Que hai no nome dunha persoa, nun apelido, no nome dun lugar? Que nos din de nós como persoas e como sociedade e que legado nos transmiten estas palabras? A filóloga Ana Boullón ingresou onte na Real Academia Galega (RAG) como membro de número co discurso “Todos os nomes: identidade, pobo, país”, centrado en dar resposta a estas e outras preguntas arredor da onomástica. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), investigadora de referencia neste campo, profundou na vertente lingüística e mais na dimensión social de nomes, apelidos e topónimos nun acto no Teatro Cine Elma da súa localidade natal, A Pobra do Caramiñal. A nova académica rendeulle homenaxe á súa terra na listaxe de nomes da infancia co que pechou o discurso.

“Eu non son ourive da linguaxe, pero creo que cada un de nós somos quen de crearmos a nosa biografía xeográfica, individual, familiar e colectiva, con nomes e apelidos, hipocorísticos, alcumes, formas de tratamento, topónimos, nomes comerciais, xentilicios, festivos, zoónimos. É posible así representar o pasado compartido, as persoas, as paisaxes vividas”, concluíu.

Boullón ofreceu unha síntese do que representa a onomástica galega, o campo ao que ten dedicado a maior parte dunha traxectoria investigadora na que tamén destacan os seus traballos de lexicografía ou de edición de textos medievais. E fíxoo tomando o título do seu discurso da novela de José Saramago “Todos os nomes” (1997), porque esta historia, na que non se cita nome ningún agás o do seu protagonista, José, traballador do rexistro civil, “en certa maneira reflicte a situación de ocultación de nomes que afectou o noso país”, dixo. “A despersonalización burocrática, a indefensión ante o poder e a identidade son asuntos que atinxen directamente á onomástica”, apuntou a especialista, que recordou que todos estes nomes son parte do noso patrimonio inmaterial.