A escritora Ledicia Costas (Vigo, 1979) e Berta Dávila (Santiago, 1987) foron proclamadas gañadoras dos Premios Xerais 2021, dotados con 10.000 euros cada un, nun acto celebrado onte no Museo Meirande, en Rande-Redondela. A escritora viguesa gañou por unanimidade o XXXVI Premio Merlín de Literatura Infantil que concede a editorial galega coa súa novela “O neno de lume”, galardón que gañou xa en 2014 con “Escarlatina, a cociñeira defunta”, que ese mesmo ano acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil. A esta convocatoria concorreron 26 obras.

Pola súa banda, Berta Dávila gañou por partida dobre. A narradora e poeta compostelá gañou por unanimidade o XIII Premio Jules Verne con “Un elefante na sala de estar”, nunha convocatoria na que concorreron 14 obras, e tamén acadou por maioría o XXXVIII Premio Xerais de Novela por “O seres queridos”, no que competiron 44 títulos. Esta é a segunda vez na historia dos Premios Xerais que un mesmo escritor gaña dous galardóns na mesma edición. No ano 2009 Rosa Aneiros gañou os mesmos dous premios, o Xerais e o Jules Verne.

Os tres premios chegarán ás librarías no mes de mazo de 2022.

“O neno de lume” sorprendeu ao xurado do Premio Merlín pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade.

En canto a “Un elefante na sala de estar”, o xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento. “A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista”, dixo.

Sobre “Os seres queridos”, destacou a prosa precisa, atraente e emotiva coa que a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade.

Ledicia Costas, co seu premio. Ricardo Grobas

“Intento ser honesta e escribir historias que me emocionan”

Ledicia Costas - Premio Merlín

Morgan é un neno peculiar que sendo bebé aparece como por encantamento nunha cesta diante da casa da señora Culpepper. Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar. Un día, a vila aparece cuberta por unha masa compacta de néboa e Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra entón a nota que traía Morgan na cesta –“Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son o Neno de Lume”– e o cativo prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. Este é o argumento de “O neno de lume”, un conto cheo de tenrura que lembra aos clásicos e co que Ledicia Costas gañou onte o Premio Merlín, o segundo da súa traxectoria.

–Como senta repetir no Merlín?

–É moi emocionante. Que un xurado te recoñeza cun premio sempre é unha ledicia porque hai unha compoñente grande de fortuna. Pero ademáis eu teño un vínculo especial con estes premios, porque gañar o Merlín [“Escarlatina, a cociñeira defunta”, 2014] supuxo un cambio radical na miña vida. Agora, a ver que pasa con este, espero que moitas cousas boas e que chegue a moitas bibliotecas e escolas para que corra entre as mans de nenos e nenas, que son os destinatarios naturais desta historia.

–O xurado di que é unha historia ao estilo dos contos clásicos. Foi algo premeditado?

–Foi deliberado. Meu conto favorito sempre foi “A vendedora de mistos” e creo que en parte por iso escribín esta historia, onde o lume está tan presente. Reparei nos contos que me gustaban de nena e caín na conta de que nunca escribira un conto de fadas ao estilo clásico e que apetecíame moito facelo. É un libro que fala do poder da amizade, que ten un importancia especial na infancia, e tamén do valor das diferenzas e das inxustizas sociais.

–Escribe pensando no lector?

–Escribo pensando en ser honesta co que quero facer. Escribo historias que a min me emocionan porque creo que a única maneira de emocionar ao público é emocionándome eu primero. Eu teño que estar contenta co traballo para que sexa ben recibido polo público.

–Podería haber unha segunda parte?

–É unha historia autoconclusiva, o que non quere dicir que nun futuro non o faga, porque os nenos queiran que escriba a historia doutros personaxes porque construín un universo donde habería moito aínda que explorar. Xa me pasou con Escarlatina e tamén coa señorita Bubble, que ían ser só un libro.

Berla Dávila posa cos seus dous galardóns. Ricardo Grobas

“A miña escrita parte sempre de contar o pequeno”

Berla Dávila - Premio Jules Verne y Xerais de Novela

Berta Dávila mergúllase no íntimo para falar do suicidio, da culpa e do vínculo entre as persoas. En “Un elefante na sala de estar” (Premio Jules Verne), un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo. Por outra banda, a protagonista de “Os seres queridos” (Premio Xerais de Novela) queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e decide abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade.

–Parabéns polo doblete.

–Estou moi contenta de que estes libros vaian chegar as mans dos lectores co abrigo destes premios, porque son dous libros singulares e teñen un traballo arduo de escrita.

–Nestas dúas novelas, mergúllase no íntimo para falar de temas universais como a culpa, o arrepentimento, os vínculos persoais, a maternidade e a morte...

–Creo que iso é algo propio da miña escrita, que parte sempre de contar o pequeno. Contar o pequeno é unha maneira de trascender o íntimo e contar tamén o que é universal.

–En “Un elefante na sala de estar” aborda o tema do suicidio, do que se fala pouco.

–Este libro intenta facer un retrato continuado dese primeiro ano de loito e de como se atravesa cuando, ademáis, se leva enriba a carga do estigma que supón.

–E en “Os seres queridos”, do relato dominante idealizado da maternidade.

–En realidade é un libro sobre os vínculos que establecemos cos demáis e sobre como todos eses vínculos se relacionan e intensifican cando unha é nai, e de como afecta a condición de nai a como nos entendemos como persoas e o lugar que ocupamos no mundo. É un libro que trata de confrontar o relato edulcorado que existe da maternidade desde o punto de vista de alguén que non o vivencia doutro xeito e ten que aprender a construír o que significa o amor maternal desde a súa experiencia.

–Ten outros premios, pero que espera destes?

–Para min estes premios son moi referenciais. Os premios son sempre unha alegría e supoñen unha visibilidade. Ademáis, os premios teñen unha dotación económica que para min significa comprar tempo para escribir. Moitas veces falamos pouco do que significa o traballo de escribir, no que non sempre é fácil moverse.