“Levo toda a vida escoitando cousas que non quero escoitar. Merdas. Iso é, levo toda a vida escoitando merdas. E que queres que che diga, con case oitenta anos, estou ata as orellas”. Esta reflexión da avoa Luz, unha muller valente e peculiar, é o inicio de “Golpes de luz”, a nova novela de Ledicia Costas, publicada simultaneamente en galego (Xerais) e en castelán (Edicións Destino), un relato a tres voces –a avoa, a nai e o fillo-, chea de tenrura e humor que entrelaza o narcotráfico na Galicia dos noventa, o mundo dos coidados e un misterio familiar, unha historia que ao mesmo tempo supón unha porta aberta ao universo infantil dentro da literatura para adultos.

A escritora reencontrouse onte cos seus lectores vigueses despois de dous anos e medio, un encontro que non se producía desde a presentación da súa anterior novela para adultos, “Infamia”, un descarnado ‘thriller’ que é a antítese deste “Golpes de luz”. “Agardaba este encontro con ilusión e ganas, porque o que me alimenta é o público e se non podo ter ese contacto boto en falta unha peza moi importante. Os libros hai que acompañalos, hai que promocionalos para que a xente poida vir e iso quitóunolo a pandemia”, explicou Costas, que na presentación na libraría Cartabón estivo acompañada por Fran Alonso, director de Xerais.

"Eu tiña que escribir un libro cheo de esperanza, cheo de luz, cheo de bos momentos porque para dramas, o que estamos vivindo”

Aínda que “Golpes de luz” é unha historia que a rondaba desde hai moito tempo, a pandemia é a responsable, polo menos en parte, de que agora vexa a luz. Pero, como todo na vida, as historias tamén teñen o seu momento. “Eu tiña que escribir un libro cheo de esperanza, cheo de luz, cheo de bos momentos porque para dramas, xa temos o que estamos vivindo”, comentou.

De feito, a escritora tiña na cabeza a segunda entrega de “Infamia”, pero non lle parecía o momento para contar unha historia tan escura, “Hai que escribir o que o teu instinto che marca. Non necesitaba escribir unha historia de sombras, senón de luz”, afirmou.

E o seu instinto non a enganou, a xulgar polos comentarios que lle mandan os lectores. “O outro día recibín unha mensaxe fermosa dunha señora que dicía: ‘Teño estes días o corazón roto en mil anacos e gracias a este libro sorrín de novo’. Para min, isto é moi emocionante”, dixo.

“Golpes de luz” narra a historia de Xulia, unha xornalista que acaba de separarse e que regresa a Galicia co seu fillo Sebas, de dez anos, que está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre, sexa unha mal falada cando enfádase e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar, empezando polo abandono do seu pai cando ela era pequena.

“Hai que escribir o que o teu instinto che marca. Non necesitaba escribir unha historia de sombras, senón de luz”

A novela é unha homenaxe ás avoas e ás nais, na que moita xente se vai sentir identificada porque hai moitas Xulias, moitas mulleres recén separadas que teñen que facerse cargo dos seus fillos, dos seus pais, do seu traballo e lidiar con ese engano que nos quixeron vender: a conciliación. E estou segura de que hai moitos Sebas, moitos nenos con pais acabados de separar que empezan nun colexio novo donde todo é diferente e que non saben como vai ser a súa vida, con todo o medo que iso implica”, comentou.

Nesta novela, Costas dalle visibilidade ó mundo dos coidados, asumidos maioritariamente por mulleres. “Temos un gran problema social e é un tabú. Practicamente non se fala diso e creo que é importante poñelo sobre a mesa”, manifestou.