Ledicia Costas –a escritora viguesa que ten inventado os universos da señorita Bubble, Escarlatina ou da vila de Merlo para “Infamia”– recoñeceu onte no Club FARO que non só a vida é unha nora, tamén o oficio de escritora. “A escrita literaria é un exercicio solitario, cheo de subidas e baixadas”, comentou.

Con esta frase, fixo referencia a instantes nos que dá a luz a textos que no momento lle producen “euforia” convencida da súa calidade ou ocorrencia para poucas horas despois, se cadra na xornada seguinte, lelos e preguntarse como puido escribilos ao non ver neles calidade ou valor.

“Hai momentos nos que penso que ben o estou pasando e logo ao día seguinte, pregúntome: ‘Que escribín eu aquí?’ A que se debeu ese subidón? Miúdo desastre! As inseguridades, a min, acompáñanme durante todo o proceso creativo. Tamén son unha persoa que fai autocrítica continuamente”, engadiu.

Non obstante, de ningún xeito a autora quixo mostrar unha faciana de sombra do seu oficio. Máis ben o contrario. “É bonito, primeiro, deixarme sorprender a min mesma como escritora e, despois, intentar sorprender o público. As persoas que me seguen dende hai anos –reflexionou– xa teñen asumido que cada libro vai ser unha sorpresa”.

Presentada polo director xeral de Xerais, Fran Alonso, e entrevistada polo xornalista Rafa Valero, a autora viguesa recoñeceu que ten “medo de defraudar o público”. “Esa preocupación acompáñame sempre. Escribir unha nova novela é un exercicio moi grande de responsabilidade; pero que é a creación literaria senón un exercicio grande de responsabilidade?”, preguntouse.

Ledicia Costas realizou estas declaracións nun encontro no que falou dos detalles da súa última novela, “Golpes de luz” (editada en galego por Xerais e en castelán por Destino). Sobre esta historia, sinalou que “fixen unha cousa rara, unha cousa singular” pero que non se pode etiquetar xa que bebe do drama, do humor, das vivencias e consecuencias do narcotráfico ou do misterio.

O libro presenta a historia dunha familia galega integrada por unha avoa, duns 80 anos, Luz, que está nun proceso de demencia; dunha nai –a filla de Luz– que está divorciada da súa parella e pai de seu fillo; e deste rapaz, Sebas, que debe afrontar a creba da unión dos seus proxenitores.

Costas recoñeceu que “acabo escribindo sobre o que me obsesiona, fascina e preocupa” e entre esas cavilacións situou as vivencias de mulleres maiores, duns 70 ou 80 anos, que están inmersas ou comezando a presentar os síntomas dunha demencia. Pero tamén quería falar dos familiares que as coidan e dos nenos. “É un tema do que practicamente non se fala, refírome das familias que esperan anos para unha praza para o seu maior nun centro de día que non chega a ocupar porque morre antes; das familias que se encargan destes maiores porque non poden contratar persoal que os atenda; da precariedade de quen os coida e dos que reciben os coidados”, engadiu.

Ledicia preguntouse por que nos libros actualmente “desaparecen” das súas páxinas a presenza de avoas e nenos “coa de avoas e avós carismáticos que hai nas nosas familias”. A propia autora admitiu que ten unha avoa carismática, da que comentou algunhas anécdotas.

Costas tamén falou do “reto” que supuxo escribir a novela a tres voces. “Non é fácil conseguir tres voces auténticas”, sinalou ao tempo que tamén recoñecía que “nunca é sinxelo escribir un libro”.

Para a escritora galega, escribir “Golpes de luz” foi unha pasaxe á claridade despois das obras anteriores dirixidas para adultos. “Necesitaba saír da sombra e entrar na luz para escribir un libro amable”, indicou facendo referencia á escuridade que se trata en “Infamia” ou “Un animal chamado néboa”.

Unha autora que gañou dúas veces o Lazarillo e unha o Nacional de Literatura Infantil

Ledicia Costas é hoxe por hoxe unha das escritoras máis destacadas do panorama literario galego actual. Onte mesmo, no seu Twitter, celebraba que a súa última novela, “Golpes de luz (Xerais), vendera 4.000 exemplares en mes e medio, o que supón unha nova reimpresión e se traduce “nunha acollida incrible”. No ano 2000, publicara a súa primeira novela, “Unha estrela no vento”, Costas iniciou a súa carreira literaria que se saldou no ano 2015 co premio Merlín de Literatura Infantil con “Escarlatina, a cociñeira defunta” que tamén conseguiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil dese mesmo ano do Ministerio de Cultura. A acollida deste libro foi extraordinaria e actualmente está traducido a diferentes linguas do mundo. Non pararon os galardóns xa que tamén no 2015 logrou o Lazarillo de creación literaria con “Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta”, premio que volveu conseguir catro anos despois con “A balada dos unicornios”. Leticia Costas, que conta co Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria do 2020 pola súa traxectoria, acadou tamén que a súa novela “Infamia” fora o libro máis lido nos clubes de lectura de Galicia da ESO no curso 2019-2020.