A Lotaría de Nadal ten algo máxico que vai máis alá dos dividendos que reparte, inferiores a moitos outros sorteos semellantes. Quizáis polas datas nas que se celebra ou polo feito de compartir décimos coa familia,converténdose máis nunha excusa para compartir que nun obxectivo por gañar, aínda que ese día sempre te levantas pensando cun lixeiro “e se toca?” que a correr se esfarela a medida que os nenos de San Ildefonso van cantando números e ningún deles, nin tan sequera os das pedreas, son os teus.

É por iso que, cando toca, as sensacións van dun lado a outro, desde a incredulidade de que estás a punto de espertar dun soño ata a euforia de “pago eu todo”, ainda que só en invitacións te fundas máis do que che tocou. Levo realizando coberturas como a de onte desde hai máis de vinte anos, desde aquel Gordo de Rianxo en 2003 ata outros menores que caíron nesta comarca, pero nunca se me pasou pola cabeza que, algún día, eu podería estar entre todas esas persoas ás que alcanzou a ilusión. En todas esas ocasións todos respostan con tópicos, “vou tapar buracos”, “véñenme moi ben porque quería facer”, “vou mercar tal cousa que sempre quixen ter”, ... Si, son tópicos, pero moi reais e hoxe entendo o reais que poden chegar a ser, tópicos dos que non che cambian a vida, pero que che fan ollar ao frente cun toque de optimismo co que non te levantaras esa mañá.

Unha mañá que foi como calquera outra: saír da casa, percorrer os kilómetros que separan a miña casa de Vilagarcía, tomar un café e sentarme a pensar en que escribir para o día seguinte ata que escoito a voz do meu compañeiro Manuel Méndez dicíndome que tocara na Illa e en Meis. Tocaba levantarse e acudir á Administración de Lotaría pensando “a ver se vai ser un dos que eu teño, seguro que non me cae esa breva”. Sentarse no coche e escoitar pola radio que volve a tocar outro cuarto na Illa, este con 92 series que pasaron pola administración (ao final venderíanse cerca de 80), algo que me confirma a miña compañeira María López cunha chamada, un número moi alto como para non sospeitar que podes estar entre os agraciados, sobre todo se a maior parte dos números que gardas no bolso son mercados en bares e a colectivos dese municipio. Inda estaba entrando pola ponte co coche cando o móbil volveuse tolo cos whatsapps que falaban de que tocara no instituto, aos rapaces de cuarto da ESO que querían facer unha viaxe. Un deles, Pablo Piñeiro, curmá da miña muller, foi o que nos acabaría dando a sorte cando se confirmou.

Aparcar a vinte metros da administración e non saber se correr para confirmalo ou actuar como faría en condicións normais. Opto pola segunda, cunha suor fría percorréndome o espiñazo. Chego á porta e tópome con Manuel e Cris, a parella que rexenta a Administración, cos ollos arrasados en bágoas e tratando de recompoñerse. Confirman que si, que é a lotaría do instituto e que esa noite durmirei cuns miles de euros máis no peto, pero sobre todo, coa ilusión cumprida. Tras uns minutos facendo as contas da leiteira, non quedou outra que porse a traballar. Era o que tocaba.