniña, non só pola tradición familiar senón por cando vía un grupo de pandereteiras na televisión ou a Mercedes Peón”.

O que tamén lle sinalou o camiño foi, precisamente, empezar dende moi noviña a facer recollidas de cancións populares polas casas de Galicia “e coñecer esas mulleres que nos deixaron ese marabilloso e gran legado”, defende.

A colaboración de Lilaina con Baiuca, xurdiu –explica Andrea– cando este “contactou con Romero, interesado pola música que faciamos. Quería facer un LP de misturas. Despois foise consolidando a colaboración porque quería facer directos con algunhas de nós e por disponibilidade e outras cousas comezamos a ir Alejandra e eu. Despois coñeceu a Mariana e María e quixo gravar a última colaboración no disco ‘Embruxo’”, de feito, elas cantan en cinco dos dez temas do devandito álbum.

Lilaina non só ten o recoñecemento de Baiuca. Mesmo as Tanxugueiras as convidaron a cantar en Pontevedra no seu concerto de peche da xira o pasado decembro. Sobre o escenario, Olaia, Aida e Sabela rememoraban como durante anos coincidían con elas en diferentes concursos de música tradicional que moitas veces gañaban as Lilaina.

“A verdade é que temos bastantes primeiros premios”, confesa Andrea Montero quen nega que houbese “rivalidade” con Tanxugueiras. “O recordo que eu teño dos concursos é moi bo, lonxe da competitividade, gustábame ir a eles para coñecer xente doutros sitios á que lle apaixoaba o mesmo ca min”, explica.

Para Andrea, Tanxugueiras “conseguiu levar o noso folclore a un lugar onde non tiña moita visibilidade, cun discurso moi potente e cantando en galego. O mérito téñeno todo e terá unha influencia moi positiva na música tradicional. É momento de que se poña en valor a nosa música. Tanxugueiras e Baiuca están creando un camiño novo, unha ponte entre o pasado e o presente da música tradicional. É un camiño tan válido como calquera outro”.

Para esta artista, “esta mensaxe que chega a xeracións máis novas vai asegurar un futuro para a música tradicional e que a cadea non se rompa. O importante é que o orgullo polo noso se poña en valor e non quede nalgo temporal”, reflexiona.

Non obstante, matiza que “neste bo momento da música tradicional, non debemos esquecer o traballo que hai detrás de todas as asociacións e agrupacións que traballaron e traballan moito por manter viva a tradición cultural case sen apoio”. Non menos importante foi e é para ela o labor “das mulleres que achegaron este legado que estamos a vivir hoxe en día”.

Compartir el artículo

stats